“A política foi feita para os funcionarios, por iso hai poucos alcaldes gandeiros”

Repetirá na alcaldía de Castroverde catro anos máis. Xa leva 22 como alcalde pero como gandeiro leva "toda a vida". José María Arias ten unha explotación de leite e estase pasando a ecolóxico. Falamos con el de como ve o sector e do papel a xogar polas Administracións

José María, no momento de ir buscar as vacas ao prado, acompañado de Calcetines, o seu can

José María, no momento de ir buscar as vacas ao prado para muxir, con Calcetines, o seu can

Cando en plena crise polos baixos prezos do leite, o 3 de setembro de 2015, 1.500 tractores colapsaron a Ronda da Muralla de Lugo, onde despois permanecerían varios meses aparcados para esixir un prezo xusto que cubrira os custos de produción, o tractor que guiaba ao grupo de gandeiros chegados desde Castroverde era o de José María Arias, alcalde da localidade. Había moitos políticos que se achegaran alí a dar apoio, pero el estaba como gandeiro.

“A única maneira de non perder a perspectiva do sector é seguir formando parte del. Non se pode facer unha política agrícola ou forestal desde un despacho. Hai que vir e pisar o territorio”, di. É algo que achaca a outros políticos, aos da Xunta. “O Goberno galego cambia cada 6 meses a Lei do Solo, iso é que non saben que facer, que non teñen as cousas claras nin teñen unha idea de país. É necesario avanzar na ordenación do territorio, é unha tarefa pendente”, considera.

“Castroverde é un pulmón de leite en Galicia, xunto a outros concellos da provincia de Lugo como A Pastoriza, Castro de Rei, Cospeito, Sarria, Chantada, Pol, Guntín ou Guitiriz. Temos 14.000 cabezas de gando no municipio entre leite e carne e explotacións moi boas, que están traballando ben, dimensionadas e profesionalizadas, pero temos o mesmo problema que hai en toda Galicia, temos moi poucas concentracións, hai parroquias cun minifundio que é insostible e que é un problema grave para a produción porque encarece moito os custos de produción”, describe.

“Temos 14.000 cabezas de gando no municipio pero temos parroquias cun minifundio que é insostible porque encarece moito os custos de produción”

Por iso reclama solucións, como gandeiro e como político. “O campo en Galicia perdeu máis de 100.000 postos de traballo na última década e non sae en ningún lado, non abre os informativos. Se hai unha ameaza sobre Alcoa ou sobre Citroën a Administración móvese. Sen embargo, esa reconversión do agro en Galicia saiulle gratis á Administración”, denuncia.

Defende que as subvencións aos gandeiros e agricultores “tiñan que ser máis grandes porque cada euro investido no agro repercute no resto de sectores, son cartos que quedan no territorio”, di, aínda que recoñece que “ás veces non se usan ben as subvencións en cousas que de verdade creen valor e melloren a produción”. De 2007 a 2011 José María Arias foi deputado provincial, ocupándose da área de Medio Rural no Goberno da Deputación de Lugo, desde onde foi un dos impulsores do Centro de Recría da Granxa Gayoso Castro. Son eses os proxectos que considera “útiles para o sector”.

Conversión cara ao ecolóxico

As vacas da Gandeiría Portela volvendo do pasto

As vacas da Gandeiría Portela volvendo do pasto

José María repite como rexedor municipal catro anos máis, un cargo no que leva desde 1997. Tiña daquela 30 anos e había dous que se incorporara á explotación familiar, Gandeiría Portela, que segue mantendo. “Eu teño que manter a miña explotación porque é o meu medio de vida e hoxe estás en política e mañán deixas de estar. Teño unha persoa daquí ao lado contratada porque ás veces éme difícil compatibilizar os horarios e as ocupacións de alcalde coas da granxa. Á política foi feita para funcionarios, por iso hai poucos alcaldes gandeiros”, di.

A súa explotación conta hoxe con 60 cabezas en total, unhas 40 en muxidura, e está dando o paso cara á produción ecolóxica. “Eu xa facía pastoreo e animado pola suba de prezos e porque neste momento o leite ecolóxico ten demanda e saída, comecei hai ano e medio o periodo de conversión, que en marzo de 2020 terei plenamente rematado”, conta. Ao ter que recurrir a man de obra contratada resultáballe difícil lograr que unha explotación do tamaño da súa resultase viable pero agarda que a diferenza de prezo en ecolóxico sirva para incrementar a rendibilidade da súa granxa.

