Prezos estandarizados do leite, a comparativa real entre Galicia, España e Europa

España mantén prezos homologables con Europa. A diferenza radica nunha maior estabilidade: as cotizacións españolas non baixan tanto nas crises nin remontan ó nivel das europeas en épocas máis favorables. O caso galego é distinto, pois está á cola de España e de Europa

Prezos estandarizados do leite, a comparativa real entre Galicia, España e Europa

O prezo do leite en Galicia sitúase mes a mes á cola dos pagados en España no campo. O asunto é un motivo de preocupación recurrente entre as granxas, pois non só reciben o prezo máis baixo do Estado, senón que se atopan á cola entre as grandes rexións produtoras de Europa. Claro que, á hora de facer comparativas entre prezos medios, as estatísticas oficiais adoitan comparar leites con distintas calidades, que non son equiparables. ¿Que sucede se se comparan os prezos medios de Europa, España e Galicia cun leite estandarizado ó 4% de graxa e 3,30 de proteína?

A Subdirección General de Productos Ganaderos do Ministerio fixo a proba. Collendo datos do final do primeiro trimestre do 2019, os prezos medios sen estandarizar resultaban ser de 34,34 céntimos / Kg. en Europa, 31,65 en España e 30,58 en Galicia. Os prezos medios en España situábanse así un 8% por baixo dos europeos e os galegos un 3% por baixo da media española.

Ao estandarizar os prezos para un leite ó 4% de graxa e ó 3,30 de proteína, as cotizacións europeas baixan lixeiramente (-0,92 céntimos / Kg.), pois a media de calidades europeas é superior. O contrario sucede en España. Os prezos medios suben de xeito importante ( + 1,45 céntimos / Kg.) porque o leite que se entrega ten menos graxa. En Galicia, hai unha lixeira suba, pero menor ( +0,49 céntimos / Kg.), pois trátase da comunidade que máis graxa produce, situándose na media española en proteína.

O resultado final co leite estandarizado é que os prezos medios en Europa e en España son moi parellos, 33,26 en Europa por 33,10 en España. Galicia quedaba en cambio en 31,07, un 6% por baixo do prezo medio español.

Evolución de prezos medios sen estandarizar (á esquerda) e estandarizados (á dereita). / Fonte: Subdirección General de Productos Ganaderos.

Evolución de prezos medios sen estandarizar (á esquerda) e estandarizados (á dereita). / Fonte: Subdirección General de Productos Ganaderos.

Se se analiza con leite estandarizado o que sucedeu desde o final das cotas lácteas, en abril do 2015, o prezo medio español mesmo estivo por riba do europeo en toda a fase de crise, ata comezos do 2017, cando o mercado recuperou. En xeral, o prezo español preséntase máis estable. Non baixa tanto nas crises, aínda que tampouco remonta ó nivel europeo en situacións confortables de mercado.

O caso galego é distinto, pois sofre durante a crise e nas épocas en que o mercado é máis favorable

O caso galego é distinto, pois sofre durante a crise e durante as épocas en que o mercado é máis favorable. Galicia mantivo durante a crise un prezo máis baixo que o europeo e que o español, coa excepción dun periodo entre a primavera e o outono do 2016, cando non experimentou un pico de caída de prezos que si se rexistrou a nivel europeo. Pero desde que o mercado se recuperou, a finais do 2016, o prezo galego mantense por baixo do europeo en valores que oscilan entre 2 e 5 céntimos, segundo se desprende das gráficas que presentou o Ministerio nunhas xornadas sobre o sector lácteo organizadas en Santiago pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca).

Debate
Os motivos de por que o prezo do leite en Galicia é o máis baixo de España e de entre os máis baixos de Europa é motivo permanente de análise. Un informe do Centro Tecnolóxico Alimentario (Cetal), ubicado en Lugo, apuntaba o pasado ano dous factores que explican parte das diferenzas de prezo entre as comunidades autónomas: o tamaño medio das explotacións lácteas e a taxa de autoabastecemento de cada comunidade.

A maior tamaño medio das ganderías, en xeral maior prezo medio. E canto menor é a taxa de autoabastecemento interno da comunidade, maior prezo. Galicia, a comunidade máis excedentaria en leite e cunhas explotacións medias de menor tamaño que outras rexións, veríase así penalizada por estes factores.

A correlación entre prezos medios, tamaño das explotacións e taxa de autoabastecemento interno, sen embargo, non serve sempre. Asturias, cunha situación similar á galega, mesmo con ganderías de menor tamaño, sitúase mes a mes á cabeza dos prezos pagados en España. O factor cooperativo – industrial de Central Lechera Asturiana semella ser nese caso a explicación do diferencial de prezos.

Último informe do Fega, estancamento da produción e menores prezos

O último informe do Fondo Español de Garantía Agraria (Fega), correspondente ó mes de maio, amosa un estancamento da produción tanto a nivel español como galego, pois en relación ó mesmo mes do pasado ano, só houbo aumentos de produción do 0,2% a nivel español e do 0,3% no caso galego.

Os prezos medios (sen estandarizar) foron en maio de 32,5 céntimos no conxunto de España (-0,1 céntimos en relación a abril) e de 31,3 en Galicia (-0,2 céntimos en relación a abril). Se se calcula de xeito ponderado o prezo medio do resto de España -sen contar o prezo galego-, as cotizacións medias foron en maio de 33,1 céntimos (+ 1,8 céntimos en relación a Galicia).

Galicia, un mes máis, continúa a fronte de España en niveis de graxa do leite, en tanto en proteína atópase na media española.

Prezos europeos
Para o mes de maio, os datos do Observatorio Lácteo Europeo reflicten os seguintes prezos (sen estandarizar) para os 8 maiores países produtores da UE: Alemania (33,97), Francia (35,86), Gran Bretaña (31,09), Holanda (35,25), Irlanda (31,47), Polonia (31,49), Italia (39,09) e España (31,55).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información