Preocupación pola ausencia de medidas ante os impagos de primeiros compradores

As organizacións agrarias consideran que hai “falta de vontade política” para encarar a situación, que se agravou desde hai un par de anos a raíz da crise láctea

Preocupación pola ausencia de medidas ante os impagos de primeiros compradores

O sector agarda unha regulación dos primeiros compradores que reduza os problemas.

Os impagos que arrastran arredor de 200 granxas galegas polos impagos de media ducia de primeiros compradores continúan sen perspectivas de solución. Houbo pagos de parte das débedas pendentes, pero foronse acumulando novos meses sen aboar, polo que a situación para as granxas é complicada.

As organizacións agrarias reclaman das Administracións a adopción de medidas que atallen o problema. “Hai ano e medio que se difundiu un borrador ministerial para regular os primeiros compradores, que operan como intermediarios entre o gandeiro e a industria, pero vemos que pasa o tempo e que non se aproban medidas, o que apunta a unha falta de vontade política” -valora Javier Iglesias, de Unións Agrarias.- “Desde a Xunta tamén se apuntara en febreiro que poderían sacar unha normativa autonómica se non o facía o Ministerio, pero non se lle ven trazas”, cuestiona.

Desde o sector pídese unha regulación que obrigue ós primeiros compradores ó depósito de avais ou fianzas que permitan afrontar posibles impagos ás granxas. “Os problemas que xeran os primeiros compradores son endémicos, agraváronse coa crise pero veñen de atrás. Hai un ‘modus operandi’ entre parte dos operadores que consiste en financiar a súa actividade a partir de impagos” -sinala Xabier Gómez, do Sindicato Labrego-.

O Sindicato Labrego coincide con Unións en apreciar unha falta de intención á hora de regular a figura dos primeiros compradores. Tamén a Federación Rural Galega (Fruga) ten advertido dos problemas de impagos que están a xerar no campo operadores como Lácteos Terra de Montes ou Lácteos Ortegal.

Decreto en elaboración

O Ministerio de Agricultura, pola súa banda, ten sinalado esta primavera en varias ocasións que continúa a traballar no proxecto de decreto sobre primeiros compradores. A posibilidade de esixirlles un aval a estes operadores está sobre a mesa, se ben Agricultura advirte de que hai que encaixar o texto legal na normativa europea.

A cuestión, din, é que a Ley de Garantía de Unicidad de Mercado impide aplicar requisitos adicionais ao exercicio de calquera actividade económica que non estean recollidos na normativa comunitaria.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información