Pride of Cows: Leite premium da granxa máis moderna da India

Pride of Cows véndese como o leite de vaca con máis calidade e producido na granxa máis moderna da India. Este caso de éxito empresarial púxose como exemplo na última The Alltech Ideas Conference (ONE19), celebrada o pasado mes en Kentucky

Pride of Cows: Leite premium da granxa máis moderna da India

Sala rotatorio da granxa de Pride of Cows, a primeira que se instala na India

Un leite na que o produtor elixe os seus clientes por invitación e que se vende a un prezo tres veces superior á media. Este é Pride of Cows,-orgullo das vacas- un leite premium da India que atopou o seu oco de mercado nunha clientela exclusiva. Este caso de éxito empresarial foi posto como exemplo no ONE19, a conferencia anual da multinacional norteamericana Alltech, que entre o 18 e o 22 do pasado mes de maio reuniu en Lexington, (Kentucky, Estados Unidos) a unhas 3.500 persoas de case 70 países.

Detrás de Pride of Cows atópase Parag Milk Foods Ltld, a segunda industria láctea privada máis importante da India, cunha cota de mercado do 35% e que recolle o leite duns 300.000 gandeiros.

Como punto de partida, Akshali Devendra Shah, vicepresidenta da empresa, lembrou que a India é a primeira potencia láctea xa que produce o 20% do leite mundial, cun incremento anual do 4% e destinado unicamente ao seu consumo interno. De feito, o leite e os produtos lácteos están presentes no 99% dos fogares deste inmenso país de case 1.400 millóns de persoas, o máis poboado do planeta. Un enorme mercado potencial, animado por un elevado consumo de lácteos por habitante, un 15% superior á media mundial.

Porén, a produción láctea está pouco desenvolvida, concentrándose en pequenos rabaños familiares, fundamentalmente para autoconsumo. Así, segundo explicou Akshali Devendra Shah a produción media por vaca sitúase entre 1000 e 1500 litros por lactación -na Unión Europea rolda os 9000-.

A esta baixa produción únense os problemas hixiénicos e de sanidade do leite: “Hai falta de hixiene no muxido, as vacas teñen unha alimentación e un confort deficientes, e historicamente entre o 65% e o 70% do leite indio que entraba na cadea alimentaria estaba adulterado, sobre todo engadíndolle auga”, recoñeceu.

Para facer fronte a esta situación no ano 2005 Parag Milk Foods Ltld creou na localidade de Manchar unha granxa modelo, Baghyalaxmi Dairy Farm, na que formar aos granxeiros indios para mellorar tanto o manexo do gando como a hixiene no muxido e a calidade do leite. Nesta explotación tamén incorporou as nova tecnoloxías para o gando vacún de leite en réxime estabulado e tamén importou vacas Holstein de Europa para mellorar a produtividade.

“Tamén introducimos medidas de confort como auga fresca e limpa, aspersores de auga e ventiladores para reducir a tensión por calor, cepillos rascadores..etc”, subliña Akshali Devendra Shah.

A alimentación tamén se modernizou coa introdución de carros mesturadores e unha ración unifeed composta por silo de millo, alfalfa -cultivados na propia explotación ou por agricultores cos que establecen contratos- e penso de cereais. Nada diferente dunha granxa en intensivo de Estados Unidos ou da Unión Europea.

Tamén incorporaron a última tecnoloxía de muxido, neste caso unha sala rotatoria de 50 puntos e igualmente foron a primeira granxa na India en incorporar a homeopatía e o medicamento ayurvédica para tratar as vacas.

“O resultado é un leite libre de antibióticos e de calidade hixiénico sanitaria moi superior á que se produce no país”, destaca a vicepresidenta de Parag Milk Foods Ltld.

Leite para clientes premium

Unha vez que consiguó pór en marcha a granxa de vacún de leite máis moderna da India, no ano 2012 a empresa decidiu aproveitar o seu produto de alta calidade e comezou a comercializalo baixo a marca propia “Pride of Cows”, dirixíndose a unha clientela premium. Así, a empresa elixe os seus clientes mediante unha invitación e o prezo do litro é de 1,70 dólares, tres veces máis que o que de media costa un litro de leite pasteurizado na India.

O proceso de comercialización é simple: Unha vez munguido e analizado, o leite é pasteurizado e envasado en botellas de 1 litro de plástico reciclado. A continuación almacénase a 4 graos de temperatura e repártese a domicilio entre uns 45.000 consumidores, principalmente clase media-alta e alta. “O noso compromiso é que o cliente terá no seu domicilio o noso leite fresco entre 8 e 10 horas despois de que foi muxido”, destaca Akshali Devendra Shah. Entre os seus clientes tamén se atopan hoteis de luxo e este ano empezaron a exportalo a Singapur e Dubái. Unha coidada campaña de mercadotecnia, na que participan celebrities de Boliwood, contribúe ao éxito deste leite exclusivo.

As previsións para este mercado premium de venda de leite directo da granxa ao consumidor son boas para a India. Nikhil Vora, ex director xerente dunha firma de análise de mercado en Mumbai, destacou que se prevé que o segmento aumente en máis do 20 por cento ao ano.

Así traballan en Pride of Cows:

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información