Propostas para garantir ingresos xustos para as granxas

O grupo de traballo sobre mercados agrícolas, creado pola Comisión Europea a raíz da crise gandeira do 2015, entrégalle un informe coas súas recomendacións ó comisario de Agricultura, Phil Hogan

Propostas para garantir ingresos xustos para as granxas

O comisario de Agricultura, Phil Hogan, con membros do grupo de traballo sobre mercados agrícolas./ Arquivo.

O prolongado periodo de baixos prezos que arrastran desde o 2015 parte dos sectores gandeiros, como o lácteo ou o porcino, levou á Comisión Europea a encargar un informe para valorar posibles medidas. Dese traballo ocupouse un grupo de 12 expertos, o chamado grupo de traballo dos mercados agrícolas, que lle presentou onte as súas conclusións ó comisario de Agricultura, Phil Hogan.

O informe do grupo de traballo insta á Comisión a adoptar novas normas que fortalezan a posición dos agricultores na cadea alimentaria. Demándase unha maior transparencia de mercado, o control de prácticas comerciais desleais e suxírese a implantación dunha arbitraxe na cadea, a nivel dos Estados membros, para resolver posibles conflictos.

As propostas que efectúa o grupo resúmense nos seguintes puntos:

1) Aumentar a transparencia de mercado

A Comisión quere aclarar o reparto de valor ó longo de toda a cadea alimentaria, de xeito que se coñeza a distribución de beneficios entre os distintos actores. Para iso, é precisa unha mellora da información estatística que se elabora a nivel europeo.

2) Fortalecer as medidas de xestión de riscos

Ata o de agora, as medidas de xestión de riscos tiveron un uso moderado na UE. Suxírese a súa inclusión obrigatoria nos Programas de Desenvolvemento Rural dos Estados membros. Tamén se recomenda o seu impulso na Política Agraria Común (PAC) a partir do 2020.

Os actuais instrumentos de xestión de riscos pasan principalmente por apoios públicos para o aseguramento de cultivos e polo pago de axudas directas ‘de minimis’ en caso de graves crises de prezos.

No marco dos Plans de Desenvolvemento Rural, tamén hai a opción de apoiar a posta en marcha dun fondo mútuo que canalizaría aportacións dos propios gandeiros co obxectivo de ofrecerlles compensacións no caso dunha seria caída de ingresos. Ese fondo mútuo é definido como ‘Income Stabilisation Tool’ (Ferramenta de Estabilización de Ingresos).

Algúns Estados membros incentivan o aforro nas épocas de prezos altos para evitar o sobreinvestimento nas explotacións

Algúns Estados membros utilizan tamén medidas fiscais para fomentar entre os agricultores a creación de fondos de reserva, evitando incentivos para os sobreinvestimentos na explotación nas épocas boas de prezos. Esas medidas fiscais establecen vantaxes económicas para o aforro, co cal aumentan a capacidade de resistencia das explotacións nos ciclos de crise.

Outra opción son os seguros de ingresos. Para o periodo 2014-2020 non é de esperar a posta en marcha de pólizas de seguros de ingresos, a imitación das que hai en Estados Unidos e Canadá, se ben un anterior informe da Comisión, de marzo deste ano, si que recomenda a súa adopción a partir do 2020. Ese mesmo informa aconsella tamén un maior papel das organizacións de produtores nas medidas de xestión de riscos.

O informe do grupo operativo de mercados agrícolas conclúe que na actualidade menos do 0,5% do presuposto da PAC se adica á xestión de riscos, en tanto os pagos directos acadan o 60%. É de esperar que nun futuro as medidas de xestión de risco cobren maior protagonismo na Política Agraria Común.

3) Desenvolvemento dos mercados de futuros

Os mercados de futuros ofrecen a compra venda das producións agrarias cunha antelación de meses, de cara a garantir prezos máis estables para comprador e vendedor.

Se os mercados de futuro se usan sen o suficiente coñecemento, agrávanse os riscos que se pretenden evitar

En Europa, os mercados de futuros de grans e oleaxinosas, por exemplo, están extendidos, pero os mercados de futuros de leite en po, manteiga e carne de porcino son bastante recentes e están nunha fase inicial. Precísase tamén das cooperativas suficiente capacidade de almacenaxe (A de industrialización dáse por feita).

Para o desenvolvemento dos mercados de futuros, os expertos advirten de que todos os actores deben ter unha axeitada información sobre a evolución agardada de oferta e demanda. O informe destaca que se os mercados de futuros se usan con imprudencia aumentarán os riscos que se supón que contribúen a mitigar.

4) Fortalecer o control de prácticas comerciais desleais

O grupo de traballo suxire que se favoreza o acceso a medidas de arbitraxe entre as partes.

5) Mellora da contractualización na cadea de valor

A Comisión entende que hai que fortalecer a posición de agricultores e gandeiros, de cara a establecer unha relación máis equilibrada entre os prezos cobrados polo produtor e o valor engadido que se xera ó longo da cadea.

Carrefour Francia comprometeuse a modificar o prezo de compra da carne de vacún en función dos custos de produción dos gandeiros

O informe pon exemplos de melloras na contractualización como o anunciado por Carrefour Francia para os produtores de vacún de carne. En setembro deste ano, Carrefour Francia comprometeuse a modificar os seus prezos de compra en función dos custos de produción dos gandeiros. Esa revisión, segundo o pactado, farase cada tres meses.

Por outra banda, Carrefour tamén comprometeu a compra de alomenos un 50% do seu suministro ós produtores de vacún de carne, limitando así o volume que adquire procedente de rabaños de leite.

6) Acceso a financiación para facilitar investimentos

Proponse un maior papel do Banco Europeo de Investimentos no acceso ó crédito por parte das cooperativas e grupos de produtores.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información