Protestas en Portugal e Francia pola crise de prezos do leite

Arredor de 400 gandeiros bloquean unha factoría de Lactalis en Laval, unha cidade gala ubicada no oeste do país. Os gandeiros portugueses do norte protagonizan hoxe unha marcha lenta de tractores

Protestas en Portugal e Francia pola crise de prezos do leite

Protesta ante a factoría de Lactalis en Laval (Francia). / Imaxe: @bleumayenne.

A crise de prezos do leite, que se agravou este verán, está a levar ós gandeiros dos países veciños, Portugal e Francia, ó inicio de mobilizacións. En Francia, arredor de 400 produtores bloquean desde onte a factoría de Lactalis en Laval, unha cidade do oeste do país, en tanto en Portugal está prevista para hoxe unha marcha lenta de tractores en Estarreja, unha cidade do norte situada preto de Aveiro.

As mobilizacións en Francia céntranse por agora en Lactalis, que está a pagar no país veciño 25,6 céntimos por litro de leite, o que supón entre 1 e 2 céntimos menos do que pagan outras industrias no país, segundo denuncian a través dos medios de comunicación os sindicatos agrarios galos. As organizacións agrarias entenden que a política de prezos da empresa incita a outros industriais a tirar os seus prezos.

Lactalis recolle arredor do 20% do leite producido en Francia, país no que conta con 63 instalacións industriais. Un portavoz da empresa, Michel Nalet, sinalou en declaracións á prensa que non pecha as portas ás conversas cos gandeiros e subliñou que o prezo estival do leite non ten porque ser o prezo do outono. O problema, segundo o portavoz de Lactalis, non está “nuns poucos euros”, senón na crise de sobreprodución que hai en Europa e na busca de saídas a esa crise.

Situación de Lactalis en Galicia
A situación de prezos de Lactalis en Francia é similar á galega, onde a firma gala, segundo as organizacións agrarias, está a pagar o litro de leite desde este mes a menos de 26 céntimos de media. O sector gandeiro galego tamén lle reclama a Lactalis o pago dos cartos a maiores que recibe desde xaneiro das cadeas de distribución polo envasado de marcas brancas. Está previsto que en Galicia se inicie nos próximos días un boicot ós produtos de Lactalis, que envasa baixo marcas como Lauki, President ou Puleva.

Tractorada en Portugal

As protestas polos baixos prezos no campo tamén se extenden a Portugal, onde os produtores protagonizan hoxe unha marcha lenta de tractores en Estarreja, preto de Aveiro. No país veciño, os prezos en xuño situáronse en 27,4 céntimos litro, segundo os datos do Observatorio do Leite da Comisión Europea.

A Asociación de Produtores de Leite e Carne de Portugal e a Confederación Nacional de Agricultura reclaman na mobilización de hoxe a volta a un sistema europeo de control da produción, similar ó das cotas lácteas, pois ambas organizacións entenden que evitaría crises de prezos e de excedentes como a actual.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información