Protesta en Logística Alimentaria, que ofrece liquidacións a 17 céntimos

O Sindicato Labrego demanda a convocatoria dunha Mesa do Leite na que abordar a recuperación do prezo en orixe e a xestión de posibles excedentes

Protesta en Logística Alimentaria, que ofrece liquidacións a 17 céntimos

Concentración do Sindicato Labrego ante Logística Alimentaria.

Arredor dun cento de gandeiros participaron na mobilización simbólica convocada polo Sindicato Labrego ante a planta de Logística Alimentaria en Outeiro de Rei (Lugo). O acto será posiblemente a primeira protesta doutras que están por vir. “Estes días están chegando ás casas liquidacións polo leite que non dan para pagar as facturas, así que a xente vai usar todas as ferramentas que teña na man para esixir solucións a curto prazo” -pronostica a secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba-. “Non podemos deixar que Xunta e Ministerio anden enredando con proxectos a medio prazo. É preciso que todo o sector, organizacións agrarias, cooperativas e demais actores nos aglutinemos en torno a reivindicacións moi concretas”, propón.

Agaca acusa a Logística de esixirlle ás cooperativas que asinen un contrato simulado polos meses previos

A concentración de onte ante Logística Alimentaria chega xusto cando trascenderon as prácticas irregulares nas que a empresa está presuntamente a incurrir. A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) vén de denunciar en nota de prensa que Logística lle ofrece liquidacións a 17 céntimos o litro a dúas cooperativas galegas. Agaca asegura ademais que a industria pretende que as cooperativas asinen agora un contrato polos meses previos, de xeito que simulen que existía ese contrato con anterioridade, “ameazando con non pagar o leite de abril en caso de que ese contrato non sexa asinado”.

As cooperativas xa trasladaron esta situación ás Administracións e demandan que se poña coto ós “abusos” con medidas inmediatas. Agaca lembra asimesmo que a liquidación de 17 céntimos que lle pretende trasladar Logística ás cooperativas non respeta os costumes do sector, “pois enténdese que se non hai negociación previa, alomenos a industria debe pagar a mesma cifra que en meses anteriores”.

Os gandeiros tiraron leite de xeito simbólico.

Os gandeiros tiraron leite de xeito simbólico.

O Sindicato Labrego tamén incidiu sobre este problema e confirmou que ten constancia de que Logística Alimentaria lle está a pagar prezos no entorno dos 17 céntimos a cooperativas como Cova de Vales (Curtis), O Pereiro (Meira) ou Val de Lemos (Monforte). A organización agraria considera que é preciso que a Xunta impulse un foro de diálogo estable entre as industrias e o sector no que se poida abordar a recuperación do prezo do leite. “Se hai excedentes, haberá que buscarlles solucións. O que non pode ser é que as Administracións se anden escudando en que a culpa da crise é dos produtores por non negociar; iso é un insulto”, critica a secretaria xeral do Sindicato Labrego.

Así as cousas, no propio sector sorprende que se estea a capear a crise co menor nivel de mobilización dos últimos tempos. Entre as organizacións agrarias, atribúese a desmobilización en parte á época de traballo alto que hai no agro esta tempada (ensilado da herba e sementeira do millo), pero tamén ós novos problemas que afrontan as explotacións. A dificultade de ter a recollida garantida leva a que o baixo prezo quede nun segundo plano, valora o sector, que agarda que as liquidacións que están comezando a chegar ás explotacións polo leite de abril sirvan como espoleta para reactivar as protestas. No acto de onte en Logística Alimentaria, Isabel Vilalba fixo un chamamento á unidade do agro na demanda de solucións.

"Mans arriba, isto é un contrato", un dos lemas da protesta.

“Mans arriba, esto é un contrato”, un dos lemas da protesta.

“Temos unha inseguridade e unha falta de expectativas total”

José Luis Cendán, un gandeiro de Cospeito que participou na mobilización do Sindicato Labrego, amosábase en especial preocupado pola falta de estabilidade no sector. “Hai unha inseguridade e unha falta de expectativas total. Temos agora unha situación difícil de resistir, coa maioría das explotacións cobrando 26 ou 27 céntimos polo leite e con moitas tendo que facer fronte a créditos de plans de mellora ou ós créditos que se pediran no seu día para mercar cota”.

O caso particular do contrato de José Luis coa industria coa que traballa sitúase na parte alta de prezos, con 28 céntimos litro, aínda que a incertidume, di, é alta. “Temos un acordo por tres meses e imos renovalo con carácter anual, cun compromiso de revisión no outono de acordo a índices de mercado, pero tal e como están as cousas, quen nos di que ese contrato se vai cumprir”, pregúntase.

“Estamos nos problemas de sempre. Eu sigo porque gústame o que fago”

Xurxo Xoán Rodríguez, gandeiro de Friol, conta con arredor de medio cento de vacas en ecolóxico, un sistema de produción que fai que manteña a ilusión no traballo. “A nosa situación é distinta á das explotacións convencionais, pero os problemas son comúns. Estamos no de sempre, as materias primas e os custos de produción soben e o prezo do leite vai para baixo”, resume. “Sigo adiante porque gústame o que fago e hai que manter a ilusión”, conta. “De cara ó futuro, teño o proxecto de transformar en queixos a nosa produción, que é algo que nos podería dar máis independencia das industrias”.

As explotacións en ecolóxico teñen un prezo base polo leite similar ás convencionais e a maiores cobran unha prima polo leite ecolóxico de arredor de 100 euros por tonelada, se ben tamén hai que ter en conta uns custos de produción maiores. “Os insumos ecolóxicos son máis caros e a recollida de forraxe é menor. Nós non abonamos con mineral. Basicamente só usamos o purín, o que fai que por exemplo a herba medre moito menos”, explica Xurxo. “Logo, ó estar en pastoreo, o leite ten menos graxa e proteína, co cal por ese lado estamos penalizados, e tamén tivemos uns problemas que non nos explicamos co punto crioscópico”.

A reforestación de terras aptas para uso agrario é outro dos problemas que lle preocupa a Xurxo, que demanda un control sobre a ordenación do territorio por parte das Administracións.

Una idea sobre “Protesta en Logística Alimentaria, que ofrece liquidacións a 17 céntimos

  1. Antonio Otin Liesa

    Es necesario trabajar mucho por la unidad del sector, todos los sindicatos y agrupaciones de productores tienen quenir unidos, nis estamos jugando la supervivencia del sector.
    Es necesario hacer reflexionar a las grandes cadenas de distribucion, sobre el daño que le estan haciendo al sector vendiendo la leche a perdidas u obligando a las industrias a entrgarle leche envasada por debajo de los precios de mercado, si no reaccionan dos caminos a seguir, el mas rapido grupos de ganaderos que bloqueen en horas punta los centros de distribucion y otro camino obligar a la administracion que aumente considerablemente las inspecciones tanto de cinsumo como de sanidad, a las grandes superficies que se niegen a aplicar una politica razonable de precios de la leche.
    Sensibilizar a los ganadetos que no se debe incrementar descontroladamente la produccion de leche, es mejor producir los mismos litros con menos vacas, mejorando el manejo de los animales, la rentabilidad sera mayor.
    Sobr todo Unidad, unidad, unidad y si es necesario a la lucha sin descanso.
    Gracias por vuestro esfuerzo

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información