“Priorizamos a mellora do manexo en busca do maior rendemento por vaca”

Manuel Antelo, da Sat Perilla, en Santa Comba, apunta as claves do traballo na súa explotación e opina sobre a situación actual do sector, que encara estes días con incertidume o fin das cotas

“Priorizamos a mellora do manexo en busca do maior rendemento por vaca”

Manuel Antelo na súa explotación, en Santa Comba.

A Sociedade Agraria de Transformación (Sat) Perilla é unha explotación familiar de Santa Comba que destaca polo coidado que presta ó manexo do gando en aspectos como a xenética ou as forraxes. A granxa conta con 272 animais, dos que 146 son vacas adultas e 126 xovencas. Para o cultivo de millo e herba, a Sat dispón de 70 hectáreas, que xestiona conxuntamente en Forxabar, unha cooperativa de forraxes que integran oito produtores da zona. A explotación participa cos mesmos socios de Forxabar dunha cooperativa de maquinaria (Cuma) e nun centro de recría de xovencas; e está integrada tamén pola súa parte na cooperativa Xallas, a través da que vende o leite e merca insumos.

Manuel Antelo púsose ó frente da granxa no 1985 e xa daquela contaba cunha dimensión relevante no contexto de Galicia . O periodo de cotas lácteas, que acaba este 1 de abril, iniciouno a explotación cuns 70.000 quilos de cupo e foi medrando ata os 1,2 millóns de quilos de agora.

Daqueles inicios son aínda as instalacións actuais, que se fixeron no 1985, con melloras no 1991 nos cubículos das vacas e na sala de muxidura, modelo espiña de pescado de 45º de 10×2. “Temos unhas instalacións funcionais que se adaptan ó que necesitamos. Eu priorizo máis na mellora do manexo que nas instalacións. Non por ter instalacións máis grandes se consegue un maior rendemento por vaca”, valora Manuel.

“Coller forraxes de calidade e coidar a súa óptima conservación é fundamental para abaratar custos”

Tras o fin das cotas o 1 de abril, a explotación quere continuar co nivel de produción actual e renuncia a medrar.

Forraxes
A explotación convertiuse en Sat no 1995 e actualmente está xestionada por Manuel e a súa muller, Elena Pereira, coa axuda dun asalariado e con perspectivas dunha próxima incorporación familiar. O gran cambio que experimentou a xestión da granxa nos últimos anos veu da man dos proxectos en común que se impulsaron con outras explotacións veciñas, primeiro unha Cuma e logo a cooperativa de forraxes Forxabar. “Coller forraxes de calidade é fundamental para abaratar os custos da explotación. Aquí estamos condicionados pola pouca superficie e polo clima. Se chove e non se pode ensilar, non hai nada que facer, pero no que ensilemos, si podemos ter coidado en coller forraxes sanos, libres de toxinas, e en facer un ensilado que garanta unha conservación óptima”, destaca Manuel Antelo.

O 85% da ración das vacas está composta por forraxes propias, xestionadas a través de Forxabar

As forraxes propias centran gran parte da ración das vacas, suministrada por un carro de alimentación da Cuma. A ración tipo inclúe 34 quilos de millo, 3,5 de millo en gran e 7 de silo de herba -todo producido por Forxabar-, e engádeselle a maiores 2,5 quilos de pienso, 2,7 de colza e 3 de soia. “Pensamos que temos os custos de produción afinados ó máximo. A cuestión é que as materias primas están caras e o leite vai á baixa, co cal as marxes son mínimas”.

Coidado da xenética
A externalización da xestión das forraxes e da recría permite que a Sat centre os esforzos no manexo e muxidura dos animais. O coidado da xenética é un dos aspectos que máis cuida a explotación. Todos os animais dirixidos á recría insemínanse con seme sexado, de xeito que se melloran as garantías de reposición do establo. “Ás veces hai animais con boa xenética dos que non dabamos conseguido femias e co seme sexado xa non temos ese problema” -apunta Manuel Antelo- “Hai touros interesantes co seme sexado”.

Desde hai algo máis dun ano, a Sat decantouse para a inseminación polo uso dos chamados touros xenómicos, aqueles touros novos, non probados, nos que o estudo do seu xenoma permite albiscar boas características na descendencia. “Arredor do 90% das inseminacións son con touros xenómicos e outro 10% con touros probados, con alta fiabilidade”, calcula Manuel.

“A xenómica ten que evolucionar, pero pensamos que xa resulta eficaz o uso de touros xenómicos”

“É verdade que a xenómica ten que evolucionar e aportar máis información e máis fiabilidade, pero xa agora mesmo pensamos que resulta eficaz. A maiores, ó tratarse de touros novos, permite un aumento da fertilidade na explotación”. A Sat Perilla móvese nunha taxa de fertilidade de arredor do 35%, cunha taxa de preñez do 20% e de detección de celos do 57%.

Cos mellores animais da explotación, tamén se practica a fecundación in vitro e a posterior transferencia embrionaria, en colaboración con Xenética Fontao. Deses nacementos, os touros son cedidos a Fontao e as vacas quedan na Sat.

Control leiteiro
A explotación móvese nunhas cifras de produción de 12.055 litros por animal nunha lactación de 348 días, cun 4 de graxa e un 3,33 de proteína, uns bos parámetros que Manuel atribúe principalmente ó coidado da xenética. A taxa de reposición da granxa ronda as 3,5 lactacións. A explotación está en control leiteiro de Africor, unha entidade da que Manuel foi directivo e da que é firme defensor. “Non só se trata de controlar a produción, senón que tamén ofrece ferramentas para a mellora xenética, como a proba de touros de Fontao”, explica. “Estar en control leiteiro penso que é fundamental para todas as explotacións”.

“O que máis me frustra é que o sector se resigna; temos que loitar”

A progresiva caída dos prezos do leite nos últimos meses, unida á falta de capacidade do sector produtor para negociar coa industria, está a abrir un novo periodo de mobilizacións. Manuel Antelo, que forma parte da directiva da Organización de Productores de Leche (OPL), critica a “indefensión do produtor” ante as industrias. “Na cadea de valor do leite, o produtor non pesa nada nin pinta nada”, describe. “A reforma do paquete lácteo e a posta en marcha dos contratos no papel era boa, pero na práctica non se cumple”.

“A industria debería buscar a unión co sector produtor para facer fronte á distribución”

Os gandeiros, di Manuel, sentense impotentes ante as decisións unilaterais das empresas transformadoras: “A industria quere baixarnos un céntimo o leite para o mes que vén e vemos que non temos poder de negociación. Se quixeramos cambiar de industria, non teriamos para onde ir”, valora. “A industria galega e española debería ter outro comportamento co sector produtor. Entre eles e nós poderiamos facer unha fronte conxunta ante a distribución, que é a que está tirando cos prezos”.

O novo periodo de mobilizacións encárase no agro coa incógnita de ver como responde o sector: “O que máis me frustra é que o sector se resigna e está desestruturado. A xente está ‘queimada’ e xa non quere crer en nada –lamenta Manuel- pero temos que estar unidos e loitar polo noso”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información