Posta de longo do laboratorio de Mouriscade

O sector coñece as novas instalacións do centro lalinense, un referente na análise de mostras de alimentación animal como pensos, ensilados e materias primas. Participan no acto Deputación de Pontevedra, Consellería do Medio Rural e Concello de Lalín

O laboratorio de Mouriscade (Lalín), un referente para o sector gandeiro en materia de análise de pensos, ensilados e materias primas de alimentación animal, vén de facer a estrea oficial das súas novas instalacións. O centro, dependente da Deputación de Pontevedra, xa fora inaugurado no 2015 a nivel de obra civil, pero agora, co laboratorio en pleno funcionamento, programouse unha visita oficial con participación dunha nutrida representación política e das cooperativas e organizacións agrarias.

Galería fotográfica (1/9). - Eva Villaverde, Ángeles Vázquez, Carmela Silva e Rafael Cuiña.

O acto contou coa participación da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; da deputada delegada de Mouriscade, Eva Villaverde; da conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez e do alcalde de Lalín, Rafael Cuiña. Todos eles coincidiron en destacar a importancia dun servizo público clave para a competitividade e seguridade alimentaria da gandería galega.

A visita ás instalacións, cofinanciadas por Xunta e Deputación, puxo de manifesto algunhas das virtudes do laboratorio, como a rapidez no procesado das mostras e na transmisión de resultados. “Desde que nos chega unha mostra ata que enviamos os resultados pasan 24 horas” -explicou a directora do centro, María Hermida-. “Somos rápidos, aínda que algunha vez téñennos chamado para pedirnos o resultado dunha análise antes de que a mostra chegase ó laboratorio” -lembraba na visita de onte-. “A tanto non demos chegado”.

Mouriscade procesou 64.000 mostras de forraxes durante o 2015

Desde o sector gandeiro, os asistentes ó acto calificaban como de “privilexio” poder contar cun servizo como o de Mouriscade. “É rápido, eficaz e a un custo asequible” -resumía o presidente da cooperativa Icos, Javier Taboada.- “Para nós é clave á hora de comprobar as materias primas que se mercan e tamén para valorar a calidade nutricional dos silos de herba e de millo. En función dos resultados do laboratorio, defínese a ración dos animais”.

Balance anual
O laboratorio de Mouriscade recibiu o pasado ano un total de 64.156 mostras de silos, pensos e materias primas, das que 2.332 correspondían a explotacións gandeiras da provincia de Pontevedra, que están exentas do pago das correspondentes taxas.

O centro, a parte das análises nutricionais e microbiolóxicas de forraxes, tamén se encarga da identificación de xermes en leite. No 2015, analizáronse 17.324 mostras. Destas mostras, 15.963 procedían de cooperativas e gandeiros e gandeiras da provincia, polo que se realizaron a custo cero e representaron un aforro de 83.007 euros para estes clientes. Entre ambas as liñas os gandeiros e gandeiras da provincia obtiveron un aforro de 102.595 euros, segundo as estimacións da Deputación.

Coincidiron no acto e no apoio ó Laboratorio políticos de tres institucións e catro formacións, unha circunstancia que todos eles puxeron en valor

Os representantes políticos que participaron na visita oficial de onte suliñaron a importancia de que todas as Administracións continúen a colaborar man a man para impulsar proxectos como o do laboratorio de Mouriscade. Coincidiron no acto políticos de tres institucións e de catro formacións distintas, unha circunstancia que todos eles quixeron poñer en valor nos seus discursos.

Coa visita institucional de onte, o Laboratorio de Mouriscade fai a estrea oficial dunha nova etapa tras xa máis de 25 anos de traballo. A deputada provincial delegada de Mouriscade, Eva Vilaverde, convidou tanto ós representantes do sector coma dos concellos a “facer achegas e propostas que posibiliten a apertura de novas liñas de traballo neste centro”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información