Prevención da diarrea e da pneumonía durante a recría

Resumo do relatorio de Carolina Tejero, asesora independente e veterinaria durante varios anos no Rancho Las Nieves, durante as XV Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro.

Prevención da diarrea e da pneumonía durante a recría

Becerras para a recría.

Carolina Tejero, asesora independente e veterinaria durante varios anos no Rancho Las Nieves, o maior de España, expuxo nas últimas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro as “Claves para lograr unha mellor recría”.

Tras analizar nun primeiro artigo as pautas para mellorar a crianza das tenreiras durante os dous primeiros meses de vida, resumimos a continuación as recomendacións para previr dúas das patoloxías máis comúns durante este período crítico: a diarrea e a pneumonía.

Diarreas: é clave rehidratar ás tenreiras antes de que perdan o reflexo de succión

Moitas diarreas non son de orixe infecciosa e non de orixe bacteriano. Así, un estudo de Lofstedt do ano 1999 concluíu que o 31% das tenreiras con diarrea presentaban bacteriemia e, delas, o 46% estaban mal encalostradas, e só o 18% estaban ben encalostradas. Sen embargo, aproximadamente o 30% das tenreiras con diarrea teñen infeccións de bacterias e necesitan tratamento antibiótico, pero o 70% non necesita antimicrobianos.

En realidade, a maioría das mortes por diarrea prodúcense por deshidratación, así que se debe traballar na correcta e temperá rehidratación das becerras, antes de que perdan o reflexo de succión. Tamén se debe traballar en diferenciar as diarreas de orixe infecciosa das de orixe nutricional, para un correcto e efectivo tratamento con antibióticos.

Por iso, recoméndase instaurar nas granxas protocolos de diagnóstico precoz con rehidratación temperá e usar exclusivamente os antibióticos en becerras con febre ou letarxia, se non consomen leite, se teñen sangue nas feces ou se presentan outras patoloxías asociadas (onfalite, pneumonía).

“O excesivo uso de antibióticos causará máis diarrea na becerra”

O excesivo uso de antibióticos, especialmente os aplicados por vía oral, modificará a flora normal do tracto gastrointestinal do tenreiro, causando máis diarrea.

Neste sentido, cando nos atopemos antes un abrocho de diarreas, será recomendable tomar mostras das tenreiras con diarrea que non recibisen aínda tratamento e tamén coller mostras das xatas sas, sen diarrea, para poder interpretar mellor cal é o axente causante da enfermidade.

Iso si, cando as tenreiras teñan diarrea non debe restrinxirse a alimentación. As becerras con diarrea teñen un baleirado do obomaso máis lento que as sas, polo que en todo caso será recomendable dividir o leite en máis tomas. Iso si, sen restrinxir nunca a comida, xa que pola contra poden sufrir de malnutrición e non ter enerxía para que o sistema inmune funcione e resolva a enfermidade. Ademais, está comprobado que as tenreiras infectadas con “criptosporidium” seguen medrando e responden mellor cando son alimentadas en niveis altos.

Importancia da limpeza e da desinfección das casetas e dos patios

As diarreas poden persistir aínda que realicemos un correcto encalostrado e programa de alimentación. Isto adoita suceder nos casos nos que é inadecuada a limpeza e a desinfección das casetas e ou dos patios nos que están as tenreiras. Nestes casos, débense revisar os protocolos de limpeza e desinfección das instalacións para reducir as infeccións por diarrea.

Pneumonía: as pneumonías adoitan aparecer antes do destete

Tense a crenza de que as pneumonías adoitan afectar ás tenreiras a partir da terceira semana de vida e dunha forma máis pronunciada tras o destete, pero en realidade adoitan aparecer moito antes.

As causas principais das pneumonías son:

-Os partos distócicos (aspiración do meconio, fracturas de costelas…etc.), o mal encalostrado.

-Uso incorrecto das sondas esofáxicas.

-Un prolongado tempo deitadas debido a outras enfermidades.

-Alta incidencia de diarreas.

-Tetinas en malas condicións ou con buracos grandes.

-O cambio de estar en casetas individuais a casetas en grupo, co seu correspondente estrés.

-Ventilacións inadecuadas, con ventilación pobre e correntes de aire.

Para diminuír a incidencia tanto das diarreas como das pneumonías débese realizar unha monitorización do estado de saúde das tenreiras. É clave realizarlles unha revisión con frecuencia para detectar a tempo estas dúas enfermidades e desta forma favorecer unha rápida recuperación e minimizar os seus efectos a curto e a longo prazo.

Para iso, nas becerras débese valorar cada día os cambios de comportamento, a alimentación e a presenza de síntomas clínicos, especialmente durante este período crítico.

Ademais, débense instaurar protocolos de diagnóstico, de tratamento e de rexistro de casos. A continuación, deben analizarse periodicamente estes resultados para tomar as decisións de manexo oportunas.

Máis información: 

-Recomendacións para o manexo do becerro con diarrea. 

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información