Preocupación nas granxas de Touro polo proxecto mineiro

As explotacións lácteas de parroquias como Bama ou Loxo, punteiras na comarca, perderían parte da súa base territorial e terían os traballos mineiros nas proximidades das ganderías. Presentadas 1.500 alegacións veciñais ante a Xunta

Preocupación nas granxas de Touro polo proxecto mineiro

Imaxe das minas de Touro.

A reapertura das minas a ceo aberto de Touro, pechadas a finais dos anos 80, está a xerar alarma nas últimas semanas entre as granxas do entorno, logo de que se decataran de que a reapertura non é tal, pois crearanse novas canteiras a ceo aberto que afectarán de xeito directo ás explotacións lácteas. “Nos últimos anos víñase falando da reapertura e tampouco lle das máis importancia, pero a última hora enterámonos da dimensión real da concesión e de que se abrirían minas novas, ademais de ampliar as antigas”, sinalan nunha das granxas afectadas.

O proxecto mineiro, que pretende retomar a extracción de cobre nos concellos de Touro e O Pino, implicaría a perda de base territorial en granxas das parroquias de Bama e Loxo (Touro) ou Cebreiro (O Pino). As explotacións terían que lidiar ademais cos inconvenientes de ter as minas a apenas uns centos de metros, cos problemas de ruídos, polvo e metais pesados que eses traballos xerarían. “Sería imposible seguir coa actividade”, valora un dos gandeiros afectados.

O proxecto mineiro implicaría a apertura de novas canteiras a ceo aberto, ademais de ampliar a dimensión das pechadas nos anos 80

Dimensións
As minas afectarán en principio a unha superficie de 689 hectáreas, ampliando as 4 explotacións xa iniciadas no pasado (Arinteiro, Vieiro, Bama e Brandelos) a outras dúas de nova apertura (Arca e Monte das Minas). Ao longo da vida da mina, habería 6 cortas mineiras principais e outras 4 satélites, segundo advirte a asociación ecoloxista Adega. Os afectados subliñan tamén que a concesión total supera as 2.700 hectáreas, unha dimensión que xera preocupación.

Alegacións
A plataforma Contraminacción, formada por entidades ecoloxistas e sociais, e veciños e granxas afectadas presentaron a comezos de outubro 500 alegacións ante a Xunta contra o proxecto mineiro. Unha vez que a dimensión real do proxecto trascendeu e correuse a voz entre os afectados, en poucos días entregáronse outras 1.000 alegacións máis, ata totalizar 1.500.

Os veciños advirten dos impactos que terían as minas sobre núcleos de poboación, granxas e mananciais de auga. Cuestiónase ademais a apertura de dúas balsas de lodos, que albergarían ata 69.000 toneladas de residuos, e dunha escombreira de 48 hectáreas.

“O proxecto proposto é incompatible coa actividade agrogandeira e implicaría o peche de numerosas explotacións”, advirten as alegacións veciñais

Nas alegacións, as granxas advirten de que a actividade mineira implicará a perda da súa base territorial, co agravante de que as terras a destruír forman parte de procesos de concentración parcelaria.

Destácase tamén que as ganderías afectadas están caracterizadas pola súa dimensión, polo relevo xeneracional e polos constantes investimentos realizados nos últimos anos para a súa modernización e ampliación. “En resumo -advirten os veciños-, o proxecto mineiro proposto é incompatible coa continuidade da actividade agrogandeira e determinará o peche de numerosas explotacións”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información