A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Proquideza: produtos made in Galicia para a hixiene do gando

Esta empresa de Lalín é un referente en España na fabricación de produtos de limpeza para as ganderías de vacún de leite, especialmente para os tetos e a limpeza dos equipos de muxido. Foron dos pioneiros en utilizar o Aloe Vera como dermoprotector e a súa investigación céntrase en desenvolver produtos menos agresivos para a pel e máis respectuosos co medioambiente.

Proquideza: produtos made in Galicia para a hixiene do gando

Javier Polo, socio e administrador de Proquideza

Fabricar produtos de hixiene eficaces pero respectuosos co medioambiente e que non teñan efectos negativos na pel dos animais nin das persoas. Baixo esta filosofía naceu en Lalín no ano 2000 Proquideza, unha empresa que hoxe é referente en España en produtos de hixiene para o gando e para a industria alimentaria.

Javier Polo, socio e administrador de Proquideza, salienta que “dende o ano 2005 acometemos un importante proceso de mellora da nosa gama de produtos, cunha ampliación do noso catálogo e unha mellora destacable na súa calidade”.

Contan cun cadro de persoal de 14 persoas, o 70% titulados universitarios, que deseñan e elaboran na súa planta de Lalín produtos de hixiene para a gandería e a industria alimentaria, principalmente. O seu mercado repártese entre Galicia, onde concentran o 40% das súas vendas, mentres que no resto de España comercializan o 50% e un 10% na exportación, principalmente para Francia, Portugal, Marrocos e México. “Cumprimos o de que non somos profetas na nosa terra, e os nosos produtos de hixiene para o gando vendémolos principalmente no resto de España e no estranxeiro”, recoñece Javier Polo.

Proquideza ten previsto sacar ao mercado novos produtos de hixiene para os tetos elaborados só con compoñentes naturais

Na liña de industria alimentaria, os produtos de Proquideza destínanse a industrias cárnicas, lácteas e conserveiras, principalmente, e abranguen dende desinfectantes, a produtos para limpeza de superficies ou circuítos CIP e túneles de lavado.

Para o sector gandeiro, esta industria galega elabora produtos tanto para a limpeza de equipos de muxido, tanto alcalinos como ácidos, como para a hixiene dos tetos, con produtos específicos para a desinfección dos tetos, tanto para antes como para despois do muxido (pre e post dipping). Tamén fabrican desinfectantes das pezuñas, produtos para o tratamento da auga ou conservantes dos silos.

“En produtos para a hixiene no muxido, apostamos por elaborar produtos diferenciados en calidade, que sexan eficaces como desinfectantes ou biocidas pero que ao mesmo tempo reduzan o impacto no medioambiente e sexan inocuos para a pel dos tetos”, destaca o administrador de Proquideza.

Neste sentido, Javier Polo asegura que “o que diferencia aos nosos produtos para o muxido é a calidade: utilizamos máis e mellores dermoprotectores, e de feito fomos os primeiros en utilizar Aloe Vera como protector da pel dos tetos”. A isto engade, que “tanto o iodo como o dióxido de cloro está máis concentrado nos nosos produtos, o que supón unha maior capacidade de desinfección e facilita o seu uso aos gandeiros”.

 “Competimos coas grandes multinacionais apostando pola I+D e pola calidade”

Como exemplo de innovación destaca Phytodip, un baño de tetos desinfectante composto exclusivamente con materias primas de carácter alimentario que xa se está a comercializar, tanto para ganderías de leite en ecolóxico como en convencional. “Na súa elaboración empregamos ácido láctico, extractos naturais de plantas e colorantes naturais”, explica Javier Polo. “En Proquideza competimos con grandes multinacionais e só podemos facelo apostando pola innovación -no seu equipo de laboratorio e I+D traballan tres persoas- e por produtos de calidade”, subliña.

Neste sentido, é de salientar a actividade de rexistro de patentes desta pequena empresa, cun produto rexistrado para o baño de tetos en base a iodo, sendo tamén unhas das poucas empresas españolas que ten rexistrado produtos biocidas conforme á nova normativa europea. “Tamén estamos a traballar en novos produtos en base a principios activos naturais que van ser novidosos no mercado, e que suporán unha vantaxe tanto para os gandeiros como para a industria alimentaria”, avanza o administrador de Proquideza.

Por último, Javier Polo fai un chamamento ás autoridades a realizar as inspeccións ás que están obrigadas “para retirar do mercado produtos que non cumpren toda a normativa, e que supoñen unha competencia desleal”.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información