Que factores inciden nunha correcta limpeza do tanque de frío?

Temperatura da auga de lavado, escolla do produto e doses axeitadas, xunto a un bo aclarado, son determinantes para que o depósito no que se almacena o leite das explotacións estea en condicións óptimas, algo que ten incidencia nas analíticas de calidade e nos ingresos a final de mes

Natalia Teijeiro, explicando que aspectos hai que ter en conta á hora de limpar o tanque

Natalia Teijeiro, explicando que aspectos hai que ter en conta á hora de limpar o tanque

Os recontos microbiolóxicos e o número de células somáticas son cada vez máis unha preocupación para as gandeirías de leite. A mellora neste eido responde a multitude de factores, desde a saúde do ubre da vaca ás condicións ambientais da granxa, pero o axeitado mantemento e limpeza do circuito de muxido e do tanque de enfriamento teñen unha relación fundamental coas calidades hixiénico-sanitarias finais do leite.

Unha boa limpeza e desinfección nunha granxa incrementa os beneficios dunha explotación vía prezo do leite e reduce os gastos veterinarios por enfermidades e contaxios

A limpeza e a desinfección xogan tamén un papel moi importante na bioseguridade da granxa, polo que as repercusións económicas para as explotacións son dobres: incremento de beneficios por mellora da calidade do leite e redución de custos como consecuencia de ter menos enfermidades e contaxios entre os animais. Así pois, sendo imprescindible contar cunha limpeza e unha desinfección axeitadas, o obxectivo é lograr que nos custe o menos posible facelas.

Natalia Teijeiro, da empresa Proquimia, especializada en solucións e produtos de limpeza, explicou recentemente no Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (Cetal), os aspectos a ter en conta para lograr unha correcta limpeza e desinfección dun dos elementos: o tanque de frío.

“Cando temos unha explotación de produción de alimentos non só é importante lograr producir un alimento coa maior calidade posible, senón tamén que todas as superficies coas que vai estar en contacto ese alimento estean perfectamente tratadas, limpas e desinfectadas para non estropear nesa fase a calidade en orixe do produto e posibilitar tamén unha boa conservación posterior dese alimento”, indicou.

Hixiene ambiental

Os parámetros que definen un leite de calidade son, ademais de ser rico en elementos nutritivos como son a graxa e a proteína, ter recontos bactereolóxicos e de células somáticas baixos, non ter residuos de tipo veterinario ou procedentes dos produtos de limpeza e ser estable, é dicir, apto para garantir os procesos de transformación por parte da industria.

Para iso, o leite debe proceder de animais sans, muxirse en condicións hixiénicas e almacenalo en tanques de refrixeración nos que se alcance unha temperatura de 4ºC antes de que transcorran dúas horas desde o muxido. Eses tanques de frío deben estar en locais limpos, ventilados e de uso exclusivo para almacenar leite.

Pero o proceso comeza antes de que o leite chegue ao tanque, e mesmo antes de ser muxido. Cando temos unha boa saúde animal, unhas boas instalacións, un bo manexo do gando e un bo protocolo de muxido, a cantidade de xermes que chegan a ese tanque será menor. “Sempre debemos muxir en condicións ideais”, destacou Natalia.

“Un dos piares fundamentais para lograr un leite de calidade é asegurar unha boa hixiene ambiental, traballar nun ambiente limpo. Nalgunhas explotacións atopámonos que os traballadores fan o muxido en salas de ordeño con condicións deficientes ou non respectan unha boa hixiene persoal coa limpeza e desinfección previa das mans ou coa utilización de luvas”, indicou. E antes de chegar ao tanque o leite procedente da vaca vai pasar por un circuito pechado que tamén debe estar en óptimas condicións.

Diferenza entre limpeza e desinfección

Natalia aclarou que limpeza, deterxenia e desinfección son tres aspectos da hixiene totalmente diferentes e independentes. A limpeza, a diferenza da desinfección, é simplemente a eliminación dos residuos depositados sobre unha superficie, tanto restos de alimento, como substancias alleas a el. “A limpeza refírese sobre todo a aquilo que nós podemos ver”, indicou.

