Premio de 3.000 euros ao mellor peche gandeiro electrificado

Premio de 3.000 euros ao mellor peche gandeiro electrificado

A empresa galega ION, recoñecida a nivel peninsular e internacional polos seus pastores eléctricos, e a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes (SGPF), convocan o Premio ION-SGPF e as súas bases. Premiarase o mellor peche gandeiro electrificado e a gandaría seleccionada recibirá un premio de 3.000 euros. O prazo para presentarse a este premio finaliza o 31 de marzo.

OBXECTIVO
O premio ten como obxectivo promover o emprego de peches electrificados fixos e móbiles para o manexo e protección do gando en pastoreo e a protección dos cultivos. Por iso premiarase o mellor peche electrificado para ese fin.

1- PARTICIPANTES
Poderán participar nesta convocatoria todas aquelas persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dunha explotación gandeira radicada en España e Portugal. Participarán aqueles traballos realizados nos anos 2017 e 2018 para a instalación de peches fixos ou móbiles para o manexo e protección do gando e os cultivos forraxeiros.

2- CARÁCTER DO PREMIO
O premiado obterá un recoñecemento formal a través dun diploma acreditativo e unha suma de 3.000,00 €, permitindo a difusión do proxecto realizado a ION e a SGPF a través dos medios de comunicación e outras canles que se estimen oportuno.

3- PRAZOS
O prazo de presentación das candidaturas estenderase dende o 10 de novembro de 2018 ata o 31 de marzo de 2019. O xurado comunicará o seu veredicto, nun prazo non superior a dous meses dende o peche da convocatoria, de forma persoal ó premiado e nun acto público nunha data próxima.

4- PRESENTACIÓN DOS PROXECTOS
As persoas candidatas deberán enviar unha solicitude, cubrindo o formulario do Anexo I da presente convocatoria, xunto cunha memoria descritiva do proxecto ao enderezo electrónico [email protected], en formato PDF (tamaño máximo de ficheiro de 10 MB) e cunha extensión máxima de 20 páxinas, nas que se incluirán os datos identificativos e unha memoria que debe incluír:

-Descrición do promotor (identificación, motivacións e proxecto de futuro)
-Descrición da gandería (parcelas, instalacións, gando e sistema de manexo)
-Descrición do estado anterior das parcelas nas que se realizaron melloras (peches e/ou pradeiras)
-Descrición das melloras que se fixeron (peches e/ou pradeiras), explicando polo miúdo os métodos e medios empregados para realización as mesmas: material (sen referencia a marcas comerciais), medios humanos e técnicas empregadas para a instalación dos peches e a implantación e/ou mellora das pradeiras.
-Estado actual das parcelas melloradas

Calquera outra información que se considere de interese para a comprensión da gandería e do proceso de mellora. Xunto co Anexo de solicitude de inscrición poderase achegar, e valorarase, unha reportaxe gráfica do proceso de mellora e do resultado final dos peches e parcelas.

Para a realización da memoria pódese consultar coa SGPF para calquera dúbida na súa elaboración. Se o xurado o considera oportuno poderá solicitar documentación complementaria co fin de comprender mellor o proxecto.

5- CRITERIOS DE VALORACIÓN
Valorarase a idoneidade dos peches realizados tanto para a especie destinada a pastorear esas parcelas como para a facilidade no manexo habitual do gando e/ou o nivel de protección fronte a animais salvaxes.

6- XURADO
O xurado estará formado pola Xunta Directiva da SGPF. O xurado elixirá, entre os proxectos presentados, aquel que considere máis apropiado ós obxectivos do premio así como a un suplente, se así o considera oportuno. Se os proxectos recibidos non acadasen o nivel mínimo estipulado, o xurado podería declarar o concurso deserto. A data e o lugar do acto formal de entrega do premio serán anunciados oportunamente.

-Descarga aquí as bases do premio

-Descarga aquí a solicitude de inscrición.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información