“Prometéronse cousas que non se cumpriron”

Os gandeiros de Lugo consideran un fracaso o acordo lácteo á hora de recuperar os prezos do leite no campo. Demandan solucións por parte de industrias, supermercados e Administración

Detrás da mobilización gandeira destes días está, como é habitual, o problema dos baixos prezos do leite; pero á motivación dos prezos úneselle esta vez a maiores un considerable enfado polas promesas que houbo co acordo lácteo e coas axudas da Administración. Unha contundente pancarta de Agromuralla resumía hoxe en Lugo o sentir xeral do sector: “Non máis mentiras”.

Concentración ante o Carrefour.

Os gandeiros mercaron tres carros de leite galego para entregarllo ó Banco de Alimentos

Os gandeiros da mobilización de Lugo concentráronse esta tarde ante o Carrefour ubicado ó lado do Anxo Carro para demandar unha suba dos prezos do leite en cadea, desde a distribución ata a granxa, como se prometera na sinatura do acordo lácteo. “O problema noso é que subiron os prezos nos supermercados e vendéronnos que iso ía repercutir en nós, pero non repercutiu absolutamente nada, salvo coa excepción dalgún proveedor de Mercadona” -explica José Antonio García, un gandeiro de Barreiros-. “Os cartos non sabemos se están na distribución, se na industria, pero a nós non chegaron”, conclúe.

A situación xeral do sector, vendendo o leite desde hai meses por debaixo dos custos de produción, require de melloras urxentes, advirten os produtores. “Estamos traballando pero non conseguimos nada a cambio” -resume Manuel Teijeiro, un gandeiro da Pastoriza que participa tamén na mobilización de Lugo-. “Prometéronse unha serie de cousas que non se cumpriron. Estivemos agardando varios meses, a ver se o acordo lácteo de setembro cambiaba as cousas, pero realmente renováronse os contratos que tiñamos coas industrias cos mesmos prezos. Non cambiou nada”, cuestiona.

“Traballamos pero non conseguimos nada a cambio” (Manuel Teijeiro, gandeiro da Pastoriza)

Falta de liquidez
A crise continuada de todo o 2015 está a deixar ás explotacións sen liquidez. “Estamos igual que na crise do 2009 pero coa diferencia de que a caixa de aforros que podiamos ter daquela xa non a temos” -valora José Antonio García-. “Había moita xente pendente do anticipo das axudas da PAC, que nos venderon que iamos cobrar, pero moitos seguen sen cobrala. Haberá quen teña que renegociar cos bancos os anticipos que se pediran, xa que os anticipos concedéronse coa condición de devolver os cartos antes de fin de ano e non se poderá facer” -pronostica-. “Á cidadanía estanlle dicindo que temos todo resolto cando non é así”, quéixase José Antonio.

“Estamos igual que na crise do 2009, pero coa diferencia de que a caixa que tiñamos daquela xa non a temos” (José Antonio García, Barreiros)

De idéntica opinión é Roberto López, o gandeiro de Lugo que se significou en setembro por actuar de portavoz dos mobilizados na muralla. López destaca que a Administración incumpriu os prazos anunciados para o pago da PAC, así como das axudas de minimis pola crise de prezos, que ademais foron menores do previsto.

En relación á información que circulou estes días por redes sociais sobre unha suposta reunión de Roberto López na súa casa coa conselleira do Medio Rural e con outras persoas do PP, López asegura que é “totalmente falso” que tivese esa reunión e insiste en que en Agromuralla só hai gandeiros co obxectivo de defender as reivindicacións do sector.

Banco de alimentos e reparto de leite
Os produtores concentrados esta tarde ante o Carrefour estiveron distribuindo información entre os consumidores e tamén aproveitaron para entregarlle leite ó Banco de Alimentos. Cada produtor foi mercando de xeito individual os briks que estimou conveniente, todos de leite galego (Feiraco, Leyma, Larsa), ata que se encheron tres carriños da compra.

Os gandeiros farán este sábado un reparto gratuito de leite ante o Carrefour e nas Termas

Para mañá, Agromuralla ten previsto novos actos ás 12 horas no Carrefour do Anxo Carro e ás catro da tarde no centro comercial As Termas. En ambos actos, distribuirán leite fresco dunha explotación, que se pasteurizará previamente ó reparto. Calquera persoa interesada pode pasarse con botellas baleiras para recoller leite. A mobilización da muralla, igual que a da Coruña da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo, continúa polo de agora de xeito indefinido.

Una idea sobre ““Prometéronse cousas que non se cumpriron”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información