Primeiro encontro de socios de Clun o sábado 30 de xuño

A cooperativa, que exporá no evento a súa estratexia empresarial e cooperativa, transformou o pasado ano 160 millóns de litros de leite. Investiu 5 millóns de euros en maquinaria, novos envases, innovacións tecnolóxicas e proxectos de I+D+i

Primeiro encontro de socios de Clun o sábado 30 de xuño

Xornada técnica organizada por Clun. / Arquivo.

Cooperativas Lácteas Unidas (Clun), nada hai ano e medio da integración de Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto, celebrará este sábado 30 de xuño o seu primeiro Encontro de Socios, que se desenvolverá no Pazo de Congresos de Santiago. Clun exporalle ós socios a súa estratexia empresarial e presentará un balance do seu primeiro ano de funcionamento.

Durante o 2017, a cooperativa transformou 160.000 toneladas de leite e produciu 200.000 toneladas de alimentación animal. Clun, que conta con 3.500 socios e con máis de 400 traballadores, facturou o pasado ano 125 millóns de euros, aos que hai que sumar os 76 millóns da sociedade Feiraco Lácteos. A maiores, a agrupación Acolat-Clesa, da que Clun ten unha participación maioritaria, facturou outros 27 millóns de euros.

No seu balance do último exercicio, Clun salienta tamén os investimentos executados, por importe de 5,5 millóns de euros, en maquinaria, innovacións tecnolóxicas, novos envases para as súas marcas Feiraco e Unicla, e proxectos de I+D+i, como Cattlecare, Milkcoop, Tecopaga ou Gescarro.

Actividades e servizos
O encontro deste sábado en Santiago, ao que Clun espera a asistencia de arredor dun milleiro de socios, ten como obxectivo explicar a estratexia cooperativa e empresarial da sociedade, centrada en cuestións coma o crecemento de actividades e servizos, o desenvolvemento de novos produtos ou o impulso á internacionalización. Clun iniciou a exportación de produtos no 2015, tras o fin das cotas lácteas, e na actualidade mantén actividade comercial co sureste asiático e co norte de África.

A actividade da cooperativa configúrase en torno a tres grandes seccións produtivas: a división de Servicios, que lle ofrece aos socios apoio técnico e de maquinaria; a de Suministros, enfocada en servizos de alimentación animal e tenda agraria; e a de Lácteos, que produce, envasa e comercializa leite e derivados baixo as marcas Feiraco, Unicla e Arquega (queixos).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información