Pros e contras do secado selectivo en vacún de leite

Artigo de Eduardo Arozame Sanemeterio, veterinario de Calidade do Leite de Agrocantabria S.C. O pasado13 de marzo impartiu en Tineo (Asturias) un relatorio sobre o secado selectivo dentro da xornada técnica organizada pola cooperativa Campoastur.

Pros e contras do secado selectivo en vacún de leite

Introcindo un selador no teto para o secado

O secado selectivo consiste no emprego racional do antibiótico no momento en que secamos os animais dunha explotación de vacún de leite, de maneira que en todos aqueles animais que non padeceron mastites clínicas non se lles administra un antibiótico de secado, aínda que si se empreguen outros produtos no secado, como medida de prevención.

Nos animais cunha ubre sa supón un risco innecesario aplicar un antibiótico. Para que nos fagamos unha idea, sería como tomar un antibiótico porque nalgún momento imos ter un proceso bacteriano no sistema respiratorio; será cuestión máis ben de evitar ese proceso. Con isto non quero dicir que se deben deixar de empregar os antibióticos, pero si que debemos facelo cando sexa preciso o seu uso.

Isto xorde como consecuencia do emprego inadecuado e sen control do antibiótico, non só en veterinaria senón tamén en humana, durante moitos anos. Feito que supuxo a aparición dun grupo de bacterias, chamadas superbacterias, cunha altísima resistencia aos antibióticos.

Estas superbacterias están a xerar miles de mortes de seres humanos en todo o mundo e millóns de euros gastados derivados deste problema. Son bacterias extremadamente perigosas e difíciles de controlar.

Ante esta situación a Unión Europea tomou unha serie de medidas que afectan a distintos campos e entre eles está o dos fármacos en veterinaria, onde ademais dun maior control e seguimento no uso do medicamento, se tomou está medida do secado selectivo.

“Para que unha gandaría aplique o secado selectivo debe ter unhas condicións excelentes de hixiene e manexo”

Considero que unha explotación gandeira para poder aplicar o secado selectivo require unhas condicións excelentes de hixiene e manexo, porque a mellor forma de non ter mastite e ter que tratalas en lactación ou no secado é evitándoas, cun ambiente limpo , protocolo de desinfección, eliminando animais perigosos por ser crónicos e por tanto posibles axentes de contaxio, zonas para parto..etc.

Tamén imos ter que levar un rexistro das incidencias da explotación, das mastites ou enfermidades dos animais e reconto de células somáticas. Isto é básico para o secado selectivo, pero se ademais coñecemos datos de alimentación reprodución ou de calquera outra incidencia isto permitiranos toma decisións para o secado selectivo ou calquera outro problema.

Sería importante que se traballe en equipo entre o dono da explotación e o veterinario, porque as decisións deben de ter unha base técnica e científica pero baseadas na propia realidade de cada explotación. Unha medida consensuada.

Criterios para o secado selectivo

Os criterios que estamos a empregar nas explotacións é tratar con antibiótico no secado en base a varios criterios:

-Reconto de células somáticas antes de secarse por encima dun determinado valor, que varía en función de cada país ou gandería. O número de meses a considerar van desde toda a lactación ao último mes antes de secarse.

-Facendo probas antes de secarse, desde o Test California a diagnostico por PCR ou cultivo para detectar patóxenos.

-Existencia dalgunha mastite clínica durante a lactación ou próxima ao secado.

Quede claro que todos os criterios a aplicar son bos ou malos en canto funcionen ou non e se chegue ao obxectivo final, que é o control de problemas no ubre realizando un emprego responsable do antibiótico. Non hai un único criterio.

Isto supón un cambio radical no concepto de secado, porque desde os anos 60 véñense empregando unha serie de medidas que deron uns resultados excelentes, e entre estas atópase o secado sistemático de todos os animais que imos secar.

 “Prevese que o secado selectivo sexa obrigatorio nun ou dous anos”

De modo que a todos dános moito medo cambiar algo que funcionou moi ben. Porén, e vendo o gravísimo problema que temos coas resistencias bacterianas, debemos de ser responsables e pór remedio. Esta concienciación é moito maior na zona norte de Europa onde varios países levan desde o 2005 facendo estudos e empregando este sistema con resultados bos. Sen embargo, no centro e sur de Europa imos por detrás en canto á súa aplicación.

Isto será de obrigado cumprimento sen tardar moito, de momento ata onde eu sei non hai unha data pero pola presión dos países do norte e os riscos na saúde prevese que se aplique nun, dous anos máximo.

Vantaxes e inconvenientes do secado selectivo

Penso que esta medida ten unha serie de vantaxes. A principal é a saúde, pois é prioritario evitar a aparición de novas superbacterias ou que aumenten a súa resistencia a maior número de antibióticos.

Doutra banda, reducimos o risco de sancións por presenza de inhibidores no tanque de leite, xa que está moi penado.

Ademais, reduciremos os custos de secado, aínda que aquí eu sempre fun da opinión de que a lactación empeza no secado e canto mellor se realice menos problemas imos ter na fase de produción.

“Con tempo e facendo ben as cousas pode ser beneficioso e rendible para todos”

En canto aos inconvenientes, nos estudos realizados tense visto que hai maior incidencia de mastites clínicas nos animais secados sen antibióticos que con eles, aproximadamente un 1.7 de media. Tamén se viu que os RCS son algo maiores aos 14 días postparto nos non tratados con antibióticos que nos tratados.

Creo que isto se pode ir mellorando con manexo axeitado e decisións acertadas. A final de contas, con tempo e facendo ben as cousas pode ser rendible e beneficioso para todos. De feito, hai ganderías en España que levan tempo co secado selectivo e algún dos inconvenientes xa non o son tanto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información