Programas de apareamentos: criterios á hora de elixir correctamente os touros para unha explotación leiteira

José Moreira, director Técnico de AFRICOR-CORUÑA, fala acerca do programa CONAFEMAT, programa de apareamentos online de CONAFE e dos criterios para facer unha boa escolla de touros.

Programas de apareamentos: criterios á hora de elixir correctamente os touros para unha explotación leiteira

Programa CONAFEMAT

José Moreira, Director Técnico de AFIRCOR-Coruña, explica o funcionamento do programa informático CONAFEMAT, unha aplicación informática gratuíta, para os socios de CONAFE que permite elixir os touros mais apropiados para cada vaca, en función dos criterios de selección escollidos. O obxectivo final é acadar animais rendibles, en función das características de manexo de cada explotación.

Consideracións previas os acoplamentos :
Antes de aclarar como funciona esta aplicación, José Moreira fai fincapé nos apartados que, dende o seu punto de vista, mais importancia teñen nos programas de mellora xenética da Raza Frisona.

En primeiro lugar, salienta a importancia do Control Leiteiro na mellora xenética. Os datos recollidos mensualmente nas granxas, polos controladores serven de base para avaliación xenética de touros e vacas. Neste senso, destaca a relevancia deste aspecto, intentando concienciar aos gandeiros de que as probas dos touros son elaboradas en base á información recollida en campo.

A fiabilidade das probas dos sementais depende en gran medida da exactitude da información procedente das granxas. Índices como a facilidade de parto, son de vital importancia á hora de escoller os sementais a usar en xovencas, e canto mais exactos sexan os datos de campo máis fiables serán as probas dos touros.

Dende o punto de vista morfolóxico, a cualificación das vacas realizada por técnicos de CONAFE serve para obter os índices xenéticos de tipo dos sementais de Raza Frisona.

Criterios de selección dos touros

Analizado o comportamento produtivo e os rasgos morfolóxicos do rabaño, o seguinte paso consiste en fixar os criterios de selección que pretendemos mellorar.

Neste sentido, a valoración conxunta do rabaño permite elixir os sementais que mellor se adaptan ás necesidades da explotación. Para este cometido é fundamental saber interpretar as probas dos sementais. A oferta de seme é moi variada e as probas dos touros preséntanse na base de selección do pais de orixe, ou ben seguindo os criterios de conversión MACE Interbull. Este tipo de estimación permite comparar os touros con proba noutro país cos sementais que si teñen proba en España.

 “Os touros xenómicos teñen menos fiabilidade polo que nalgúns casos non cumpren as expectativas”

Coa chegada das valoracións xenómicas a elección de sementais resulta cada vez máis complexa porque os sementais novos permiten un avance xenético máis rápido, pero dende o punto de fiabilidade ofrecen menos garantías.

Deste xeito, José Moreira apunta que as granxas deberían diferenciar os apareamentos con touros probados e con touros xenómicos, porque o rango de fiabilidade non é o mesmo.

Ademais, recomenda prudencia á hora de comprar touros xenómicos porque entende que nalgúns casos, ademais de resultar moi caros, o resultado final posiblemente non cumpra as expectativas creadas

No ICO cada vez teñen máis importancia os rasgos de lonxevidade e menos os de capacidade corporal

Os criterios de selección da Raza Frisona cambian permanente e en España o ranking está determinado polo ICO, índice no que se teñen en contas criterios produtivos, morfolóxicos, e cada vez aumentan máis o seu peso os rasgos relacionados coa lonxevidade, como son fertilidade, velocidade de muxido, resistencia a enfermidades, RCS (reconto de células somáticas)…etc.

“Todo iso coa idea de acadar vacas rendibles para o gandeiro”, subliña José Moreira.
Pola contra, o Director Técnico de AFRICOR-CORUÑA asegura que os criterios de capacidade corporal cada vez teñen menos importancia debido aos cambios no tipo de manexo, fundamentalmente pola substitución da alimentación en base a pastos por nutrición con carros mesturadores na propia corte.

O tipo de vaca Frisona que se busca é de tamaño intermedio, co obxectivo de que se adapte mellor ao seu novo hábitat: os cubículos estandarizados das modernas instalacións.

Actualmente a media de partos por vaca é de só 3,2

Volvendo á idea apuntada antes, José Moreira salienta que cada vez teñen máis peso á hora de seleccionar os touros os rasgos de lonxevidade. Así, explica que “o custe de reposición nas granxas é moi alto, debido á pouca duración das vacas. Segundo os datos de Control Leiteiro do ano pasado a media de partos das vacas que se eliminaron nas granxas foi 3,2 partos por animal”.

Tendo en conta que o custo medio dunha xovenca ronda os 2.000 euros, no suposto de incrementar ata catro o número de partos reduciríase considerablemente o custo de reposición.

Evitar a consanguinidade

Outro das razóns que, segundo o técnico de AFRICOR Coruña, xustifican a utilización de programas de apareamentos como CONAFEMAT é a posibilidade de controlar o nivel de consanguinidade do rabaño para evitar problemas en futuras xeracións. A consanguinidade recomendada situase arredor do 6,25. Marcando ese criterio no programa, os touros con niveis superiores son eliminados do apareamento.

“A xenética de primeiro nivel funciona se vai acompañada dun bo manexo e dunha xestión económica eficiente”

Este programa tamén conta coa opción de evitar xenes recesivos, que se podan transmitir no caso de acoplar sementais portadores con vacas que poidan ser transmisoras dese tipo de caracteres.

Finalmente, o técnico de AFRICOR-CORUÑA advirte de que “para que unha xenética de primeiro nivel funcione nunha explotación leiteira, debe ir acompañada dun bo manexo e dunha xestión económica eficiente”. “Non sempre, as explotacións con mellores vacas, e medias de produción son as mais rendibles, porque o rendemento económico das granxas depende tamén dos custos de produción”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información