Principais erros que se cometen no cultivo do millo forraxeiro

Santiago Sousa Lema, director da Área de Cultivos e Mecanización da cooperativa Os Irmandiños ofrece unhas claves para mellorar as colleitas do millo forraxeiro, o principal cultivo das ganderías de vacún de leite.

Principais erros que se cometen no cultivo do millo forraxeiro

Finca de millo cunha xerminación homoxénea.

O millo forraxeiro é un cultivo moi espallado en Galicia, pero tamén se trata dun cultivo esixente tanto en fertilización como en manexo, sobre todo na fase inicial de implantación.

A partir da nosa experiencia en Os Irmandiños Sociedade Cooperativa Galega falarei dos principais erros que vimos detectando no cultivo do millo forraxeiro en Galicia e dos aspectos clave que se deben de ter en conta para lograr a mellor colleita tendo en conta as condicións climatolóxicas de cada ano.

Principais erros que se cometen no cultivo do millo forraxeiro

Un dos principais erros que se cometen no manexo do millo como forraxe é supoñer que se adaptará ao terreo sen dificultades e non valorar se atopará os nutrientes necesarios para acadar o máximo rendemento. Non serve de nada dispoñer dunha variedade moi produtiva se as condicións da nosa finca non son aptas para que se acade ese potencial, xa que a rusticidade, a resistencia a fungos ou a seca, non son iguais en todas as variedades, e non sempre as máis produtivas son as que mellor se comportan en condicións difíciles de terra e clima.

Outro erro habitual é realizar o laboreo con moita premura, e non airear e osixenar a terra correctamente. Cada vez máis os traballos de laboreo e sementeira se concentran nunha época moi concreta e cada vez máis curta.

Se todos os produtores concentran os traballos de laboreo e sementeira e empregan as mesmas variedades, concentrarase de novo a colleita e a posterior sementeira de herba, compoñendo un ciclo de alto estrés e falto de sentido, se non ten unha base agronómica e carece de rigor na planificación.

É importante establecer un plan de cultivos, que se basee nas necesidades reais de forraxe de cada explotación, xa que a ración alimentaria do gando e o número de cabezas é particular en cada caso. Unha vez dispoñemos dese dato concreto, considerando uns stocks de seguridade, podemos determinar a superficie necesaria de cada tipo de cultivo que integre a base forraxeira. Nesta fase de planificación é importante ser realista ao ter en conta o rendemento da produción de millo, xa que en moi poucos casos se pesa o millo que se colleita, e nas estimacións o erro que se comete pode ser moi elevado.

Na zona da Mariña Luguesa, os rendementos de produción reais oscilan entre as 32-38 tn/Ha, considerando niveis de MS en torno o 32-34%. Sendo datos medios, contemplan producións puntuais superiores as 45-48 tn/Ha, pero tamén consideran producións de menos de 25 tn/Ha. É certo que a climatoloxía inflúe moito no rendemento real de produción, pero non é menos certo que a única maneira de saber o “rendemento real” é pesar o que se colleita.

 “Na Mariña as producións oscilan entre as 25 e as 48 toneladas, e non todo se debe á climatoloxía”

Non serve de nada asimilar que de 20 Ha sacamos 1.000 Tn de millo para ensilar, se desde que o carro mesturador remata ese silo, e revisamos o informe de silo de millo extraído do mesmo, apenas supera as 600 Tn. Unha de dúas, ou asimilamos que a “produción real” distaba bastante das 50 Tn/Ha, ou temos que supoñer que as perdas por lixiviado e podredumes, rondan o 40 %. En todo caso, o grave do asunto sería ter estimado unha reserva de forraxe moi superior á real, o que traería en consecuencia problemas posteriores para axustar a ración ás reservas reais dispoñibles.

Outro erro frecuente, é non estimar correctamente as necesidades do millo en canto a dispoñibilidade de nutrientes na terra. Resulta imprescindible dispoñer de analíticas de terra e basear o plan de fertilización na información que estas aportan. Conxugar correctamente o abono orgánico que dispoñemos na explotación como o xurro e/ou o esterco, e complementar con abono mineral é a mellor maneira de evitar perdas de produción difíciles de corrixir dende que o millo xa esta medrando.

Análise de custos e planificación previa

A planificación previa resulta fundamental, como se menciona anteriormente, e debera ser o plan de cultivos o que establecese as necesidades baseándose na ración alimentaria do gando e considerando o stock dispoñible. Unha vez coñecidas as necesidades, o rendemento medio de produción e as parcelas dispoñibles, podemos establecer un plan de produción de forraxe que considere as fincas dispoñibles aptas para a produción de millo, sen perder de vista as condicións da PAC vixentes en cada ano. Ademais de establecer a programación de fincas que se destinarán á produción de millo, é importante considerar a dispoñibilidade de cada parcela para establecer o cultivo e marcar datas de referencia.

