Que vai suceder con Leite Río tras a morte de Jesús Lence?

O sector agarda que continúe con normalidade a actividade industrial da sociedade. O grupo suma cinco anos cunha dinámica de mellora dos beneficios e xestiona 4 plantas lácteas que, en conxunto, mantéñense a un 30% da súa capacidade de produción

Que vai suceder con Leite Río tras a morte de Jesús Lence?

Leyma, en Arteixo (A Coruña), unhas das catro plantas propiedade de Leite Río.

Leite Río era Jesús Lence, pois era Lence quen, en persoa, dirixía a diario tódalas operacións de compra, venda e investimentos da industria láctea. A morte do empresario na noite do venres, ós 79 anos, xera incertidume sobre o futuro do grupo. No sector lácteo, agárdase que a actividade industrial da sociedade continúe con normalidade e téñense palabras de aprecio para Lence, unha figura controvertida que tivo as súas luces e sombras.

O grupo empresarial Leite Río, a principal industria láctea de capital galego, conta con catro plantas, unha en Láncara, dúas en Lugo, no Ceao, e outra en Arteixo, a de Leyma. En conxunto, a industria procesou no último ano arredor de 230.000 toneladas de leite, o que representa un 9% da recollida total de Galicia. Leite Río chegara a a ser unha das industrias líderes de Galicia en volume de recollida, pero desde hai algo máis de cinco anos cambiou a súa orientación. Lence decidiu daquela deixar de centrarse no envasado de marcas brancas para as cadeas de distribución, o que o levou a reducir o volume de leite recollido case á metade.

A estratexia de Río orientouse nos últimos anos a potenciar a marca Leyma Natura como referencia de calidade, así coma a envasar co resto das súas marcas propias (Río, Solar e Cremosita). Esa decisión constatouse acertada a nivel económico, pois a compañía suma cinco anos de mellora progresiva dos beneficios, pasando dos 1,2 millóns de euros de beneficios do 2014 ós 7,7 millóns do 2017.

Perspectivas estables
Desde o sector lácteo, considérase que a actual situación da empresa xera unha perspectiva de continuidade e de estabilidade. Leite Río conta cunha situación económica saneada e cunha cadea de comercialización estable, non dependente dos contratos de marcas brancas, o que reduce a presión sobre a xestión diaria da firma.

“Jesús Lence foi un empresario intelixente. Nos últimos anos, levou a súa empresa a unha situación de rendabilidade e deixouna nun escenario no que a súa ausencia non supuxera sobresaltos” -valora o director xerente da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), Higinio Mougán-. “Se Lence tivese desaparecido hai cinco anos, cando contaba cun gran volume de recollida e tiña que tomar decisións diarias relacionadas cos contratos de marcas brancas, a situación tería sido outra. Agora a súa sucesión pódese facer coa máis absoluta normalidade”, valora Higinio.

A sucesión de Leite Río, un proceso que Lence deixa pechado

O empresario lucense cambiou a comezos do 2019 a estrutura do grupo Lence para deixar pechada a súa sucesión. O grupo, conformado por Leite Río, Transleche -adicada ó transporte de lácteos-, e o Complexo San Cristóbal (gasolineiras, inmobiliaria, etc.) quedou liderado por un Consello de Administración no que entraron dous dos tres fillos de Lence, Maria del Carmen e Luis, así coma Aida Canto, responsable comercial e financieira, con 30 anos de experiencia no grupo, e Jesús García, director técnico das plantas lácteas e que leva máis de 10 anos en Leite Río.

Tamén se espera que teña un papel destacado na empresa Alexander Zehnder, xenro de Lence, que atesoura experiencia de xestión nunha multinacional farmacéutica.

Incertidumes
Tanto desde as cooperativas como as organizacións agrarias observan con tranquilidade o futuro do grupo, pois o propio Consello de Administración confirmou nas últimas horas que o grupo mantén a súa actividade habitual. As incertidumes céntranse no futuro a medio e longo prazo. “A cuestión é que o grupo potenciou Leyma, pero perdeu mercado de leite líquido, tendo plantas cun baixo nivel de actividade, polo que haberá que ver se parte das súas instalacións poden servir nun futuro para complementar algún proxecto cooperativo ou se o grupo subscribe algunha alianza con outro tipo de empresas”, sopesa o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García.

“A decisión do futuro de Río tocaralle ós herdeiros. Ata o de agora, a xestión era persoal de Jesús Lence. Descoñecemos se a xestión a vai asumir o Consello de Administración ou se se vai incorporar a persoas ou grupos externos. En calquera caso, polo de agora non hai razóns de preocupación, pero si que se abre unha incertidume”, valora García.

Lence, luces e sombras

Jesús Lence.

Jesús Lence.

