Preocupación polas débedas e futuro de Lácteos Pérez Olveira

Preocupación polas débedas e futuro de Lácteos Pérez Olveira

Asemblea celebrada na tarde do venres na Pereira, en Santa Comba.

A asemblea convocada en Lácteos Pérez Olveira para explicarlle a traballadores e gandeiros a situación na que se atopa a factoría deixa preocupación entre tódalas partes. Os gandeiros afectados por impagos constataron na reunión o que xa era sabido. De formalizarse a venda das queixerías a TGT, cobrarán só unha pequena parte da cantidade que lles adebeda Pérez Olveira. Os traballadores das dúas queixerías, ubicadas na Pereira (Santa Comba) e O Pino, tamén son conscientes da situación. Se o xulgado non autoriza a venda das plantas a TGT, as queixerías pecharán.

O encontro, celebrado na tarde de onte nas instalacións de Pérez Olveira na Pereira, contou coa presenza do administrador concursal, do avogado de Pérez Olveira e dos representantes dos traballadores. Acudiron tamén á reunión os alcaldes de Muxía e Mazaricos, así coma a alcaldesa de Santa Comba.

O representante dos traballadores, Fran Cousillas, do sindicato Uso, explica a situación: “Os traballadores imos apoiar o recurso de TGT contra a decisión do xulgado de opoñerse á venda de Lácteos Pérez Olveira a TGT. Estamos tamén a favor do recurso que presentou na mesma liña Pérez Olveira ante o xulgado este venres e do que presentará o administrador concursal o luns” -destaca.- “Entregarémoslle asimesmo un escrito ó xuez pedindo unha reunión con el para trasladarlle a a preocupación que hai entre os traballadores polo posible peche da industria”, apunta.

Outra das decisións que se tomou na asemblea foi a elaboración dun manifesto por parte dos alcaldes da comarca en apoio a traballadores e gandeiros afectados. “É certo que os gandeiros están preocupados e que non cobrarán parte das cantidades que lles adebeda Pérez Olveira, pero se a industria pecha non cobrarán nada”, pronostica Cousillas.

Os números son claros. A débeda total de Lácteos Pérez Olveira ronda os 10 millóns de euros e TGT ofreceu 5,5 millóns pola industria, afrontando con esa cantidade parte dos créditos pendentes de pago. No proceso concursal, segundo a lexislación vixente, os gandeiros non son acreedores preferentes, polo que en principio cóntase con que cobren só unha pequena parte das cantidades que se lles adebedan, arredor dun 20% do total, segundo publica hoxe ‘La Voz de Galicia’.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información