Que se pode facer para reducir o estrés por calor nas vacas de leite?

Recollemos medidas a curto e longo prazo centradas na alimentación, o manexo ou a adaptación das instalacións para reducir a incidencia das altas temperaturas no gando de vacún de leite

Que se pode facer para reducir o estrés por calor nas vacas de leite?

É fundamental proporcionar auga freca, limpa e abundante ás vacas.

As altas temperaturas adoitan ocasionar problemas nas vacas de leite provocándolles unha situación de estrés que afecta á súa alimentación, produción ou mesmo á reprodución. Aínda que os animais en produción son os que máis acusan os efectos da calor tamén as vacas secas ou os becerros sofren deste estrés que afecta ó seu desenvolvemento.

Algunhas das claves para abordar esta problemática detallounas o profesor do Departamento de Ciencia Animal da Universidade de Florida, Albert De Vries, nunha videoconferencia da rede europea de gandeiros de vacún de leite, EuroDairy.

O experto incide en que ás vacas resúltalles doado regular a súa temperatura corporal mentres a temperatura do aire sexa inferior á súa, que adoita situarse nun valor medio de 38,5 graos centígrados. Tamén cómpre que a humidade sexa baixa, así como que poidan protexerse da radiación directa do sol ou que durante as noites refresque. Cando algún ou todos estes factores, nos casos máis extremos, se ven alterados, a vaca centra boa parte da súa enerxía en tentar regular a súa temperatura corporal.

Temperatura-e-humidade-que-xera-estres-a-vacas-de-leite-

Valores de temperaturas e humidade que poden provocar un estrés nas vacas.

Consecuencias da calor nas vacas leiteiras

Cando as vacas acusan unha situación de estrés pola calor reducen a súa inxesta de materia seca o que se deriva nunha menor produción de leite e este contén menos graxa. Tamén hai un menor crecemento e prodúcese unha perda de peso e unha redución da condición corporal. Ademais, tal e como sinala o profesor De Vries, tamén adoitan darse máis trastornos de saúde como a retención de placenta, increméntanse as coxeiras, as metrites e as mastites.

Coa calor, a fertilidade dos animais baixa e non se recupera ata un mes despois de que as temperaturas arrefríen

A estas consecuencias engádense outros efectos directos da calor centrados na reprodución do animal. A calor provoca unha diminución da lívido, a fertilidade e increméntase o risco de perder o embrión. Os problemas derivados do estrés por calor non só afectan ás vacas senón ós xatos, xa que é habitual que as xestacións se acurten varios días e os becerros nazan máis febles e aumente a mortaldade das crías.

“Moitos gandeiros non son favorables ós partos no verán e buscan programalos para épocas máis frescas sobre todo en zonas como Florida onde durante 4 ou 5 meses as temperaturas están por encima dos 30 graos”, indica De Vries . De feito, o experto apunta que a calor provoca que a fertilidade dos animais baixe e non se recupere ata, alomenos, un mes despois de que as temperaturas arrefriasen.

Recomendacións nutricionais

Para atallar os efectos da calor a curto prazo unhas das maneiras nas que se pode incidir é no manexo e na alimentación do gando. O experto recompila unha serie de medidas que poden reducir o estrés dos animais e conseguir mitigar as consecuencias que este lle provoca:

-Darlle a maioría da ración pola mañá cedo ou á tarde xa que son as horas nas que as vacas están máis activa.

-Tratar de alimentalas coa maior frecuencia posible para proporcionarlle unha alimentación o máis fresca posible. “Aínda que isto non sexa un pasto, procuraremos que se asemelle o máximo posible ofrecéndolles comida fresca”, compara o profesor.

-Increméntase o risco de acidose ruminal polo que é fundamental incrementar a fibra de calidade na ración. “A xente pensa que as súas vacas están comendo menos e o que fai é subir o contido enerxético da ración pero cómpre incrementar o aporte de fibra”, sinala De Vries. O experto avoga por incrementar desde un 28-30 a un 31 -34% a fibra na ración segundo a Neutral Detergent Fiber (NDF).

-Se a calidade da forraxe é un problema, ás veces pode substituirse o amidón con fibra altamente dixestible como as cascas de soia.

-Incluír algunhas graxas na ración, ata un máximo do 3%, pode incrementar a inxesta de enerxía posto que a enerxía do animal baixa co gasto que lle produce regular a calor. “En dietas cun alto contido en fibra aportar máis graxa pode axudar a manter a enerxía e mellorar a eficiencia pero cómpre ter coidado co aporte de graxas insaturadas”, explica De Vries.

-Empregar fermentos ou un cultivo de fermento tamén pode mellorar a inxesta cando vai calor.

-É preciso asegurar a inxesta de minerais claves para a vaca como o potasio, o sodio e o magnesio polo que se recomenda incrementar as doses:
Potasio: ata un 1,5% de carbonato de potasio
Sodio: ata un 0,5% de bicarbonato sodio
Magnesio: ata un 0,35% na dieta.

-Aínda que é unha recomendación básica, o experto lembra a importancia de que cada animal dispoña de auga suficiente xa que é clave para garantir a supervivencia do animal. Ademais de proporcionarlle auga limpa, fresca e abundante, De Vries apunta que é recomendable que cada vaca teña un bebedeiro con entre 12 e 15 centímetros de profundidade de auga.