Como en todo plan que dependa do clima, debemos considerar diferentes opcións xa dende un inicio, pois se nas fincas que están a barbeito invernal podemos iniciar o laboreo con antelación e elixir ciclos longos, nas que se adican a produción de herba dentro da rotación, deberemos adaptarnos á climatoloxía para establecer o novo cultivo. Neste punto, ten especial importancia ter claro se vamos extraer dous cortes da pradaría ou é suficiente cun único corte. Estas consideracións deben facerse sen perder de vista as necesidades de forraxe da explotación, e non tomar decisións precipitadamente.

“Cun ciclo de millo máis curto, as parcelas con herba e millo producen máis materia seca”

É certo que a produción de millo en parcelas nas que anteriormente se extraen dous cortes de herba resulta inferior habitualmente á daquelas que están a barbeito invernal, pero non debemos esquecer que a produción global da parcela en Materia Seca Total (herba+millo) é superior, aínda que obteñamos altas producións de millo nas que están a barbeito. En todo caso, se realmente necesitamos herba para equilibrar correctamente a ración do gando, non serve de nada optimizar a produción de millo, por non planificar correctamente e pretender a toda costa sementar antes dunha data concreta, sen considerar outras opcións como adaptar o ciclo ou optimizar a produción nas parcelas que estaban a barbeito.

No tócante aos custos de produción, cabe reseñar que aínda que as distintas técnicas de produción poden implicar custes diferentes, se falamos de millo forraxeiro producido con laboreo convencional, os custes globais manteñen unha estabilidade anual.

CUSTOS_MILLO_IRMANDINHOS_

Fonte: Os Irmandiños S.C.G.

Dentro dos custes globais, se consideramos por separado o laboreo, os adubos, os fitosanitarios e a colleita, observaremos que no montante global a porcentaxe de custo de cada parte se mantén “constante” en diferentes anos. Dentro desta dinámica de estabilidade, as variacións máis destacables, atopariámolas nos adubos e nos fitosanitarios. No caso dos adubos ten que ver coas oscilacións do mercado global e no caso dos fitosanitarios, depende máis da necesidade de facer tratamentos complementarios ao tratamento principal, ben por incidencia de pragas de insectos ou por tratamentos complementarios en postemerxencia

Aspectos claves dende o punto de vista agronómico

Dende o punto de vista agronómico, debemos considerar como fundamental a fertilidade da terra e prestar moita atención á mecanización do proceso, tanto na sementeira como na colleita.

Fertilización orgánica e/ou mineral

En canto á fertilización, como se menciona anteriormente, resulta fundamental baseala en analíticas de terra, para optimizala tanto dende o punto de vista técnico como no económico. Sobre esta premisa, á hora de aportar fertilizante á terra resulta fundamental os aportes de materia orgánica en forma de xurro, esterco ou compost. A materia orgánica aporta nutrientes á terra e tamén axuda a manter una estrutura axeitada para que medren os cultivos.

Se non se dispón de xurro ou esterco para todas as parcelas, resulta moi interesante considerar aportes externos de materia orgánica, como por exemplo compost. A nosa experiencia, permítenos afirmar que a única maneira de conservar a fertilidade da terra a longo prazo é aportar materia orgánica como base, e complementar con adubos minerais “a medida” que aporten os nutrientes que doutra maneira non resulten suficientes.

“A nosa experiencia dinos que a única maneira de conserva a fertilidade da terra é aportando materia orgánica”

É habitual que aquelas parcelas que están máis lonxe da explotación reciban menos cantidade de xurro, polos custos que implica e pola loxística asociada a esta tarefa. Nestes casos, considerar aportes de compost ou outras fontes de materia orgánica resulta imprescindible para manter os niveis de produción. Nestes casos concretos, cun aporte de materia orgánica adaptado segundo a analítica do material a empregar, pode ser suficiente para 2-3 anos.

En canto á fertilización mineral, se a baseamos en analíticas de terra axustaremos ao máximo o seu impacto económico e optimizaremos a produción sen excedernos en aportes naqueles nutrientes dos que xa dispoña a terra ou aportemos por outras fontes como o xurro e/ou esterco.

No caso do millo é importante valorar en que forma se aporta o nitróxeno mineral, xa que da evolución e degradación do mesmo vai a depender a súa dispoñibilidade para o cultivo nos momentos de maior demanda. Pola nosa experiencia, empregar adubos con inhibidores da nitrificación , os denominados adubos de liberación lenta, é moi recomendable para manter unha seguridade na dispoñibilidade de nitróxeno para o cultivo o longo da súa evolución.

Variedades e ciclos

No tócante a ciclos e variedades, debemos escoller con criterio aquela que mellor se adapte ás necesidades especificas de cada explotación. Dentro de cada gandería debemos considerar os condicionantes específicos da parcela, no que teña que ver coa situación, condicións da terra , clima, e sensibilidade a factores externos como exposición a ventos fortes, secas severas, etc.

