Que custo provoca a mamite nunha gandería de vacún de leite?

O veterinario Iván Mato calcula as perdas que orixina a mastite, unha das enfermidades con maior incidencia e que provoca gastos máis elevados nas explotacións. O experto incide na eficacia da vacinación para atallar esta afección

Que custo provoca a mamite nunha gandería de vacún de leite?

O veterinario Iván Mato nas xornadas organizadas pola ADSG Xundeva en Lalín.

A mamite, a inflamación da glándula mamaria, é unha das enfermidades máis recorrentes nas explotacións gandeiras e, nalgúns casos, pode presentar complicacións que a converten tamén nunha patoloxía grave. Por iso, a mamite é a causa dos maiores gastos por enfermidade dentro dunha explotación. Así o expuña o veterinario do servizo técnico de bovino dos Laboratorios Hipra, Iván Mato, nos Encontros Gandeiros da ADSG Xundeva, celebrados recentemente en Lalín.

Nunha explotación de 100 vacas, a mamite pode supor un gasto anual de máis de 15.000 dólares, por encima dos 12.000 que custan as coxeiras, segundo un estudo americano elaborado a finais dos 90 e do que Mato botou man.

En liñas similares son os datos doutra investigación realizada en granxas irlandesas, cunha produción media de 500.000 litros pero desta volta atendendo ó Reconto de Células Somáticas (RCS), que é un dos indicadores da mamite subclínica, aquela que non presenta síntomas a simple vista. Neste caso, entre as explotacións onde o RCS é inferior a 100.000 células por mililitro e aquelas nas que é superior a 400.000 cl/ml, hai unha diferenza dos marxes de beneficios netos de 48 euros por tonelada de leite a favor daquelas cun RCS máis baixo. O estudo evidencia que o aumento do reconto celular tradúcese en menos ingresos e o incremento dos gastos.

O impacto da mamite nunha explotación de 100 vacas pode ascender a máis de 19.000 euros ó ano

Nunha avaliación realizada por Laboratorios Hipra, que comercializan a vacina Startvac, o impacto da mamite nunha explotación na que se muxen 100 vacas, cunha produción mensual de 110.000 litros, pode ascender a máis de 19.000 euros. Neste cálculo entran as perdas tanto en gastos da enfermidade directamente como a redución da produción que provoca ou a eliminación de primas por calidade.

Claves para calcular o gasto por mamite

Á hora de realizar un cálculo do gasto que supón a mamite para unha explotación é preciso avaliar, en primeiro lugar, a incidencia da enfermidade. Para iso é fundamental realizar un rexistro dos casos de mamite clínica, aquela cuxos síntomas son evidentes a simple vista no animal. “O manexo destes datos vainos permitir comparar o gasto duns anos a outros á hora de probar tratamentos para atallar a mamite”, explica Mato.

En función da gravidade da mamite clínica que presenten, os gastos tamén han variar:

-As mamites leves, as que provocan unicamente unha alteración no leite, implican uns gastos de 200 euros.

-As mamites moderadas, nas que hai unha modificación visible da ubre (con calor, dor ou inflamación) os gastos supoñen 300 euros.

-Nas mamites graves, aquelas que afectan ó estado xeral do animal e lle provocan febre, anorexia ou que as deixa debilitadas, os custes ascenden a 500 euros.

Ademais dos gastos derivados da mamite clínica, un elevado reconto de células somáticas tamén implica a presenza dunha mamite subclínica, e que ocasiona tamén perdas de produción. “Estas mamites que non vemos son as responsables de moitos gastos nas granxas”, apunta Mato. Así, un RCS de 400.000 cl/ml pode causar un recorte en 270 litros nas primeiras lactacións ou de ata 540 litros nunha vaca de segunda lactación ou posteriores.

Coste-mastitis-Perdas-por-RCS

A estes gastos tamén se engaden a eliminación das primas de calidade cando os recontos de células somáticas superan as 200 cl/ml e que mesmo supoñen penalizacións no caso de valores de 400 cl/ml, aínda que estes criterios son variables en función do que recolla o contrato asinado por produtor e industria en cada caso.

Un caso práctico

“Debemos establecer uns límites aceptables, porque sempre imos ter algo de mamite na explotación”, explica o veterinario á hora de establecer uns valores que permitan medir a saúde da ubre das vacas. O estudo realizado por Hipra para avaliar a repercusión que pode implicar para unha explotación a vacinación rebela que, nunha explotación de 100 animais en muxido pode supoñer unha marxe de mellora de 14.230 euros. A continuación inclúense algunhas das gráficas nas que se recollen os datos da explotación e a redución da incidencia da mamites logo da vacinación.

Mamites clínicas

Na explotación contabilízanse nun ano 50 casos de mamites clínica, o que implica un gasto de 11.400 euros. O obxectivo logo da vacinación é reducir nun 25% a incidencia da mamite. Isto deixaría un aforro de 5.400 euros e implicaría que a explotación pasaría a gastar nas mamites clínica 6.000 euros no canto dos 11.400 que gasta ata o de agora.

Coste-mastitis-Mamitis-clinicas-

RCS individuais

Outro dos varemos a ter en conta para calcular o impacto da mamite é o reconto de células somáticas. Cando se trata de elaborar unha estimación para o conxunto da explotación Mato explica que é preciso atender ó Linear Score (LS), un valor facilitado tamén polo control leiteiro e que é máis axeitado para coñecer a saúde das ubres dun grupo de vacas. Para as vacas de primeira lactación, o valor óptimo de LS é de 2 e para as de segunda lactación e posteriores é de 2,5. Non caso desta estimación, son as de segunda lactación nas que se detecta deficiencias, e que supoñen unha perda de 14.235 litros que se traducen en arredor de 4.270 euros.

Coste-mastitis-lineal-score-

Primas por calidade

A mamite tamén afecta ás primas por calidade, e no caso exposto por Hipra, esta explotación deixa de percibir os citados beneficios en catro meses a causa da mamites. Isto ocasiónalle unhas perdas de preto de 4.000 euros ó ano.
Coste-mastitis-primas-de-calidad

Un caso real

Á marxe do estudo realizado polo laboratorio, Mato expuxo un caso real dunha explotación leiteira de Lugo na que a incidencia da mamite conseguiu reducirse coa vacinación. Neste caso trátase dunha explotación de 136 vacas en muxido (50 de primeira lactación e 86 de segunda e posteriores).

Neste rabaño os costes por mamite ascendían a 24.978 euros. O principal problema era a incidencia das mamites clínicas que implicaron un gasto no último ano de 21.130 euros. A estas sumáronse as perdas de produción por RCS que foran de 3.848 euros.

Mato explica que, neste caso, a vacinación supuxo un aforro de 19.189 euros, logo dunha inversión de 3.021 euros no tratamento de vacinación. Pese ós bos resultados, Mato tamén concreta que a vacinación non sempre é o remedio axeitado, polo que é preciso contar con datos da explotación para avaliar o procedemento máis apropiado a seguir.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información