Pontevedra, declarada provincia oficialmente indemne da tuberculose bovina

É a primeira provincia española non insular en acadar esta condición. A Xunta prevé que no 2021 as outras tres provincias galegas poidan aspirar á mesma declaración, o que aumentaría o atractivo de Galicia como exportadora de vacas para vida

Pontevedra, declarada provincia oficialmente indemne da tuberculose bovina

Gandería da provincia de Pontevedra. / Arquivo.

A provincia de Pontevedra vai ser declarada pola UE como oficialmente indemne de tuberculose bovina, convertíndose na primeira provincia da España peninsular en lograr esa cualificación. Para lograr este estatus, Pontevedra cumpriu cos criterios marcados na lexislación comunitaria, que esixe que durante seis anos a porcentaxe de rabaños confirmados con presenza de bacterias da tuberculose non fora superior ó 0,1%, estando o restante 99,9% cualificado como oficialmente indemne fronte á enfermidade.

A prevalencia actual da enfermidade no conxunto de Galicia é do 0,02%, o que fai que Medio Rural sexa optimista sobre a posibilidade de que as restantes provincias galegas tamén acaden a denominación de oficialmente indemnes da tuberculose no 2021.

A tuberculose animal é unha enfermidade infecto-contaxiosa crónica grave, orixinada por bacterias do complexo ‘Mycobacterium tuberculosis’. Ten unha gran importancia para a saúde pública no ámbito mundial, xa que afecta indistintamente aos animais e ás persoas, polo que a declaración de Pontevedra como indemne ten unha gran relevancia no contexto da saúde pública e da sanidade animal, culminando así un esforzo de décadas de programas de saneamento gandeiro.

Historia
A comezos dos 90, ata un 16% dos rabaños galegos estaban infectados pola tuberculose, un problema que daquela parecía inviable erradicar. O rigor técnico aplicado nas campañas de saneamento en Galicia, coa aplicación de sacrificios obrigatorios e baleiros sanitarios, foi decisivo para a constante diminución da persistencia do patóxeno nas explotacións, segundo valora Medio Rural.

A Xunta lembra que a tuberculose continúa a ser un problema grave noutras comunidades autónomas, pois a media estatal de rabaños afectados sitúase no 2,32%, con picos de ata o 12% nalgunha comunidade.

Evitar as importancións
A Administración tamén valora o recoñecemento oficial para Pontevedra como un elemento que
mellora a posición de Galicia no mercado xeral de animais e dos seus produtos, “pasando de ser unha rexión eminentemente importadora de bovinos a constituírse como netamente exportadora, debido á súa alta cualificación sanitaria, paralela ao seu alto nivel xenético e produtivo”.

A Consellería do Medio Rural pídelle ó sector gandeiro bovino galego que sexa consciente do risco que implica para toda a rexión a compra de animais foráneos procedentes de áreas afectadas pola tuberculose.

Os servizos veterinarios oficiais recomendan mellorar a bioseguridade das granxas e evitar, na medida do posible, calquera compra de animais, fomentando a recría das reses na propia explotación ou subministrándose de explotacións galegas, que contan cun elevado status sanitario.

Brucelose
Cómpre lembrar que Galicia xa foi declarada en 2013 rexión oficialmente indemne de brucelose ovina e de cabrún e no 2017 acadou o status de oficialmente indemne de brucelose bovina.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información