Puntos críticos de control nas amamantadoras

As amamantadoras están presentes en cada vez máis gandarías de vacún de leite. Presentan importantes vantaxes, pero tamén riscos sanitarios. Carolina Tejero, técnica de vacún leiteiro de MSD Animal Health, explica que aspectos debemos coidar para que estas máquinas funcionen correctamente

Puntos críticos de control nas amamantadoras

Becerra nunha amantadora

As amamantadoras están cada vez máis presentes nas gandarías de vacún de leite co obxectivo de mellorar o crecemento e benestar das tenreiras e aumentar a eficiencia da man de obra durante a fase lactante.

Estes sistemas de alimentación automatizada permítennos alimentar as xatas con maiores cantidades de leite, xa que poden beber con maior frecuencia dunha forma máis natural. Nas amamantadoras pódese controlar a cantidade de leite diario a administrar, o volume das tomas, a frecuencia de administración, e coñecer os consumos por tenreira de maneira individualizada, o que permite identificar as becerras de menor consumo. Ademais, pódense realizar destetes máis progresivo o que favorece unha mellor transición de monogástrico a ruminante.

Doutra banda, numerosos estudos observaron que as tenreiras alimentadas en grupo presentan unha mellor socialización, con menores índices de estrés e maiores consumos de penso.

Maior risco sanitario

Sen embargo, ao pasar a traballar en grupos, e non de forma individual, auméntase o risco sanitario. E é que ao estar xuntas existe un maior contacto, de forma que as tenreiras comparten ambiente, tetinas, bebedoiros e comedeiros. Isto provoca que o risco de transmisión de enfermidades sexa maior, xa que bacterias como a Salmonella spp., Mycoplasma spp. e outros patóxenos entéricos que se transmiten pola saliva, poden contaxiarse dunha a outra a través das tetinas. Ao que se suma un maior risco de contaxio vía fecal-oral como resultado da mestura de animais.

Outra desvantaxe de traballar en lotes é o aumento da competencia entre as tenreiras, máis acusado os casos nos que os lotes presentan bastante diferencia de idade.

Polo que para poder aproveitarse de todos os beneficios que nos pode achegar a incorporación deste sistema de alimentación na granxa, e diminuír os posibles inconvenientes, débese traballar moi intensamente nos seguintes puntos de control:

1) Puntos iniciais de control antes de introducir na amamantadora

Comezando a traballar nas becerras antes de introducilas nas amamantadoras, só deben entrar aos parques animais sans e con vitalidade:

-Xatas ben encalostradas
-Tenreiras sen patoloxías previas
-Adaptadas previamente á mesma leite
-Adaptadas á alimentación con tetina

Recoméndase introducir as becerras con 10-14 días de vida, obténdose mellores resultados de crecemento e saúde cando se introducen con polo menos dúas semanas de vida.

2) Puntos de control do ambiente

É moi importante que antes de comprar e pór en funcionamento as amamantadoras, tanto se as naves son de nova construción ou se reutilizan instalacións antigas, determinemos cal é a mellor disposición para favorecer unha correcta ventilación, calidade do aire e evitar correntes directas sobre as becerras que aumentarían o risco de problemas respiratorios.

Pódense optar por sistemas de ventilación natural (con chemineas, xanelas laterais, cortinas, ventiladores…) ou sistemas de ventilación forzada (cando a ventilación natural non sexa suficiente).

Tamén se debe controlar a densidade de becerras nos parques, para saber os m2 de cama e m3 de aire necesarios para o número de tenreiras que imos introducir en cada lote, que tamén poden diminuír o benestar das tenreiras e aumentar o risco de enfermidade. Neste sentido, as recomendacións son un mínimo 3,5 m2 /tenreira e un número de xatas por lote máximo de 25 tenreiras. Obtendo mellores índices de crecemento e saúde nos lotes de menos de 20 tenreiras.

Unha vez postas as amamantadoras en funcionamento, deberanse establecer protocolos de encamado e limpeza dos patios. Unha das grandes vantaxes de traballar en lotes no canto de con boxes é que a eficiencia de traballo para estas tarefas é maior, polo que se poden implementar estas tarefas con maior frecuencia que nos aloxamentos individuais, mellorando o confort e hixiene das instalacións. Ademais, o ambiente é un dos grandes problemas cando traballamos en lotes, xa que se aumenta a humidade relativa ao ter máis densidade e maiores niveis de amoníaco polo incremento de dexeccións e de ouriños.

3) Puntos de control do Plan Nutricional

Pódese utilizar no programa nutricional tanto leite en po como leite de vaca, con sistemas ad libitum ou de alimentación restrinxida.

Se se utiliza leite de vaca recoméndase pór un pasteurizador intermedio para mellorar a calidade bacteriolóxica do leite e evitar a transmisión de axentes patóxenos.

Cando traballamos con leite en po débese realizar a calibración automática, cantidade de leite en po e auga, unha vez ao día; e unha vez ao mes unha calibración manual, para asegurarse que a báscula funcione correctamente e que a concentración administrada sexa constante todos os días.

