Quen se quedou no 2017 cos beneficios da recuperación do mercado lácteo?

As ganderías galegas aumentaron a súa facturación en 59 millóns de euros no último ano, pero só os beneficios extra que logrou a industria en Galicia polo repunte da manteiga foron de 95,5 millóns de euros, segundo Unións Agrarias

Quen se quedou no 2017 cos beneficios da recuperación do mercado lácteo?

Rolda de prensa de Unións Agrarias, esta mañá en Santiago.

O sector lácteo galego continúa no labirinto habitual á hora de botar contas. O repunte dos prezos do leite no campo do 2017 quedouse en Galicia a medio gas, en tanto no resto de España, os prezos situáronse de media 2,1 céntimos litro por riba dos galegos. Se se comparan os prezos de Galicia con catro países europeos de referencia (Francia, Alemania, Holanda e Dinamarca), Galicia estivo de media 4,1 céntimos litro por abaixo no periodo xaneiro-novembro (último mes con datos).

As cifras presentounas hoxe en rolda de prensa o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, que expuxo exemplos dos desaxustes. “Unha gandería media de Galicia ingresou 10.000 euros menos no 2017 que se estivese en Asturias, onde o prezo foi de media 3,2 céntimos superior. Cando se fala de que en Galicia cobramos menos porque estamos lonxe dos centros de consumo, iso tamén sería aplicable a Asturias. De Vilalba a Madrid ou de Oviedo a Madrid hai os mesmos quilómetros”, compara.

Para García, as explicacións do diferencial hai que buscalas noutros factores, “na xestión política, en primeiro lugar, e na ordenación industrial”, apuntou en alusión á fortaleza de Capsa en Asturias. Unións preguntouse pola “desaparición das Administracións” no sector lácteo e sinalou tanto á Xunta como ó Ministerio. “É necesaria unha arbitraxe entre gandeiros e industrias, pois as empresas seguen impoñendo prezos do leite que non teñen nada que ver cos do mercado”-cuestionou.- “En Galicia levamos ademais un ano sen que se convoque o chamado plan de fortalecemento do sector lácteo, que ía ter reunións trimestrais.

Mercado industrial
Os menores prezos do leite en Galicia no 2017 hai que contextualizalos nunha situación moi favorable para o mercado de produtos lácteos industriais, en especial da manteiga. “Se facemos un cálculo do que ingresaron a maiores as granxas galegas no 2017 pola suba do leite no campo, saen 59 millóns de euros” -sinala Javier Iglesias, responsable do sector lácteo en Unións-. “Pero se calculamos o beneficio que tiveron no mesmo periodo as industrias en Galicia polo repunte da graxa, saen 95 millóns de euros. É dicir, só co repunte da graxa, as industrias tiveron un beneficio limpo de arredor de 36 millóns de euros”, sostén Iglesias.

Os cálculos de Unións toman en conta a parte de graxa que non entraría nos briks de leite, que teñen unha porcentaxe de graxa media de arredor do 1,8%, tendo en conta o conxunto de leite enteiro, semi e desnatado.

En relación é evolución dos prezos do leite líquido, Unións botou en falta máis datos do Ministerio. “Seguimos sen saber canto lle pagan as cadeas de distribución ás industrias polo leite de marca branca, pero o que está claro é que nos supermercados hai leite a 56-58 céntimos e ese non é un prezo que permita unha sostibilidade mínima da cadea do leite”, cuestionou Roberto García. “Son necesarias medidas porque o acordo lácteo non está a funcionar”, concluíu.

Perspectivas para o 2018
Lactalis, a primeira industria en volume de leite en Galicia, está a trasladarlle este mes ás ganderías galegas un contrato anual que mantén o mesmo prezo base do último ano. Desde Unións consideran que esa é a tendencia que se repetirá no resto de industrias.

Sobre os novos contratos, a organización cuestiona en especial que as industrias lácteas estean fixando sistemas de indexación de prezos en base á evolución do valor do leite no campo no conxunto de España ou en Galicia. “Un sistema de indexación ten que ser feito con índices independentes, obxectivos e non manipulables, pero estamos vendo que as industrias usan de referencia un índice que elas mesmas deciden, o do prezo do leite no campo. É un xeito de garantir que non haberá subas de prezos ó longo de todo o ano”, critican. “Este sistema está denunciado ante a Agencia de Información y Calidad Alimentaria (Aica), ante a Xunta e no xulgado”, sinalou García.

Demandas para a próxima liña de plans de mellora

O secretario xeral de Unións advertiu de que na última convocatoria de plans de mellora quedaron fóra preto dun milleiro de explotacións, “unha cifra similar á do 2016”. García pediu da Xunta que haxa un maior compromiso presupostario para o 2018 e que se atendan os plans de mellora solicitados por estas explotacións. “De cada 100 euros destinados a esta liña, 75 veñen de Europa e 25 correspóndenlle á Xunta e ó Ministerio”, detallou.

Unións tamén cuestionou que a Xunta queira reducir a porcentaxe de investimento subvencionable nos plans. “Agora mesmo as axudas financian o 40% do investimento total. O outro 60% corre por conta das explotacións, igual que sucede noutras comunidades. Para o 2018, Medio Rural quere reducir a porcentaxe que financia do 40 ó 30%”, criticou.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información