Esa limpeza podémola facer mediante arrastre con auga e trataríase de eliminar da maneira máis completa e permanente posible a sucidade da superficie que queremos logo desinfectar para que esa limpeza inicial permita que a desinfección posterior sexa eficaz. Pero ademais, coa limpeza da sucidade visible nunha superficie eliminamos tamén xa grande parte dos patóxenos.

Un bo enxuague inicial con auga fría ou morna é imprescindible para que a limpeza e desinfección posteriores sexan efectivas

O proceso de limpeza pode ser de tres tipos: a limpeza física, que se realiza mediante o arrastre con auga; a limpeza química, que se realiza mediante deterxente cando facemos o proceso de lavado e a limpeza microbiolóxica, que se realiza co desinfectante. A limpeza física elimina a sucidade visible (azúcares, graxas, proteínas, sales), a limpeza química elimina a sucidade visible non arrastrada na limpeza física, as impurezas non visibles e os olores e a limpeza microbiolóxica elimina os microorganismos patóxenos e grande parte da flora banal (bacterias, esporas, fungos, levaduras, virus).

Que a auga que empregamos sexa de calidade

O primeiro dos factores que interveñen na limpeza é a auga que empregamos, que ten que ser de calidade. Para asegurarnos que é de calidade debemos sempre hixienizala. “Non podemos empregar a auga dun pozo, por exemplo, sen hixienizala antes, porque hoxe os parámetros poden ser bos e mañá non selo. A única maneira de garantir iso é hixienizándoa sempre antes”, afirmou.

Para que unha auga sexa de calidade ten que cumprir as seguintes características: ausencia de materiais en suspensión, dureza inferior a 20 grados, un pH de 7, unha salinidade de cloruros inferior a 100ppm, unha cantidade de ferro inferior a 0,1ppm (porque con cantidades superiores provoca xa coloración e descomposición) e que sexa auga potable en canto á presenza de microorganismos.

O pH da auga en Galicia está habitualmente entre o 6,5 e o 7 e a presenza de cal non supera normalmente os 10 grados

A dureza da auga mide a concentración total de calcio e magnesio e as augas divídense en brandas (entre 0 e 15ºdF), medias (15-25ºdF), duras (25-40ºdF) e moi duras (máis de 40ºdF). A Organización Mundial da Saúde (OMS) fixou como concentración máxima desexable 100 mg/l de CaCO3 e como concentración máxima admisible 500 mg/l, ou o que é o mesmo, 50ºdF.

Os efectos da dureza da auga son prexudiciais, xa que provoca incrustacións, precipita os sales dos xabróns, forma ácidos graxos, actúa como reservorio de microorganismos, favorece a corrosión e reduce a transmisión térmica, pero Natalia indicou que “en Galicia as augas son polo xeral brandas, acostuman estar entre 0 e 10 grados de dureza; podemos atoparnos ferro en bastantes zonas de Galicia, pero o que é cal non acostuma subir de 10 grados”, explicou.

Nunha disolución de limpeza o que máis temos é auga (temos 8 veces máis auga que deterxente), daí a importancia de contar cunha auga de calidade.

Non agardar para lavar

Unha regra de ouro é sempre non agardar para limpar e lavar inmediatamente despois de que o leite foi retirado, no caso do tanque xusto despois de pasar o recolledor coa cisterna e no caso da sala nada máis acabar de muxir. “Se agardamos ao deterxente vaille custar moito máis sacar ese resto de alimento porque se vai resecar”, asegurou Natalia.

Hai que vixiar o funcionamento dos aspersores e revisar as partes críticas tralo lavado

Cando lavamos un tanque se vemos que hai partes que quedan sen lavar ben, temos que revisar os aspersores para ver que o seu funcionamento é o axeitado e limpalos ou substituilos en caso contrario. Sobre todo cando son augas moi duras, pode taponarse unha parte dos orificios dos aspersores e estaremos perdendo presión de lavado.

