Que factores explican a diferenza de prezos do leite entre comunidades autónomas?

O Centro Tecnolóxico Alimentario analiza nun informe as causas do diferencial de prezo existente entre Galicia e o resto de comunidades autónomas

Que factores explican a diferenza de prezos do leite entre comunidades autónomas?

O prezo medio do leite pagado en Galicia está á cola de España.

Galicia arrastra o peor prezo do leite do conxunto de comunidades autónomas, un diferencial ao que industrias e gandeiros lle buscan explicacións desde hai anos. O Centro Tecnolóxico Alimentario (Cetal), unha fundación xestionada polo Ministerio de Agricultura, iniciou a publicación mensual dun informe sobre o sector lácteo no que analiza, entre outras moitas cuestións, os motivos das diferenzas de prezos entre comunidades autónomas.

A comunidade ten na actualidade un prezo un 3,6% inferior á media española, que se eleva ó 5,1% se se consideran prezos estandarizados sobre un leite co 4% de graxa e o 3,3 % de proteína. Se a comparación se fai coa veciña Asturias, a diferenza negativa para o prezo do leite galego ronda o 10%. Que motivos explican a posición de Galicia na cola de prezos pagados en España?

O informe do Cetal, un organismo con sede en Lugo, apunta a un conxunto de factores a ter en conta, principalmente dous.

1) Relación entre dimensión da explotación e prezo do leite
Sobre a media dos prezos pagados no 2016-17, o Cetal conclúe que hai unha relación directa entre volume de entregas das granxas e prezos. A maiores entregas, maior prezo, aínda que con dúas excepcións notorias. Asturias, que ten unhas granxas con menor dimensión media que as galegas, presenta un prezo significativamente máis alto. Outro caso é Andalucía, que acada prezos do leite superiores a outras comunidades que teñen granxas de maior dimensión, caso de Cataluña.

Conclusión, o informe apunta que o peso do sector cooperativo en Asturias (Clas) e Andalucía (Covap) explica os diferenciais de prezos en positivo a favor das explotacións destas dúas comunidades.

Relación entre dimensión das explotacións e prezos medios do leite. / Fonte: Cetal.

Relación entre dimensión das explotacións e prezos medios do leite. / Fonte: Cetal.


2) Taxa de autoabastecemento lácteo de cada comunidade autónoma

Galicia produce o maior volume de leite de España, arredor do 38%. De cada 10 litros producidos na comunidade, uns 7 teñen que buscar mercado fóra. As autonomías con menor grao de autoabastecemento, que dependen das ‘importacións’ doutras comunidades para abastecerse, adoitan presentar un prezo máis alto que aquelas que teñen unha produción superior ó consumo, como Cantabria ou Galicia. No caso galego, a produción acada 953 litros de leite por habitante e ano.

Novamente, hai que destacar a excepción de Asturias, que cunha produción de 536 litros por habitante e ano, que triplica ao seu consumo interno, lidera a táboa de prezos pagados ó produtor.

Relación entre prezos do leite e taxa de autoabastecemento interno.

Relación entre prezos do leite e taxa de autoabastecemento interno.

Outros factores
A maiores dos factores sinalados no informe do Cetal, as industrias lácteas ubicadas en Galicia viñan apelando tradicionalmente a outro factor a considerar, a distancia entre Galicia e os grandes centros de consumo, principalmente Madrid e a zona oriental da península. Ese factor, igual que os anteriores, semella non aplicar para o caso asturiano, que sofre o mesmo problema de distancia ós centros de consumo.

Outra cuestión á que se teñen referido as industrias apunta ós menores prezos que virían pagando os primeiros compradores intermediarios, unha figura con forte asentamento en Galicia. Desde as industrias consideran que os prezos pagados polos primeiros compradores tiran á baixa o prezo medio de Galicia, se ben desde as organizacións agrarias a óptica é distinta. Entenden que as industrias utilizan ós primeiros compradores intermediarios para abaratar o leite en Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información