Prevención de infeccións por carrachas en gando vacún

Enfermedades como a anaplasmose ou a babesiose adoitan ser transmitidas por parásitos. Resumimos a intervención sobre este problema do profesor da Facultade de Veterinaria (USC) Ceferino Lopez, que participou nos recentes encontros gandeiros de Xundeva

Prevención de infeccións por carrachas en gando vacún

O gando extensivo presenta maiores riscos de infeccións a causa de garrapatas.

As carrachas son un parásito moi a ter en conta na gandería, sobre todo na extensiva, pois a súa picadura pode transmitirlle axentes patóxenos ó gando. Son causa dunha serie de enfermidades, englobadas baixo o termo piroplasmoses, e da anaplasmose, que se caracterizan por síntomas como febre, diarrea ou anemias.

A prevención destas enfermidades esixe ter en conta os vectores de transmisión, entre os que hai que incluír non só a carrachas como vector biolóxico directo, senón tamén vectores mecánicos que facilitan o contaxio de animais infectados a outros, como insectos ou agullas, Resumimos a intervención sobre este problema do profesor da Facultade de Veterinaria (Universidade de Santiago, USC) Ceferino López, que interviu nos recentes encontros gandeiros da ADS Xundeva, en Lalín.

Que enfermidades poden transmitir as carrachas? Entre as máis habituais figuran a babesiose e a theileriose, como piroplasmoses, un tipo de enfermidades parasitarias producidas por protozoos; e a anaplasmose, xerada por infección bacteriana . Da theileriose, pénsase que non ten parásitos hospedadores en Galicia, pero sen embargo están a rexistrarse casos na comunidade.

A babesiose, que se incuba durante 1-2 semanas, caracterízase por síntomas como febre, apatía, constipación, anemia, caída da produción de leite e hemoglobinuria (orina de cor avermellada). En Galicia adoita producirse unha tolerancia natural no gando extensivo por infección continuada, pero danse casos clínicos, sobre todo en animais novos cunha orixe externa á explotación ou en animais maiores non resistentes.

Manexo
Existen factores de manexo que poden aumentar tamén os casos clínicos de babesiose no rabaño, por exemplo, cando se incrementa o uso do pastoreo ou cando se amplía o tamaño do rabaño e os animais se aproximan máis á vexetación do borde dos prados, propicia para albergar máis carrachas.

Determinadas prácticas poden agravar o problema, como o uso dunha mesma agulla para todo o rabaño, pois o axente patóxeno pode así pasar duns animais a outros, tanto na babesiose como noutras enfermidades, como a theileriose, que presenta síntomas similares á babesiose.

Isto podería explicar a presenza de Theileria en Galicia -onde se pensa que non ten hospedadores naturais-. A entrada en Galicia de animais da zona mediterránea, onde a Theileria é endémica, puido propiciar a expansión do problema, ben por medio de insectos picadores, ben polo uso de agullas contaminadas, ainda que se considera moito mais fácil a transmisión mediante unha agulla no caso da anaplasmose. “Demostrouse que hai un 60% de posibilidades de infección co uso de agullas dende un animal infectado con Anaplasma a un san”, subliñou Ceferino López.

Unha medida básica de prevención consiste no uso de agullas dun só uso e en desinfectar despois de cada utilización o instrumental empregado para a colocación de crotais e descornados. O control dos insectos picadores nas cortes, sobre todo se hai positivos no rabaño, resulta tamén fundamental.

Anaplasmose

Outra das enfermidades que transmiten as carrachas é a anaplasmose, cunha sintomatoloxía tamén similar á babesiose, con deshidratación e problemas dixestivos, pero sen hemoglobinuria. Existe un tipo de anaplasmose, provocada por Anaplasmae phagocytophilum, que tamén pode afectar ás persoas e contaxiarse de animais a humanos, puidendo xerar enfermidades graves.

Control
O control do principal vector de todas estas enfermidades, as carrachas, é complicado. Resulta conveniente controlar o movemento dos animais por ‘zonas boas’, sen vexetación propicia para as carrachas, e pode ser aconsellable a redución da masa vexetal ou a execución de roturacións en determinadas parcelas.

Outras pautas a ter en conta son a limpeza e illamento das naves, tratando de manter un entorno limpo ao seu redor, e o uso de insecticidas acaricidas. En zonas endémicas, é conveniente tamén evitar a entrada de animais de zonas libres do problema. Os casos clínicos agudos precisarán, en calquera caso, de tratamentos puntuais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información