Do mesmo xeito, hai que revisar unha vez rematou o lavado o estado de limpeza no que quedan aquelas partes críticas, como poden ser a parte superior do tanque, a zona de carga ou a parte final, por exemplo.

A escolla do deterxente

A acción mecánica váinola dar a presión da auga ou os axitadores no caso dos tanques, pero a acción química de limpeza váinola proporcinar o deterxente que empreguemos, que pode ser alcalino ou ácido, en función do tipo de sucidade que queiramos limpar: deterxentes alcalinos para sucidade orgánica (grasa, proteína) e deterxentes ácidos para sucidade inorgánica (minerais, óxidos).

En Galicia os produtos de limpeza deben ser alcalino-clorados máis que ácidos e pódese traballar con concentracións de lavado máis baixas polo tipo de auga que temos, que normalmente é branda

“Normalmente o que empregamos para lavar un tanque ou unha sala de ordeño son bases alcalinas para facer o desengrase e a limpeza, pero para desincrustar materiais utilizamos ácidos. Pero nós o que temos que facer é desengrasar e desinfectar, polo que aquí en Galicia é fundamental que os produtos que empreguemos sexan maioritariamente alcalino-clorados máis ca ácidos. Se estivésemos en Asturias, Cantabria ou Cataluña sería distinto e os produtos deberían ser metade alcalinos e metade ácidos, cunha importancia similar dos dous compoñentes, para ser capaces de sacar toda esa desincrustación de minerais para poder favorecer a limpeza, pero en Galicia ese problema non o temos”, argumentou Natalia. Pero á hora de escoller un deterxente temos que ter en conta non só a súa base alcalina, que é importante, senón tamén a cantidade de tensioactivos que ten para reducir a presión superficial e lograr unha mellor limpeza.

A escolla do deterxente tamén debe facerse en función da dureza da auga, porque non todos van funcionar de igual xeito en función da calidade da auga que teñamos. “Se temos un deterxente que soporta ou secuestra 10 grados de dureza e temos unha auga con 20 grados de dureza a ese deterxente vaille custar un pouco máis actuar, polo que ou ben empregamos máis deterxente ou buscamos outro que realmente poida secuestrar eses grados de dureza da auga que temos”, recomendou.

Onde almacenar os produtos químicos?

Outro factor importante é que os produtos químicos sexan estables a diferentes temperaturas e condicións atmosféricas, pero, en todo caso, Natalia insistiu en que “nunca se deben deixar os produtos químicos almacenados no exterior, sempre deben estar resgardados de temperaturas extremas e evitar que lles dea o sol de xeito directo”. “Se son sosas ou potasas vailles afectar moito a temperatura. Unha sosa, por exemplo, conxela entre 0 e -3 grados centígrados, mentres que unha potasa aguanta até os -14ºC. Cando temos os produtos químicos no exterior e vemos que cristaliza, está perdendo a súa estabilidade e xa non nos valería para lavar”, afirmou. “Cada vez é máis importante tamén na escolla do produto de limpeza que este respecte o medio ambiente e que sexa o menos residual posible”, dixo Natalia.

Cando un deterxente cristaliza debido ás baixas temperaturas perde a súa estabilidade e non serviría para ser utilizado

É importante tamén a escolla dos produtos para que sexan axeitados á superficie que pretendemos limpar, de xeito que non degraden ese materiral. “É fundamental que o produto que imos empregar sexa o máis inocuo posible co material da superficie que imos limpar. Cando mercamos un produto químico sempre temos que verificar que a súa composición é axeitada para a nosa superficie. É importantísimo identificar material e produto químico porque non é o mesmo empregar un alcalino-clorado ou un ácido sobre unha superficie de galbanizado exterior que facelo sobre un circuito pechado de aceiro”, dixo. Aínda que aclarou que “os tanques son de aceiro e non son en principio susceptibles de ser atacados por ningún produto químico de limpeza dos existentes no mercado”, engadiu.