Á hora de seleccionar as variedades axeitadas para cada explotación en base ás parcelas consideradas no plan de produción de forraxe, debemos ter en conta que canto maior é o ciclo maior será a produción potencial, pero debemos poñer atención en que esa produción sexa de calidade; é dicir que o millo alcance unhas condicións axeitadas de materia seca (MS) e almidón, no momento de colleitar.

Á hora de definir o ciclo axeitado debemos considerar a data de sementeira e, tendo en conta unha marxe de seguridade, elixir o ciclo máis longo que nos garanta chegar á data de colleita cun bo grado de madurez. Establecendo as datas de sementeira e a data limite de colleita, podemos seleccionar os ciclos que maiores garantías nos supoña para acadar a máxima produción.

“Non ten sentido optar por variedades en “oferta” que non se adapten realmente ás necesidades da explotación”

A maiores de valorar o estado de madurez da planta no momento de colleita, tamén debemos prestar atención a outros aspectos importantes, como a resistencia a enfermidades e fungos, que nos poden xerar problemas de conservación no silo. Buscando as mellores calidades, tamén se debe considerar a dixestibilidade, polo que coñecer o tipo de grao que conforma a espiga, pode axudar a enfocar mellor a selección da variedade e adaptala ás necesidades concretas, en canto á calidade de forraxe necesaria en cada explotación.

O custe da semente non debe ser un parámetro de referencia a hora de seleccionar a variedade, xa que no mercado existe a suficiente gama de sementes de millo, non ten sentido optar por variedades en “oferta” que non se adapten realmente ás necesidades da explotación, nin aos condicionantes das parcelas. Un diferencial de 20-30 €/Ha no custe da semente, non compensa de ningunha maneira minguas de produción superiores a 1 Tn/ha, que poden resultar dunha mala selección de ciclo e variedade para unhas parcelas con condicións “difíciles”.

Unha vez teñamos claro cal é o ciclo que ten encaixe no plan de produción de cada grupo de parcelas, deberemos centrarnos na selección das variedades. A este respecto, unha práctica aconsellable é “testear” cada ano , nun 10-20% da superficie de cada ciclo, unha variedade “relevo” para aquela que sexa predominante na explotación, xa que desta maneira comprobaremos se as novas variedades melloran as habituais e, ao mesmo tempo, diversificamos os riscos ante factores agravantes como os ventos fortes ou ataques de fungos.

Control da sementeira, velocidade e profundidade

O traballo de sementeira é o ultimo paso para a implantación da semente no solo nas mellores condicións posibles, e non ten corrección posible se se fai mal. A correcta regulación da máquina resulta fundamental, debe realizarse con antelación e atendendo a criterios estritos no que se refire á regulación de profundidade e dose de sementeira.

Cantas máis plantas ben formadas sexamos capaces de presentar para a colleita , maior será a produción por hectárea, polo que realizala sementeira adecuadamente redunda nunha produción óptima. A densidade de plantas pode establecerse entre 80-110.000 plantas/Ha. Para determinar a densidade axeitada debemos ter en conta, entre outras, o ciclo e a fertilidade da parcela. Densidades altas, suporán unha alta demanda de nutrientes e se a fertilidade non é adecuada, non conseguiremos bos rendementos nin forraxe de calidade.

En canto á profundidade de sementeira, debemos considerar que nas sementeiras temperás, existen menores temperaturas tanto no chan como no ambiente, maior humidade e maior risco de asolagamento, polo que debemos buscar unha rápida xerminación e nacenza. Para isto situaremos a semente o máis próxima á superficie, entre 3-4 cm de profundidade. Sen embargo, na actual situación de seca, convén sementalo máis profundo. Segundo vai evolucionando a primavera, as temperaturas ascenden e o grao de humidade descende no chan, polo que buscando que a semente teña humidade suficiente para xermolar, debemos aumentar progresivamente a profundidade de sementeira ata os 4-6 cm.

“ É importante que a semente quede totalmente cuberta por terra, e que esta se comprima minimamente ao redor da mesma”

No que ten que ver coa velocidade de sementeira, este é un aspecto que depende directamente do tipo de máquina que se empregue e da tecnoloxía que dispoña para o control da dosificación de sementes e/ou outros elementos como micro granulados. En todo caso, o que condiciona en maior medida a velocidade de sementeira é o acabado “correcto” da terra na que realizamos esta labor, xa que se presenta un mal acabado, con irregularidades, pedras e restos da colleita anterior, estes elementos van dificultar unha dosificación axeitada e limitan en gran medida a uniformidade na profundidade .

A velocidade debe adaptarse en función das prestacións da sementadora e do acabado do terreo, a partir dunha determinada velocidade as variacións na profundidade de sementeira van ser elevadas e isto resultará nunha xerminación irregular. É importante que a semente quede totalmente cuberta por terra, e que esta se comprima minimamente ao redor da mesma, para que a humidade chegue a semente e inicie o proceso de xerminación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información