Prevención de accidentes nas fosas de xurro

Velaquí un resumo das recomendacións de prevención de riscos laborais nas foxas de xurro. O ISSGA ofrece cursos formativos e editará unha guía específica para as explotacións de vacún.

Prevención de accidentes nas fosas de xurro

Tractor remexendo xurro nunha fosa.

Galicia conta con miles de foxas de xurro, tantas, en principio, como explotacións gandeiras. Este tipo de instalacións volveron estar de actualidade recentemente por un tráxico accidente acontecido en Sarria.

Á espera da normativa que a Consellería de Medio Rural e do Mar prevé facer pública en breve e que regulará de xeito integral o tratamento do xurro gandeiro en Galicia, facemos unha escolma das recomendacións e normativas que, dun xeito disperso, existen na actualidade para a prevención de riscos laborais nas foxas de xurro.

O ácido sulfhídrico, o principal axente mortal nas foxas de xurro

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), organismo dependente da Consellería de Traballo e Benestar, adica un capítulo ás foxas de xurro dentro dun Manual de Prevención de Riscos Laborais no Agro.

O principal risco neste tipo de instalacións son as emanacións de gases. Nos depósitos de zurro, e como consecuencia da natureza dos residuos e da actividade microbiana, acumúlanse substancias gasosas moi perigosas para o ser humano.

Cabe destacar que nos depósitos se producen dous procesos que poden ser letais: o envelenamento e a asfixia. Nos depósitos de residuos gandeiros o axente real causante da morte é o ácido sulfhídrico (SH2). O SH2 presenta un cheiro característico a ovos podres, que se detecta a concentracións tan baixas como de 0,05 p.p.m. Con todo, constitúe un grave erro empregar esta característica como único elemento de alerta. Está comprobado que a concentracións tan baixas como a descrita, o SH2 satura a pituitaria olfactiva en poucos minutos, deixando de percibirse.

Recomendacións para evitar accidentes

Dende o ISSGA recomendan que nunca se baixará a un depósito de almacenamento de xurro sen seguir a seguinte rutina:

Baleirado completo da foxa de xurro.

Ventilación total durante, polo menos, 24 horas antes. Se existe posibilidade de ventilación forzada, aplicala.

Xamais traballará unha única persoa neses labores. Haberá, cando menos, outra que non descenderá nunca ao depósito. A persoa que baixe, farao atada, de tal xeito que se sucedese algo, a outra puidese sacala.

Sempre que sexa necesario efectuar traballos de calquera índole en áreas deprimidas do sistema de recollida, evacuación e/ou almacenamento de xurro, os ditos traballos efectuaranse provistos de equipo autónomo.

Nunca se debe entrar nunha corte na que se estea a remexer o zurro na fosa, nin sequera se a fosa está fóra da corte e separada por comportas dos grades, xa que o zurro adoita corroer estas comportas e os gases penetran no interior.

Esixencias das axudas da PAC para as foxas de nova construción ou remodelacións

Por outra parte, para poder recibir as axudas da PAC tamén se establecen unha serie de condicións de tipo construtivo para as foxas de xurro novas ou para as ampliacións.

En concreto, nas últimas convocatorias a Consellería de Medio Rural estableceu que só se subvencionarán fosas novas coas seguintes características técnicas e de seguridade:

a) Terán muros e fondo impermeables para evitar filtracións e contaminación das augas subterráneas.

b) Financiarase o volume necesario para completar un máximo de 18 m3/UGM da explotación e un mínimo de 10 m3/UGM. No caso de volumes distintos dos establecidos, deberán xustificarse en base ao manexo da explotación, especificándoo no anexo relativo á produción e xestión dos residuos da
explotación.

c) Estar provista dunha parede con malla perimetral de 1,30 m de alto, como mínimo, sobre o nivel do chan. No caso de ter acceso a través dunha cancela ou porta deberá ter pechadura.

d) Os accesos necesarios para a extracción do xurro levarán portas que se pecharán inmediatamente despois de utilizalas.

e) Estará suficientemente distanciada da sala de muxir e leitería.

f) O módulo de investimento inclúe: escavación, fondo, muros e parede perimetral incluída a malla protectora.

g) Cando se trate da nova construción dunha fosa para unha explotación de porcino, esixirase a cubrición da mesma para ter dereito a axuda. No caso de gando vacún esta esixencia de cubrición limitarase a aquelas explotacións cunha carga gandeira igual ou superior a 3 UGM/Ha. O requisito da carga gandeira en vacún contrastarase mediante cruce de datos coas declaracións de superficies que obren en poder do FOGGA, e no caso de porcino, coa capacidade rexistrada.

Próximos cursos para previr riscos laborais nas explotacións de gando vacún

Por outra parte, dende a Consellería de Traballo e Benestar informan de que o Issga publicará proximamente un documento informativo ‘Atende. Explotacións de gando vacún, Guía de boas prácticas’, composto por un tríptico e un cartel, no que haberá un capítulo dedicado ás foxas de xurro.

Esta documentación servirá de material docente para 12 xornadas formativas que se desenvolverán nos próximos meses en distintos concellos galegos cunha importante cabana gandeira.

En concreto, a primeira convocatoria de xornadas está prevista para os próximos meses de xuño e xullo. Trátase de talleres de 4 horas distribuídos en 7 concellos de Galicia (Toques, Láncara, Monterroso, Maceda, Vila de Cruces, Dozón, Rodeiro) dirixidos a 25 traballadores do sector. A seguinte convocatoria de xornadas está prevista para despois do verán.

Un dos epígrafes que se tratará nestas xornadas será “O purín. Riscos asociados ao depósito e almacenamento”.

As persoas interesadas en apuntarse nestas xornadas de formación poden facelo neste enderezo:

http://issga.xunta.es/portal/contido/actividade/GANDO.html

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información