Diapositiva 1

A temperatura da auga, un factor determinante

É primordial lavar a unha boa temperatura. “Non por capricho, senón porque para que un deterxente poida funcionar correctamente e poidamos sacarlle todos os seus beneficios é fundamental lavar a unha temperatura de auga axeitada”, argumentou.

E insistiu en que a temperatura da auga de lavado “é fundamental no caso das salas de ordeño e menos importante nos tanques porque neste caso o tempo non nos xoga unha mala pasada porque a temperatura mantense constante durante todo o proceso. Podemos empezar a lavar a 45-50 grados e esa temperatura practicamente non sofre variacións durante o tempo de lavado, pero nunha sala de muxido comezamos a limpar a 55-60 grados e cando esa auga dá dúas voltas xa baixou a 40 grados, polo que debemos estar máis atentos aos cambios de temperatura que poidamos ter”, dixo.

A temperatura da auga de lavado ten relación directa co aumento do reconto bacteriolóxico. Non se debería lavar por baixo de 35ºC nin superar os 65ºC

É importante que a temperatura se manteña o máis constante posible en todo o proceso e que non sufra descensos importantes. “Se estamos lavando a 55ºC pero baixamos a 30ºC no retorno o único que estamos conseguindo é que toda esa graxa que desprendimos se nos volva a xuntar e a depositar”, argumentou.

Un dos problemas máis habituais nas explotacións, dixo, é non contar coa suficiente temperatura de auga cando se lava o tanque, un factor que ten relación directa co incremento dos recontos microbiolóxicos nas analíticas, segundo demostrou o propio Cetal nun recente estudo realizado en 18 explotacións galegas.

“Moitas veces lavamos o tanque unha vez se acabou de lavar a sala e a temperatura da auga xa non é a axeitada porque baixou moito. Vixiar que a temperatura non baixe de 45ºC sería o ideal, a 35ºC estariamos xa no límite”, dixo Natalia.

A maior temperatura, máis rápido reacciona o deterxente e máis doada é a eliminación da graxa. Pero pasarse tamén ten consecuencias negativas. Canta máis temperatura maior é o custo de enerxía, pódese producir a coción da suciedade, podénse xerar incrustacións calcáreas, pode superarse a resistencia térmica dos materiais e aumenta a acción corrosiva dos deterxentes, xa que a temperaturas máis altas degrádanse máis os materiais, sobre todo pola acción de temperatura + acidez.

“Cando falamos de produtos alcalino-clorados toda temperatura superior a 65ºC é prexudicial, porque convertemos o cloro en gas e ese cloro gas é corrosivo, polo que estamos atacando a integridade do material que estamos limpando, ademais de eliminar o efecto desinfectante do propio cloro”, dixo.

O tempo de lavado: nin pouco nin moito

Tempo de lavado e temperatura da auga están intimamente relacionados. O tempo debe ser o axeitado para permitir a acción de lavado do deterxente e depende do produto químico que empreguemos, do método de lavado, da sucidade que queiramos limpar e da temperatura á que estea a auga. Quedarse curto co tempo de lavado provoca unha limpeza insuficiente pero un exceso de tempo supón, pola súa banda, un maior custo e gasto enerxético e unha diminución na vida útil dos materiais. Pasarse de tempo de lavado non ten tanta incidencia tampouco no tanque porque a auga non baixa de temperatura, pero si no caso da sala porque ao minguar a temperatura da auga diminúe a eficacia do produto.

“O cloro necesita un tempo de contacto para facer a súa función de desinfección. Se recurtamos o tempo, por exemplo por debaixo de 8 minutos, estamos recurtando a capacidade de desinfección, poderemos limpar, pero non estaremos desinfectando”, exemplificou Natalia.

Canto máis tempo lavamos máis baixa a temperatura da auga polo que pode que a graxa desincrustada acabe depositándose novamente

Canto maior é o tempo que estamos lavando maior é a perda de temperatura que temos e canta maior perda de temperatura temos maior é a cantidade de deterxente que temos que empregar. Estes tres aspectos van relacionados, polo que o ideal sería lavar ás concentracións adecuadas, á temperatura adecuada e o tempo necesario. No caso dos tanques, cando contan con limpeza automática, esa combinación vai por programas e temporizadores, polo que non acostuma haber moitos desaxustes, dixo.