Débense instaurar os programas de alimentación adecuados para cada idade, con picos de leite de até 10l /día por animal, prestando especial coidado aos límites inferiores de consumo, para evitar que se mamen e amoreamentos na entrada das amamantadoras. Tamén se debe de ir aumentando de forma progresiva o volume a medida que medran as tenreiras.

Recomendacións límites máximo-mínimos por toma:

– Aos 5 días: mínimo de 1 litro e máximo de 2 litros de leite por toma.

– Aos 10 días: mínimo de 1,5 litros e máximo de 2,5 litros de leite por toma.

– Aos 41 días: mínimo de 1,5 litros e máximo de 3 litros de leite por toma.

Tamén se debe programar un destete progresivo durante polo menos 14 días controlando o consumo de penso, que debe ser de alta calidade, para estimular o consumo e manter o crecemento tras o destete.

Auga de calidade dispoñible en todo momento

Incluído dentro do programa nutricional, non debemos esquecernos de controlar a calidade da auga. As becerras deben ter auga dispoñible en todo momento, e moi especialmente en programas altos de alimentación, para que a tenreira poida dixerir correctamente a cantidade de sólidos administrada.

Para monitorizar a calidade desta, recoméndase tomar mostras de auga polo menos unha vez ao ano, tanto da auga utilizada para preparar o leite na amamantadora, como da que está a disposición dos tenreiros nos patios.

4) Puntos de Control de Saúde

Ao traballar en lotes existe máis risco de transmisión de enfermidades, polo que como xa comentamos con anterioridade, un dos puntos críticos para diminuír a porcentaxe de becerras enfermas será traballar en prevención pondo especial atención ao encostrado, plans vacunais e a hixiene.

Ademais, é importante realizar un diagnóstico temperán da enfermidade, tanto dos problemas dixestivos como respiratorios.

Podemos aproveitar os parámetros rexistrados no software da amamantadora, para identificar que tenreiras non consumiron todo o leite asignado no día. Outra estratexia para realizar un diagnóstico máis precoz consiste en controlar as tenreiras que presentasen unha velocidade de consumo menor, xa que as becerras enfermas tenden a consumir máis amodiño, polo que identificalas e avalialas permitiranos porlles o seu tratamento específico.

Cada vez son máis as amamantadoras que incorporan, á parte do control do consumo, outros sistemas automáticos de control, tales como monitorización da actividade, temperatura, scores de saúde, consumo de auga e penso, para facilitar a detección temperá da enfermidade nos tenreiros.

https://www.foerster-technik.com/calf-feeding/automatic-calf-feeder/

https://www.foerster-technik.com/calf-feeding/automatic-calf-feeder/

Como a incidencia de enfermidade pode ser maior cando traballamos en grupo, é recomendable instaurar programas de prevención como a vacinación para controlar as diarreas, vacinando as nais no preparto e asegurándose da correcta administración do costro.

 É recomendable vacinar ás nais contra a diarrea vacinar ás tenreiras contra enfermidades respiratorias

Doutra banda, as vacinacións temperás para os problemas respiratorios permitirannos protexer as xatas nos períodos de máximo risco e previr os danos irreversibles a nivel pulmonar que poderán orixinar menores crecementos e menores producións futuras de leite.

En conclusión, para poder beneficiarse de todas as vantaxes que nos pode proporcionar este sistema de alimentación automática, e diminuír os posibles riscos de maior incidencia de enfermidade e competencia, débese traballar e instaurar nas granxas protocolos e monitorizaciones dos todos os puntos de control críticos mencionados ao longo do artigo para optimizar o crecemento e saúde durante a fase lactante e transición das tenreiras.

amamantadora_limpeza

Recomendacións para a limpeza, desinfección e mantemento da amamantadora

Outro punto clave será pór unha especial atención á limpeza, desinfección e mantemento do equipo de alimentación. E é que a maioría dos sistemas de limpeza dos equipos requiren dunha combinación de sistemas automáticos e manuais de limpeza.

A) Limpeza automática: utilizar un deterxente adecuado en función da calidade (dureza) e da temperatura da auga utilizada para a limpeza. Pódense facer até catro limpezas ao día do circuíto.

B) Limpeza manual: dos postos de alimentación, a unidade de mestura, o intercambiador de calor, as mangueiras, as tetinas… Facer unha especial énfase nas zonas difíciles de limpar como os tubos onde poden acumularse o leite e as bacterias, que deben substituírse antes de que mostren síntomas de desgaste ou agretamento.

É recomendable cambiar as tetinas cando sae o lote

Outro punto importante é a limpeza e desinfección das tetinas que son compartidas por todas as tenreiras do lote e nas que é fácil que se acumulen biofilms polo leite e a saliva. Polo que se recomenda ter dous pares de tetinas e limpar e desinfectar unha mentres a outra está en uso. É recomendable cambialas cando sae o lote ou cando se observe deterioración nas mesmas.

Recoméndase realizar unha monitorización do reconto de bacterias, polo menos mensual do leite, á saída das tetinas, para poder valorar a hixiene do leite administrado. Obxectivo: < 100.000 ufc/ml

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información