Por que Trump montou unha ‘guerra do leite’ e que lle importa a Galicia?

Canadá reduce as compras de leite de Estados Unidos, o que suscita a ira do seu presidente. México busca alternativas para as compras de leite en po e aumenta as importacións da UE

Por que Trump montou unha ‘guerra do leite’ e que lle importa a Galicia?

Donald Trump, nun discurso de apoio ós gandeiros de Wisconsin.

A crise láctea global que se arrastra desde hai un par de anos continúa a orixinar tensións en todas as grandes zonas produtoras a nivel mundial. En Estados Unidos, 75 granxas de Wisconsin que exportaban o seu leite a Canadá quedáronse sen contrato a partir do 1 de maio e tiveron que recolocar o seu leite no mercado interno. O asunto suscitou a ira do presidente de Estados Unidos, Donald Trump, que tuiteou ‘Canadá está facendo que o traballo das granxas de Wisconsin e doutros estados fronteirizos sexa complicado. Non o consentiremos’.

O problema puntual das granxas de Wisconsin con Canadá enmárcase no contexto da renegociación do Tratado de Libre Comercio de Norteamérica (Nafta) que quere emprender Trump. A cuestión de fondo é o choque entre a política proteccionista do sector lácteo de Canadá e as exportacións de leite de Estados Unidos. Tamén na fronteira sur, con México, están a comezar as tensións.

Analizamos en seis puntos a situación no mercado lácteo de Norteamérica e apuntamos algunhas cuestións a ter en conta en Galicia e no resto da UE.

1) O modelo de Canadá: prezos altos ó gandeiro e prezos altos para o consumidor

Canadá mantén unha política de xestión da oferta similar á que tiña a UE ata marzo do 2015. Os gandeiros só poden producir os volumes de leite que se estima que van ter saída no mercado nacional e na exportación. De xeito paralelo, hai unha restricción das importacións con aranceis de entrada. Esa estratexia permite que as granxas de Canadá perciban prezos altos polo seu leite, en torno a 50 céntimos de euro por litro (0,75 dólares canadienses).

En Canadá, os gandeiros cobran o leite a 0,50 euros litro e o prezo ó consumidor non baixa de 0,85

O prezo do leite no campo está por tanto regulado para garantir unha renda razonable para as granxas. Os gandeiros carecen de axudas públicas, pero gañan o suficiente no mercado. A consecuencia, o consumidor ten que pagar máis polo litro de leite, que se vende no supermercado entre 0,85 euros e 1 euro (1,25 – 1,50 dólares canadienses).

2) Estados Unidos, leite barato, oferta ilimitada e busca de mercados exteriores

Fronte ás políticas proteccionistas de Canadá, o modelo de Estados Unidos ten máis similitudes co que se está a implantar en Europa. Hai un mercado libre, sen regulación de prezo e de oferta, pero as granxas perciben importantes subsidios públicos que chegan a representar ata o 40% dos seus ingresos. Os consumidores teñen o leite máis barato, pero págano os contribuíntes cos seus impostos.

O leite en Estados Unidos págano os contribuíntes. En Canadá, os consumidores

A produción de leite de Estados Unidos, igual que a europea, é excedentaria, polo que o mantemento dos mercados exteriores é de importancia para o país. En 2016, Estados Unidos exportou a Canadá leite por valor de 631 millóns de dólares estadounidenses (e importou de Canadá 112 millóns de dólares en produtos lácteos).

Con México, a exportación, fundamentalmente de leite en po, chegou no último ano ós 1.200 millóns de dólares.

Trump tuit

3) Problema: sobra proteína láctea no mercado

Estados Unidos, igual que a UE, pechou o 2016 con aumentos de produción en relación á campaña anterior, e mantén a mesma senda no 2017. Eses aumentos de produción diríxense en boa medida ó mercado internacional, que se foi recuperando nos últimos meses do 2016. A recuperación, sen embargo, é parcial, pois mentres a manteiga ten cotizacións disparadas, en máximos históricos, e escasos stocks, a proteína láctea mantén baixos prezos e altos stocks.

O problema das exportacións de Estados Unidos a Canadá é que se enfocaban na proteína láctea. As granxas dos estados do norte, limítrofes co país veciño, especializáranse na elaboración dun leite ultrafiltrado, que concentraba a proteína láctea, para venderllo a industrias queixeiras do Canadá. Ese leite ultrafiltrado, ó contrario doutros produtos lácteos, non estaba suxeito a aranceis, polo que a súa exportación ó país veciño foi viable durante anos.