Concentración

A disolución de limpeza debe estar formada por un 88,9% de auga e un 11,1% de deterxente e este debe cumprir unha serie de requisitos: que sexa eficaz, que sexa tolerado polos materiais cos que vai a contactar, que sexa estable, que teña unha boa solubilidade na auga e que tolere a dureza da auga coa que se vai mesturar, que sexa doado de eliminar no aclarado e que cargue o menos posible as augas residuais.

A disolución de limpeza debe estar formada por un 88,9% de auga e un 11,1% de deterxente. Todo o que pase da concentración recomendada polo fabricante é tirar o produto

Pero, que cantidade de produto químico temos que botar? Canto máis botemos mellor? Coa cantidade axeitada de produto lograriamos o seu rendemento óptimo e unha limpeza efectiva unha vez que cheguemos a uns niveis de tempo e temperatura axeitados para que ese produto sexa eficaz. Así pois, todo o que botemos por enriba diso perdémolo, é dicir, todo o que se pase dunha determinada concentración de deterxente ou desinfectante non ten efecto positivo algún, simplemente estariamos tirando o produto, non o aproveitamos e o único que estariamos facendo é contaminando máis e gastando máis cartos.

“En Galicia trabállase con concentracións de lavado máis baixas polo tipo de auga que temos aquí, pero se lavamos a unha temperatura baixa podemos botar moito deterxente que non imos lograr bos resultados”, insistiu.

Diapositiva 1

Desinfección

A desinfección elimina calquera axente patóxeno residual que quedara trala limpeza. Depende do uso dun axente desinfectante adecuado, dun tempo de contacto axeitado e dunha concentración correcta, pero tamén de que se teña feito unha boa limpeza previa.

Un produto pode calificarse como desinfectante se á disolución recomendada produce unha diminución no número de colonias de bacterias (Cándida albicans, Aspergillus niger, Pseudomonas aeruginosa, Staphilococcus aereus, Escherichia coli e Esteecoccus hirae) segundo determinan as normas UNE-EN 1275 e UNE-EN 1276.

Os robots de muxido fan limpeza alcalina e desinfección térmica

Hai que escoller o principio activo desinfectante adecuado, aplicalo na concentración recomendada e asegurar un tempo mínimo de actuación. En Galicia está extendido o uso dos alcalino-clorados, que son deterxentes con desinfectante que limpan e desinfectan ao mesmo tempo e evitan un pase posterior específico de desinfección.

A desinfección pode ser térmica, con auga quente a máis de 80ºC ou con vapor (a máis de 100ºC) ou química, con produtos químicos (ácido, cloro, peróxido de hidróxeno). O peróxido peracético é oxidante igual que o cloro e a súa capacidade de desinfección é igual de rápida pero aféctalle menos a materia orgánica. Acostuma empregarse moito en desinfección de pezoneiras e salas de muxido, onde son máis necesarias este tipo de desinfeccións por todo o circuito que teñen e por todos os cóbados existentes neses circuitos. Nos robots de muxido, sen embargo, faise desinfección térmica e limpeza alcalina previa.

As zonas de descarga son puntos críticos nos tanques, sobre todo nos de limpeza manual. Se temos tanques suplementarios a maiores, para facer fronte a incrementos puntuais de produción, por exemplo, debemos limpalo co mesmo método, protocolos e coidado que o tanque con limpeza automática.

A importancia dos aclarados

O enxuague inicial, previo á limpeza con deterxente, ten como finalidade o arrastre dos restos de leite. Pode facerse con auga fría ou con auga morna, pero é prexudicial facelo con auga quente porque pode provocar a caramelización dos azúcares do leite e que despois lle custe moito máis eliminalos ao deterxente. “O límite estaría arredor dos 25ºC, todo o que sexa por enriba desa temperatura de auga sería prexudicial”, asegurou Natalia.

