Prezos problemáticos para un millar de explotacións lácteas galegas

Unións trasládalle ó Ministerio 1.100 ofertas de contratos que se lle presentaron a gandeiros a prezos de entre 18 e 25 céntimos. A organización agraria solicita da Administración a anulación e posterior renegociación dos contratos entre produtores e industrias

Prezos problemáticos para un millar de explotacións lácteas galegas

O sector demanda unha mellora nos contratos asinados a baixos prezos.

Os últimos datos oficiais sobre o prezo do leite en orixe, de febreiro deste ano, situaban a media en Galicia en 30,6 céntímos por litro, unha cifra que na maioría dos casos non dá para cubrir custos de produción. Dous meses e medio despois, nun contexto de mala situación de mercado, os prezos medios reducíronse ó entorno dos 27 céntimos, segundo valoracións do sector, pero hai máis dun millar de explotacións cunha situación aínda máis preocupante. Unións Agrarias trasladoulle ó Ministerio de Agricultura 1.100 ofertas de contratos con prezos de entre 18 e 25 céntimos, coa petición de que eses contratos, nos casos en que foran asinados, sexan anulados e renegociados.

Datos de mercado
Os prezos do leite entraron nos últimos meses nunha forte crise da que non se esperan sinais de recuperación ata o segundo semestre. Factores como o veto ruso, a suba estacional da produción na primavera, o fin das cotas ou a mala situación do mercado internacional lastran os prezos en España.

Un índice holandés de prezos do leite baixou ata os 18 céntimos, tras caer 10 céntimos as últimas semanas

Onte mesmo o Observatorio de Leite da UE dou a coñecer cifras de mercado similares ás da crise do 2009, xa que o prezo spot de Holanda –unha referencia nese país para unha parte da produción non controlada por cooperativas- caiu 10 céntimos nas últimas semanas e sitúase nos 18 céntimos, valor ó que non baixaba desde hai seis anos.

Paquete lácteo
Unións Agrarias recoñece unha mala situación de mercado, aínda que ve unha segunda motivación tras as ofertas das industrias. “O sector industrial mantén un pulso co Ministerio para intentar botar abaixo a reforma do paquete lácteo, pola que se trataban de impulsar os contratos a un ano con prezos estables”, valora o responsable de Gandaría de leite de Unións Agrarias, Javier Iglesias. “Temos casos de gandeiros ós que se lles ofrecía un contrato anual a 20 céntimos e logo se lles asinaba un trimestral a 23 céntimos”.

“Hai casos de gandeiros ós que se lles ofrecía un contrato anual a 20 céntimos e se lles asinaba un trimestral a 23” (Javier Iglesias)

A organización trasladoulle ó Ministerio 1.100 ofertas con prezos de entre 18 e 25 céntimos, coa demanda de que se busque recolocar ese leite a prezos de mercado e en contratos a un ano.

Na última reunión mantida entre o sector e o Ministerio, o secretario xeral de Agricultura, Carlos Cabanas, solicitou das organizacións un listado das industrias que estaban a incurrir en malas prácticas de prezos. Unións confía en que da información que está a remitirlle ó Ministerio se deriven actuacións para anular o que chama “contratos lixo” e para actuar con contundencia contra as industrias.

O sector manterá unha nova reunión co Ministerio a próxima semana, unha interlocución que desde Unións ven positiva. “O extraño é que en Galicia, onde se están dando os maiores problemas de prezo e de falta de garantías de recollida, non haxa ningún tipo de interlocución coa Xunta”, lamentan desde a organización agraria.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información