-Á hora de combater a calor é importante proporcionarlle espazos con sombra cando o animal esta no pasto.  Sacalas vacas comer fóra en comedeiros con cubertas para xerar sombra, unha vez muxidas, pode favorecer a regulación da temperatura.

Medidas a longo prazo

Nun horizonte a máis longo prazo, á hora de procurar solucións para os animais fronte á calor, o experto ten claro que se deben combinar catro elementos para conseguir resultados: sombra, ventilación, auga e tempo. “O mellor método para reducir a radiación solar é a sombra e para combater a perda por evaporación o mellor é combinar o remollo e a ventilación”, explica De Vries.

Cando as vacas están en pastoreo, é fundamental procurarlle espazos con sombra. As zonas de arbolado adoitan cumprir esta función pero é preciso ter en conta que deben contar tamén con auga fresca e limpa e valorar que estes espazos poden rematar contaminados polos excrementos dos animais afectando mesmo ás augas.

aspersores-para-o-rego-de-campos-e-refrescar-vacas-

Emprego de aspersores para o rego de pradeiras e refrescar o gando en zonas de Norteamérica.

En ganderías de pastoreo de Florida, aínda que non son moi habituais, os gandeiros colocan grandes aspersores nos prados para que á par que regan o campo tamén vaian arrefriando as vacas.

Mentres, nas granxas optan por combinar distintos elementos como fixeron na granxa coa que conta a Universidade de Florida, cunhas 500 vacas. Neste caso dispoñen de ventiladores sobre as camas programados para que funcionen unha vez que a temperatura supera os 20º. “É habitual que en Florida, os ventiladores acaben funcionando arredor de 8 meses ó ano”, detalla o experto.

Ó combinar a ventilación e os aspersores pode reducirse máis dun grao a temperatura corporal das vacas

O experto incide en que para conseguir un funcionamento óptimo dos ventiladores é preciso dotar as instalacións de maquinarias potentes para conseguir unhas correntes de vento de 8 quilómetros por hora na dirección do vento predominante. Ademais, deben colocarse o máis baixos posible, fóra do alcance dos animais, persoal ou maquinarias. “É importante asegurar o mantemento e limpeza axeitada dos ventiladores porque senón redúcese a súa capacidade de ventilación ata nun 40%”, sinala o experto que tamén recomenda dispor destes equipos nos espazos de espera antes do muxido.

Nesta granxa da universidade, ó igual que en boa parte das do estado, contan con aspersores sobre as liñas de alimentación que mollan á vaca durante 1 minuto e permanecen apagados 5 minutos. “O desperdicio de auga que se fai é moi importante xa que se precisa arredor de 3 litros de auga por minuto de remollo e boquilla”, concreta o experto.

A combinación do uso de ventiladores e aspersores reduce en maior medida a temperatura dos animais.

A combinación do uso de ventiladores e aspersores reduce en maior medida a temperatura dos animais.

Hai tamén outros sistemas de arrefriamento dos animais que se centran en crear túneles de aire no canto de mollar ós animais pero que tamén combinan o rego e a ventilación. Trátase de manter o vento en movemento dentro das granxas, creando correntes de aire que combinan con aspersores para que este vento sexa máis fresco. Nestes casos empregan distintos peches parciais das granxas para conseguir manter unha ventilación nas instalacións. De Vries incide na importancia de reducir o uso de auga e electricidade á hora de mitigar a calor para conseguir granxas máis sostible cunha pegada ambiental o máis reducida posible.

A longo prazo tamén se valora xa outras razas de animais que poidan soportar mellor a calor, como unhas vacas procedentes do Caribe, as Slick, que teñen un pelo moito máis curto que as frisonas. Estas vacas teñen unha produción menor, aínda que iso non condiciona que xa comecen a ofertarse pola súa resistencia térmica.

Sen esquecer as vacas secas

Aínda que adoita ser habitual centrar os esforzos en mitigar a calor dos animais en produción, De Vries insiste na importancia de prestar atención tamén ás vacas secas xa que os efectos da calor poden verse a máis longo do prazo do que inicialmente puidera parecer.

De feito, o experto insiste en que se se arrefrían as vacas tan pronto como comezan a producir leite conséguese un incremento de ata 5 quilos máis de leite na lactación. Ademais, atendendo ós xatos, o peso dos animais e a súa inmunidade é menor cando a vaca está estresada pola calor na xestación. Pero, ademais, no caso das becerras isto pode traer efectos mesmo dous anos despois como unha menor produción de leite e dificultades na reprodución.

Efectos do estrés por calor nas vacas secas.

Efectos do estrés por calor nas vacas secas.

Segundo recolle De Vries, estímase que en Florida, as perdas por calor nas vacas secas poderían chegar ós 233 dólares por vaca e ano. Mentres, noutras zonas onde a época de altas temperaturas ronda os 3 meses estas perdas acadan os 68 dólares por vaca ó ano.

Ó igual ca nas vacas secas, o manexo dos xatos tamén debe axeitarse para mitigar a calor. No caso das ganderías que teñan os animais en cubículos exteriores, é fundamental proporcionarlle sombra por encima deles así como permitir que os becerros teñan espazo para moverse para que eles mesmos poidan buscar sombra. Tamén é preciso maximizar os fluxos de aire nestas zonas e proporcionarlle auga abundante e alimento fresco e limpo.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información