Poderían facerse dous enxuagues iniciais, o primeiro con auga fría para retirar os restos de leite e o segundo a 40ºC, que nos serviría tamén para quentar a superficie do tanque e evitar perdas de temperatura de auga despois durante o lavado co deterxente. O problema que ten esta solución é que é máis cara porque gastamos máis auga e máis enerxía para quentar a auga, polo que podemos aforrarnos un pase facendo un único enxuague inicial a uns 20-25ºC.

Os enxuagues intermedios serven para non ter problemas ao pasar da limpeza cun produto alcalino á limpeza cun produto ácido ou ao pasar da limpeza ácida á fase de desinfección con cloro.

O enxuague inicial non debe facerse con auga quente por enriba de 25ºC e un bo aclarado final vai evitar que haxa residuos de cloro no leite

Hoxe é importante facer un bo enxuague final para evitar residuos de cloratos en leite, que están a ser xa penalizados polas industrias. Por iso, dixo Natalia, “eu cada vez son máis partidaria de facer dous aclarados finais, para retirar todos eses restos de disolución de limpeza”. Hai países onde mesmo se recomenda acidificar un pouco a auga do aclarado final, baixándolle un pouco o pH, para deste xeito neutralizar os produtos empregados anteriormente.

“Hai que ter en conta que no que se refire á desinfección, non é o mesmo utilizar un cloro, un peróxido ou un amonio, cada un ten a súa aplicación determinada. Hai principios activos que son moito máis solubles ca outros. Hai que telo en conta á hora dos aclarados finais, porque na actualidade os residuos de cloratos e cloraminas en leite penalizan bastante e eses problemas nas analíticas do leite débense case sempre a aclarados curtos e deficientes. Canto máis soluble sexa o deterxente, máis doado vai ser de aclarar e menos risco de cloratos en leite imos ter”, insistiu.

Nunca se debe empregar en circuito ou mesmo nun tanque un desinfectante que leve amonio cuaternario pola espuma que xera, polo que vai ser moito máis difícil de aclarar e retirar que un desinfectante que leve un principio activo máis oxidante, como pode ser o cloro ou o peracético.

“É moi prexudicial que o camión do leite nos deixe unha parte no tanque porque non lle colle na cisterna”

Asistentes á charla sobre como limpar o tanque celebrada no Cetal

Asistentes á charla sobre como limpar o tanque celebrada no Cetal

É habitual en Galicia que en determinadas épocas do ano quede unha parte do leite no tanque do gandeiro cando pasa o camión de recollida e non ten capacidade dabonda na cisterna para levar todo o leite da explotación. Esta práctica extendida e frecuente por parte da industria ten sen embargo consecuencias moi prexudiciais para os produtores nas analíticas do leite, ao provocar un incremento dos recontos bactereolóxicos no leite que queda no tanque.

Ao non poder limpar o tanque e meter máis leite a temperatura ambiente procedente dos muxidos posteriores, créanse as condicións idóneas de temperatura e humidade para o desenvolvemento bactereolóxico

Os gandeiros pagan deste xeito, vía prezo do leite e sen teren culpa algunha, as consecuencias da falta de capacidade dos camións de recollida das industrias. “Os recolledores non teñen cabida no camión e recollen só unha parte do tanque. Iso xera un problema importante porque non se pode lavar o tanque e, sobre todo na superficie que ocupaba o leite que se sacou e que non se pode limpar nin desinfectar, créanse as condicións idóneas de humidade e temperatura para o desenvolvemento dos microorganismos”, explica Natalia.

Este crecemento microbiano dispárase no momento no que se producen as seguintes muxiduras. “Cando metes un novo muxido increméntase a temperatura no tanque porque o leite que entra faino a temperatura ambiente, algo que xunto á humidade existente favorece a multiplicación bacteriolóxica”, engade.

