Que demandan os gandeiros e que ofrece Administración para o sector lácteo?

Os gandeiros demandan medidas de carácter inmediato como a garantía de recollida do leite, a intermediación da Administración para finalizar cos "contratos lixo" ou a retirada de leite do mercado mediante intervención pública.

Que demandan os gandeiros e que ofrece Administración para o sector lácteo?

Protesta polos baixos prezos do leite.

A baixada do prezo do leite que sofren as gandarías de Galicia, unha situación que se produce tamén no resto da Unión Europea e a nivel mundial, agrávase na Comunidade con dous problemas propios: a falta garantías de recollida do leite a uns prezos que cubran os custos de produción e o incumprimento por parte da industria do paquete lácteo. Esta situación crítica levou ao sector lácteo galego a unirse hoxe nunha manifestación conxunta en Santiago de Compostela que se prevé multitudinaria.

O problema dos baixos prezos concéntrase en 2.571 explotacións galegas que cobran o leite por debaixo dos 26 céntimos/litro. Supoñen o 9,9% do total de produción láctea de Galicia. Ademais, dentro deste grupo existen 541 explotacións que o venden por debaixo dos 20 cts/litro.

Aínda que, se ben é certo que, segundo os datos da Consellería de Medio Rural, representan o 1,37% do leite producido en Galicia, dende as organizacións agrarias advirten que cada vez é un grupo máis numeroso, que tira cara a abaixo os prezos do resto de explotacións, sendo cada vez máis as gandarías de leite que non cobren os custos de produción.

En xogo non están só os postos de traballo directos das máis de 9.457 explotacións lácteas galegas, que representan máis do 50% das de toda España, senón tamén uns 40.000 postos de traballo indirectos que dependen do sector lácteo en Galicia.

Medidas inmediatas que lle demanda a plataforma á Administración

Ante esta situación a Plataforma en defensa do Sector Lácteo Galego esixe ás administracións as seguintes medidas de carácter inmediato para esas 2.571 explotacións que están a vender o leite por debaixo dos 26 céntimos:

-Cuantificación do excedente lácteo e xestión deste a través dos mecanismos de intervención, almacenamento privado e entrega a terceiros países. Trataríase de que a administración retire leite do mercado a través da intervención pública a través da compras públicas de leite en po e manteiga a prezos que cubran, polo menos, os custos de produción.

-Un procedemento de información detallado e depurado que permita facer un balance do leite. Neste sentido, recordan que a Interprofesional Láctea (INLAC) ten en marcha un proxecto neste sentido (SILac) “que podería ser revisado polo Ministerio para establecer con certa periodicidade os balances dinámicos do sector lácteo”.

-Vixilancia e sanción dos contratos lixo, de modo que se consideren nulos e lógrese un compromiso coa industria que opera en España para recolocar ese leite a prezos de mercado.

-Rematar coa banalización que se fai do leite e os produtos lácteos nos lineais da gran distribución.

A Plataforma tamén propón un conxunto de 6 medidas a medio e longo prazo para solucionar os problemas estruturais do sector lácteo galego.

Descarga aquí as reivindicacións da Plataforma en defensa do Sector Lácteo Galego.

Medidas que propón o Ministerio de Agricultura

O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medioambiente respondeu con estas medidas ás reivindicacións do sector lácteo galego:

1. Apoio ás organizacións de produtores, como instrumento para reforzar a capacidade dos gandeiros na negociación de prezos e a participación na comercialización e valor engadido da produción. Concretarase mediante a convocatoria dunha axuda específica no marco do Programa Nacional de Desenvolvemento Rural, destinada ás organizacións de produtores e asociacións de organizacións de produtores de ámbito supra autonómico.

Prevese que as bases desta convocatoria poidan publicarse en outubro.

O presuposto global será de 1 millón de € anuais aplicables a todo o período de programación (ata 2020) para as organizacións que se constitúan.

2. Promoción do consumo. Desenvolvemento dunha campaña de promoción dirixida a incrementar o consumo de leite e produtos lácteos nacionais no mercado interior.

