“A principal vantaxe de entregarlle a produción a Deleite é a estabilidade e a confianza”

Diego Fraga é un dos socios da Sat Portagándara, en Guitiriz (Lugo), que é unha das granxas proveedoras da marca galega desde a súa volta ao mercado, hai ano e medio

“A principal vantaxe de entregarlle a produción a Deleite é a estabilidade e a confianza”

Diego Fraga, coas xatas de recría da explotación. / Imaxes: Pedro Agrelo.

A Sat Portagándara (Guitiriz, Lugo) é unha das granxas proveedoras de Leite Noso, a sociedade de gandeiros galegos que volveu poñer no mercado as marcas Deleite e Muuu. Portagándara comezou a entregarlle a produción a Leite Noso na primavera do 2016, nun intre marcado polos baixos prezos e pola dificultade de parte dos gandeiros para colocar a súa produción. Logo de ano e medio, amósanse satisfeitos do cambio experimentado.

A granxa incorporou unha amamantadora para os animais de recría e cebo.

A granxa incorporou unha amamantadora para os animais de recría e cebo.

“Con Deleite, a nosa vantaxe máis grande é a estabilidade. Non había daquela ningunha empresa que che ofrecese contratos dun ano de duración dicíndoche a canto ías cobrar o leite todo o ano, sen fluctuacións”, explica Diego Fraga, un dos gandeiros socios de Portagándara. “Outra vantaxe é que tes unhas orientacións claras sobre as primas. Se unha prima de calidade sobe ou baixa explícanche por que se fai”, apunta Diego, que destaca a relación de confianza e cercanía con Leite Noso. “Pódenche pagar máis ou menos, pero sabes por que se fan as cousas. Respétante e téñente en conta”, valora.

A actual situación de mercado, con prezos da graxa láctea en máximos históricos, levou por exemplo a Deleite a aumentar as primas e penalizacións pola graxa nos novos contratos, suscritos na pasada primavera. “Os gandeiros dependemos do mercado. Agora sabemos que a graxa está ben pagada a nivel mundial e temos que adaptarnos. No noso caso, levamos traballando con tres muxidos desde o 2011, que é un manexo co que aumentas litros, pero co que perdes calidades do leite. Agora estamos traballando na reducción a 2 muxidos para recuperar niveis de graxa”, sinala Diego.

Portagándara chegou a producir en tres muxidos 41 litros de leite de media por vaca e día, pero xa hai uns meses que reduciu a cantidade de penso da ración en 4-5 quilos para baixar volume de produción e subir en graxa. Tamén diminuiu a aportación de bagazo de cervexa e subiu o silo de herba. Na actualidade, cada animal produce arredor de 38 litros, cunhas calidades de 3,30 de proteína e de 3,30 graxa.

vacas portagandara

“Hai uns anos, as granxas que produciamos o leite con menos do 3,50 de graxa, tiñamos unha penalización de arredor de 12 euros por tonelada, pero coa actual situación de mercado, esa penalización está agora en 48 euros por tonelada, así que é un factor moi a ter en conta”, sinala Diego, que xestiona a granxa xunto ós outros dous socios, Rubén Fernández e Manuel Ángel Santos, e tres traballadores.

Ración
A granxa suministrálle ás vacas unha ración que, tras os últimos cambios, ronda de media uns 25 quilos de silo de millo, 15 de silo de herba, arredor de 10 de bagazo de cervexa e uns 8 quilos de penso. Os animais en produción están divididos en tres lotes en función do seu intre de lactación e cada lote conta cunha ración específica. Da distribución da ración encárgase o carro mesturador dunha Cuma que crearon conxuntamente catro explotacións de Guitiriz.

Nave de vacas en produción.

Nave de vacas en produción.

A gandería traballa arredor de 200 hectáreas de superficie, das que 80 se adican a millo. “O gran problema da nosa zona é o minifundio. Para 200 hectáreas, teremos arredor de 300 fincas. Algunhas teñen un tamaño ou uns accesos tan reducidos que a maquinaria das empresas de servizo non pode entrar e temos que traballalas nós directamente”, conta Diego.

Recría propia e cebo de xatos
Portagándara conta na actualidade con arredor de 500 animais, dos que 250 son vacas en muxido, 40 vacas secas e o resto son animais de recría e becerros que se ceban na propia explotación. A Sat, que se constituíu no 2010, levantou unha nave nova para as vacas en muxido e aproveitou as anteriores instalacións dos socios, coas reformas correspondentes, para facer a recría.

Muxido na explotación.

Muxido na explotación.

Desde hai ano e medio, tamén están facendo o cebo de becerros cruzados, que se comercializan dentro da IXP Ternera Gallega. A experiencia estase a demostrar positiva. “O cebo é unha tarefa que non aumenta en exceso a carga de traballo e que che permite sacarlle algo máis de rendibilidade ós animais. Non é o negocio máis rendible do mundo, pero se en lugar de vender o animal de recría cun mes de vida, fas o cebo, quizais poidas sacar arredor de 150 euros de beneficio”, calcula Diego.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información