Por esa mesma razón, os estudos realizados polo Cetal demostran que as explotacións obteñen mellores datos microbiolóxicos cando as recollidas de leite son diarias. Cando o camión pasa cada dous días as análises de células e reconto de bacterias empeoran con respecto a se o fai cada 24 horas. A explicación é que ao introducir o segundo muxido e sucesivos subimos a temperatura do leite que xa está no tanque, procedente de muxiduras anteriores, a temperatura de incubación, por iso meter múltiples muxidos nun mesmo tanque ten moita incidencia microbiolóxica.

Se no canto de 2 ou de 4 muxidos parte do leite queda sen recoller e bota máis tempo aínda no tanque este factor de empeoramento da calidade do leite multiplicarase. Ademais, esta práctica de deixar parte do leite no tanque das explotacións prodúcese sobre todo en momentos de máis produción, como pode ser a primavera, cando as temperaturas ambientais son máis elevadas, algo que tamén ten incidencia no incremento bactereolóxico.

Programa básico de limpeza e desinfección

Un programa básico de limpeza e desinfección a aplicar a calquera tanque de frío, que se pode adaptar ao programa específico co que conte cada tanque ou cada sala de ordeño con limpeza automatizada, debería contar coas seguintes fases:

1. Enxuague inicial con auga: arrastra grande parte da suciedade, facilita a acción do deterxente, solubiliza os residuos e evita a súa coción.

2. Lavado cunha disolución de auga e deterxente. A elección do deterxente vai en función do tipo de sucidade: deterxentes alcalinos para sucidade orgánica (grasa, proteína) e deterxentes ácidos para sucidade inorgánica (minerais, óxidos).

3. Aclarado intermedio: elimina restos de deterxente e suciedade e evita a neutralización de alcalinos e ácidos.

4. Desinfección: elimina os microorganismos presentes no medio.

5. Aclarado final: Retira todos os restos de produtos químicos e disolución de limpeza e evita os residuos de deterxente e cloro no leite.

En Galicia está extendido o uso alcalino-clorados, deterxentes que ao mesmo tempo que limpan tamén desinfectan

En Galicia normalmente faise todos os días unha fase alcalina de lavado e só unha vez por semana unha fase ácida. O ácido serve para facer unha desinfectación, pero tamén unha desincrustación de materiais. Por iso, no caso de limpezas alternas con deterxentes alcalinos e ácidos estes sérvennos para facer unha neutralización, é dicir, estamos lavando todos os días cun produto alcalino e cando lavamos cun ácido o que facemos co deterxente ácido é arrastrar todos os residuos dese outro produto alcalino e polo tanto tamén protexe esa superficie.

A maioría das explotacións galegas non fan un pase específico de desinfección cando lavan o tanque, porque xa a fan na fase de limpeza alcalina ao empregar un produto alcalino-clorado que ao tempo que limpa xa cumpre tamén esa función de desinfección. No caso de empregar só un produto alcalino habería que despois facer un pase de desinfección cun produto clorado ou con peracéticos antes do aclarado final.

Os problemas máis frecuentes detectados nas explotacións á hora de lavar o tanque son o descoñecemento por parte dos gandeiros dos produtos que están a empregar, problemas de temperatura, caudal e presión da auga e que non se colocan válvulas de descarga ou están mal postas, polo que a auga que queda retida do enxuague inicial suma na cantidade de auga empregada no lavado, rebaixando así a dose de deterxente utilizado.

DOCE MEDIDAS PARA ASEGURAR UNHA CORRECTA LIMPEZA DO TANQUE DE FRÍO:

1. Iniciar a limpeza o antes posible para evitar o resecado
2. Dispoñer de equipos de limpeza e materiais adecuados
3. Boa iluminación
4. Ordenar e retirar residuos e restos de alimento
5. Eliminar os restos grosos en seco
6. Limpeza en condicións de temperatura adecuadas (45-50ºC)
7. Frotado de superficies conflictivas
8. Enxuague intermedio e inspección
9. Desinfección en condicións axeitadas
10. Aclarado e secado
11. Ordenar equipos, utensilios e produtos
12. Evitar a recontaminación

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información