A prevención de enfermidades centrou a X xornada técnica de Africor Lugo

A prevención de enfermidades centrou a X xornada técnica  de Africor Lugo

Xornada organizada por Africor Lugo e a Revista Afriga

A Facultade de Veterinaria de Lugo acolleu este venres a décima edición da Xornada Técnica de Produción de Leite, organizada por Africor Lugo e a Revista Afriga e patrocinada por Agrobank, Elanco, Boehringer Ingelheim e Hipra.

O veterinario Juan Carlos Castro inaugurou a quenda de intervencións cunha charla centrada no traballo das ADS en Galicia, co obxectivo de realizar programas voluntarios de mellora da sanidade do gando, en específico de patoloxías altamente contaxiosas, como a BVD, a IBR ou a paratuberculose.

O relator incidiu na importancia de protexer o noso gando deste tipo de enfermidades e ter avanzado con éxito no seu control ou erradicación cando a curto ou medio prazo as explotacións se vexan obrigadas a estar libres destas enfermidades para poder operar no mercado europeo, e tendo en conta, ademais, que estes programas de erradicación de determinadas patoloxías xa son obrigatorios noutros países da nosa contorna, como Alemaña, Dinamarca, Escocia etc.

Seguiuno no estrado a responsable de Negocios e Sector Primario de CaixaBank en Galicia, Laura Lema, para detallar as liñas de axuda da Obra Social desta entidade financeira dirixidas ao medio rural e ao sector lácteo, entre elas os programas de apoio a emprendedores, os de envellecemento activo ou as axudas destinadas ás mulleres do rural.

A continuación fixo a súa aparición no escenario o veterinario e asesor de vacún de leite Quim Baucells, cuxo relatorio se centrou no papel da prevención na conta de gastos da explotación. O experto catalán fixo fincapé na relevancia da información e no manexo dos indicadores para saber canto nos custan as enfermidades e ver de qué maneira se pode mellorar ese gasto. O experto insistiu en que os datos son indicativos, pero é cada granxa quen os ten que interpretar en función da súa situación particular e das súas especificidades, xa que a prevención é, ao fin, un investimento cuxo risco hai que valorar de maneira individual.

A seguinte conferencia tivo como protagonista ao veterinario Manuel Cerviño, que repasou os factores a ter en conta á hora de introducir animais nas explotacións co obxectivo de minimizar as enfermidades. As ideas da súa intervención resúmense en: diminuír o número de animais que compramos; canto máis novos sexan, mellor, e intentar coñecer o estado sanitario dos rabaños de orixe.

Rematando a mañá fíxose entrega do galardón “Un premio á saúde das nosas vacas”. María Veiga, técnica de Elanco, fixo reconto do bo camiño que están tomando a maioría das granxas galegas na prevención e mellora da saúde dos seus animais, un camiño polo que cre “necesario continuar entre todos”. Entre todas as granxas nas que traballan era merecido destacar o bo traballo e os resultados que mantén a gandería gañadora: Ferreiro Rial, de Antas de Ulla. Recolleu o premio o seu propietario, Jesús Vázquez.

Sesión vespertina

Tras un descanso para o xantar, retomouse a xornada coa intervención de Juan Cainzos, técnico de ruminantes de Elanco, sobre a prevención de enfermidades no periparto, tal e como el mesmo calificou: “Un dos períodos máis importantes na vida produtiva das vacas de leite”. O relator centrou a súa sesión nos factores que están detrás destas patoloxías e en como se poden previr, de mellor maneira, as necesidades dos animais de transición, pois “entre o secado dunha vaca e os 30 días despois do parto, é o momento no que a incidencia de patoloxías supón maiores problemas de cara a toda a lactación da vaca. A prevención é fundamental durante este tempo”.

A última charla, dirixida polo gandeiro danés Casper Pedersen, tivo como principal obxetivo dar a coñecer o sistema de produción leiteira do seu país. Propietario dunha explotación, vicepresidente da compañía internacional de seme Viking Genetics e socio dunha das maiores cooperativas lácteas a nivel europeo, Arla, fixo un resumo do día a día da súa gandería, destacou a importancia da recollida e o análise de datos a nivel nacional para a mellora dos índices produtivos e destacou as principais características da produción e a comercialización do leite no seu país.

A sesión vespertina contou coa presencia da conselleira do Medio Rural, Ánxeles Vázquez, e do presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información