A boa cotización da manteiga disparou os stocks de leite desnatado en Canadá, que reduciu as compras de USA

As dificultades xurdiron cando en Canadá comezou a haber un exceso de proteína láctea, derivado dos procesos de desnatado do leite para elaborar manteiga. Ante esa situación, parte das granxas do país optaron por ofrecer un produto similar ó leite ultrafiltrado de Estados Unidos a prezos competitivos, máis baixos dos habituais, polo que as industrias canadienses decidiron autoabastecerse no mercado interior, abandonando parte das compras en Estados Unidos.

4) Que pode facer Estados Unidos ante o proteccionismo de Canadá?

Trump non está de acordo coas medidas proteccionistas que ten o sector lácteo de Canadá e aspira a renegociar condicións no marco do Tratado de Libre Comercio de Norteamérica. Estados Unidos quere fronteiras abertas para as súas exportacións lácteas, pero o Goberno de Canadá, sen embargo, xa se pronunciou publicamente ao respecto e indicou que “a agricultura ten que quedar fóra das normas do libre comercio”.

“A solución para Estados Unidos? Reducir produción”, proponse en medios de comunicación de Canadá

Desde Canadá considérase que o problema radica nunha situación de “sobreprodución” en Estados Unidos e noutras grandes zonas produtoras. “A solución para Estados Unidos? –pregúntanse nun xornal de Canadá– Reducir produción, aínda que non sexa unha medida moi popular”.

5) O conflicto entre Estados Unidos e México, unha oportunidade para a UE?

A alta belixerancia verbal que mantén o presidente de Estados Unidos contra México, con cuestións candentes coma o Muro da fronteira ou o Tratado de Libre Comercio, está xa a ter efectos no mercado lácteo. Durante os 2 primeiros meses do ano, Mexico aumentou as súas importacións de leite en po europeo un 122% e mantivo contactos tamén con Nova Zelanda, outro gran exportador.

Ante a belixerancia de Trump, Mexico busca alternativas de suministro de leite en po na UE e en Nova Zelanda

Estados Unidos continúa a ser polo de agora o seu principal suministrador de leite en po e as cantidades que se comercializan desde Europa son aínda anecdóticas, pero hai nervios no mercado e un claro cambio de tendencia. Ante a belixerancia de Trump, México explora novos mercados para garantirse alternativas en caso de que fracase a renegociación do Tratado de Libre Comercio de Norteamérica (Nafta).

Mexico depende en gran medida das exportacións a Estados Unidos e tería un grave problema se se racha o Nafta, pero en Estados Unidos tamén habería alomenos unha víctima clara: a industria láctea.

6) Que se pode aprender na UE da crise láctea que vive Norteamérica?

As dificultades de mercado derivadas do exceso de produción non son só cousa de Estados Unidos. En Europa, mantéñense na actualidade 350.000 toneladas de leite en po no sistema de intervención público. Darlle saída a ese volume de leite sen que a súa comercialización provoque danos no mercado resulta unha quimera e polo de agora non se atoparon solucións.

“A longo prazo volverán as crises de prezos á UE. Precísase un marco legal que permita programas de redución de entregas durante as crises” (EMB)

Os prezos no campo recuperáronse nos últimos meses, pero os altos stocks de leite en po impiden un maior repunte das cotizacións. Desde a European Milk Board (EMB), organización na que está integrada a Organización de Productores de Leche (OPL), e desde Vía Campesina, na que participa o Sindicato Labrego, advirten de que a longo prazo repetiranse os problemas de exceso de produción na UE e de caída dos prezos. Ambos organismos propoñen que se traballe nun marco legal que permita programas de redución das entregas de leite, tanto voluntarios como obrigatorios, en fases de crise.

O actual comisario de Agricultura da UE, Phil Hogan, non é proclive a ese tipo de medidas e negou en reiteradas ocasións que se fosen a aplicar na UE, pero xa no último trimestre do 2016, ante a falta de saídas para a crise, tivo que poñer en marcha un programa voluntario de redución de entregas. Agora queda por ver que medidas se toman de cara o futuro. Se se toman.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información