A campaña levarase a cabo ao longo deste ano e terá continuidade durante o próximo. Para o seu deseño e planificación contarase co conxunto de organizacións do sector e buscarase a colaboración e participación da Interprofesional e da distribución.

A campaña contará cun presuposto aproximado de 1,5 millóns de €.

3. Vixilancia do cumprimento da lei de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria no sector lácteo pola Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA).

4. Facilitar a concesión de créditos a gandeiros de vacún leite.
O importe máximo dos préstamos para os que se poderá solicitar a axuda será de 25.000 € por beneficiario, cun prazo máximo de amortización de ata 5 anos, podendo incluír un de carencia.

O importe destinado a esta finalidade polo Ministerio é de 1,6 millóns de € en cinco anos e o importe máximo dos créditos que se poden conceder con cargo a esta liña de subvención será de 35 millóns de €, incluíndose neste último límite os créditos que se poidan conceder no marco doutra liña de axuda ao acceso ao crédito destinada tamén aos gandeiros afectados pola seca na gandaría extensiva.

5. Divulgación dos contratos lácteos. Desenvolvemento dunha campaña divulgativa a partir do mes de setembro, por parte do MAGRAMA para dar a coñecer entre os gandeiros e primeiros compradores de leite todos os aspectos relativos ao paquete lácteo e, especialmente, os que se refiren á contratación no sector.

6. Divulgación de información sobre custos e marxes de produción.
Está prevista a elaboración e difusión por parte do MAGRAMA de información sobre custos e marxes de produción, de maneira que esta información poida servir para o desenvolvemento de índices de referencia nos contratos de venda de leite que subscriban gandeiros e primeiros compradores. Esta información comezará a publicarse a partir de setembro.

7. Potenciar o papel de INLAC como órgano para a consecución de acordos sectoriais.

8. Impulso do programa de leite escolar, mediante o desenvolvemento dunha Estratexia Nacional, cuxa elaboración xa está en marcha.

Para a aplicación desta medida dispoñerase dun presuposto total para o curso 2015/16 de 6,9 millóns de €, dos que 1,4 millóns de € procederán do FEAGA, 5,2 millóns achegaraos o MAGRAMA.

9. Potenciar as medidas destinadas ao sector lácteo no marco dos programas de Desenvolvemento Rural das CCAA.

10. Plan Estratéxico para a Industria Láctea. De forma conxunta coa Federación Nacional de Industrias Lácteas (FENIL) comezouse a traballar na elaboración dun Plan Estratéxico para a Industria Láctea Española.

11. Impulso á cooperativización do sector.

12. Solicitude á Comisión Europea de medidas excepcionais de almacenamento privado e de intervención pública de leite e derivados lácteos.

Descarga aquí as medidas que propón o MAGRAMA.

Medidas positivas pero que non resolven os problema inmediato das explotacións

As organizacións agrarias consideran que “sendo positivas, estas medidas son a medio-longo prazo, e non achegan unha solución inmediata para as explotacións que están a vender o leite por debaixo dos custos de produción, nin para as que llas ameaza con deixar de recoller o leite ou ás que a industria lles impón contratos abusivos”.

Medidas propostas pola Xunta de Galicia

En canto á Consellería de Medio Rural e do Mar, presentou medidas como unha campaña de promoción da marca “Galega 100% ” ou unha campaña de promoción do consumo de leite en colaboración coa Consellería de Educación e coa de Sanidade. Tamén compromete o apoio a proxectos industriais para darlle maior valor engadido ao leite.

Ademáis, a Xunta destaca que o novo PDR 2014-2020 considera máis de 500 millóns de euros en axudas ás que se poderá acoller o sector lácteo.  O goberno galego destaca que o novo PDR manterá especial sensibilidade en atender as necesidades daquelas explotacións que se encontran en zonas con limitacións naturais ou con limitación de produción para as as cales se incrementará ata os 116 millóns de euros a cantidade dedicada fronte aos 52 millóns de euros que destinaban o PDR en vigor (2007-2013) para ese mesmo concepto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información