Lence foi unha figura polémica no sector lácteo polas súas declaracións e por algunhas das súas prácticas empresariais, pero tamén deixa luces que son recordadas. O director xerente de Agaca, Higinio Mougán, ten palabras de aprecio para Lence, un empresario que considera que “será botado de menos por moitos gandeiros”.

“Foi un empresario moi activo e de gran importancia para o sector. Podía ser ás veces polémico nas declaracións e en certas actuacións, o que facía que tivese unha mala imaxe, pero en Agaca, onde temos un seguemento dos prezos pagados polo leite, témonos sorprendido moitas veces vendo que Leite Río estaba de xeito habitual entre as industrias que mellor pagaban o leite en Galicia, por riba doutras que tiñan unha mellor imaxe entre os gandeiros, pero que adoitaban estar na parte baixa dos prezos”, lembra Higinio Mougán.

“Leite Río estaba con frecuencia entre as empresas que mellor pagaban o leite en Galicia, o que contrastaba coa súa imaxe no sector” (Higinio Mougán)

O propio Lence, nas súas declaracións ós medios, foi especialmente crítico os últimos anos con “industrias que lle ofrecen contratos ós gandeiros nos que un 30% do leite está sen prezo, o que ten unha incidencia moi negativa para as granxas”.

O estilo de traballo de Lence caracterizábase pola independencia e o personalismo. Ía por libre das outras industrias, o que en ocasións deixábao en dificultades. Cando perdía contratos de leite e se vía con excedentes que non daba colocado, era habitual que Lence abandonase a recollida en ganderías de xeito brusco, o que lle xeraba conflictos no campo.

Outras industrias, en caso de crise, buscaban un trasvase ordenado de ganderías a outras industrias ou optaban por librar lastre por medio de fórmulas tamén moi criticadas por Lence, como a reducción da adquisición de leite a primeiros compradores intermediarios ou o pago do leite no campo a prezos de leite en po.

Lence levaba a mala fama e situábase el mesmo coas súas declaracións na liña de fogo, como cando dixo no 2015 que os gandeiros se manifestaban porque tiñan “ganas de festa”, pero o sector tamén lle recoñece aspectos positivos. “É certo que hai gandeiros que se viron perxudicados polas actuacións de Leite Río, pero outros moitos, que levan anos cobrando o leite a un bo prezo, vano botar de menos”, conclúe Higinio Mougán.

Bloqueo de Leite Río polos gandeiros no 2015.

Bloqueo de Leite Río polos gandeiros no 2015.

Unha das organizacións coas que Lence mantivo un maior antagonismo, Unións Agrarias, destaca “acertos e erros” no empresario lucense. “Máis alá das discrepancias, hai que dicir que Lence, a diferencia doutros empresarios, daba a cara. Era unha persoa que no profesional era pouco dada a consensos, ás veces rozando a provocación coas súas declaracións, pero dicíache de frente o que pensaba, aínda que lle perxudicase” -lembra o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García-. “E máis alá do terreo empresarial, no persoal e humano era unha persoa próxima e disposta a axudar. Tiña esas contradicións”.

Reaccións no cooperativismo lucense
Entre o cooperativismo lucense, hai tamén palabras de recoñecemento para Lence. “Hai que recoñecer a súa aportación para o sector lácteo de Galicia, e en especial foi moi importante para a provincia de Lugo”, destaca Xosé Manuel López Tellado, presidente de Aira. “Houbo momentos en que Leite Río foi a empresa que tirou dos prezos do leite para arriba e foi das empresas máis importantes, aínda que nos últimos tempos perdese relevancia en volume de recollida”.

Tamén José Ángel Blanco (Os Irmandiños), presidente de Clun, salienta a capacidade empresarial de Lence. “Saíu da nada para chegar a convertirse na empresa con maior recollida de leite en Galicia. Para o sector, toda empresa que recolla leite no campo é positiva”, conclúe.

Cronoloxía

Jesús Lence, nado en Castroverde no 1940, comeza a xestionar con 23 anos a súa propia gasolineira no Corgo (Lugo), caracterizándose desde novo polo seu carácter emprendedor. O seu inicio no sector lácteo xurdiu daquela por casualidade. Un dos clientes da súa gasolineira adicábase ó transporte de leite e tras quebrar, deixoulle a Lence en pago das débedas dous camións e tres cisternas. Foi entón cando Lence comezou a traballar como transportista de leite.

Nos anos 70 e 80, de xeito paralelo o seu crecemento empresarial, Lence tivo un papel protagonista na modernización do agro galego. No 1975 fundou a firma Refrileche para impulsar a instalación de tanques de frío nas granxas e no 1981 funda Lácteos Lence SL, que se transformaría en Leite Río SL no ano 1998. O empresario mercaría anos despois Leyma, no 2005, conformando así un dos maiores grupos industriais do sector lácteo galego.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información