Para unha explotación do tamaño e características da súa está a ser “doada” a adaptación aos requisitos da produción ecolóxica. “Contamos con 26 hectáreas de superficie entre propias e alugadas nun radio de acción de menos dun quilómetro, adáptase ben para isto do ecoloxico”, considera. En Furís, a parroquia na que se atopa a Gandeiría Portela, tampouco houbo concentración parcelaria.

Prescindir do millo

Hai 3 anos que non bota millo. “Antes sementaba unhas 10 hectáreas e a colleita era boa pero cos cambios esixidos no abonado e prescindindo dos herbicidas sería imposible sacar millo aquí, porque é unha terra forte e bota moita herba”, argumenta. Agora fai silo de herba para suplementar no inverno a alimentación a base de pasto.

As vacas da Gandeiría Portela están fóra de día e no establo pola noite. “O inverno aquí é duro, a explotación está a 700 metros de altitude e o pico da parroquia chega aos 975 metros”, relata.

“O ecolóxico ten futuro, pero non vale para todo o mundo. Hai granxas ás que polas nosas características nos encaixa mellor”

No seu caso a produción ecolóxica casa á perfección, pero asegura que “non é para todas as explotacións o leite ecolóxico, non sería doado para unha granxa de 200 vacas”, alega. “O ecolóxico é unha boa solución para explotacións de pequeno tamaño pero non se adapta para outro tipo de explotacións”, considera.

Xa facía pouca renovación de pradeiras, tan só naquelas fincas nas que botaba millo, e, aínda que en Furís de Abaixo hai outra explotación leiteira en intensivo, Granxa do Río, non ten problema de contaminación cruzada. O derradeiro paso que lle queda é o penso. Considera que non terá problema algún de adaptación do gando, xa que “só daba entre 6 e 7 quilos de concentrado por vaca e día en convencional, a miña explotación xa non era de altísimas producións antes de pasarme a ecolóxico”, recoñece.

Considera que os dous modelos, o ecolóxico e o convencional, teñen futuro en Galicia. Sen embargo, advirte de determinadas circunstancias que xogan en contra do sistema de produción intensivo: “O leite convencional ten un hándicap importante porque os mercados están lonxe de Galicia e as marxes nos prezos son moi pequenas como para facer fronte a ese incremento de custos e ao mesmo tempo, Europa está apertando no tema medioambiental e ao purín hai que darlle unha saída”, opina.

“Os beneficios que xera o eucalipto hai que repartilos cos propietarios que conservan os carballos e os castiñeiros”

O sector agrogandeiro segue mantendo un peso importante en Castroverde, pero este é tamén un concello cunha importante riqueza forestal. Hai dous anos un borrador presentado pola Xunta de Galicia poñía en risco esa rendibilidade do monte, o que provocou que os propietarios forestais se unisen en contra da decisión da Administración autonómica de prohibir as plantacións de eucalipto no termo municipal.

“Ese decreto dividía a Galicia en dúas metades, permitindo plantar eucalipto nunha das partes e prohibíndoo na outra, polo que supoñía unha penalización inxusta para 29 concellos na provincia de Lugo, como o de Castroverde, que quedaría do outro lado da liña do eucalipto”, explica o seu alcalde.

Neste concello de transición entre a comarca de Lugo e a Montaña, a produción de madeira move 4 millóns de euros ao ano. Hai plantadas unhas 700 hectáreas de eucalipto e hai 8 empresas, que xeran 40 empregos, adicadas aos distintos procesos e traballos forestais.

“Hai que asignarlle un valor económico ao medio ambiente e darlle unha renda ao propietario que o mantén”

Por iso José María critica esa “prohibición drástica” por parte da Xunta. “En Castroverde, como no resto de Galicia, ten que haber piñeiro, eucalipto e carballeiras, pero se queremos que os da Montaña e os Ancares conserven as carballeiras hai que compensar aos propietarios por mantelas”, defende.

“Hai que asignarlle un valor económico ao medio ambiente e darlle unha renda ao propietario que mantén o medio ambiente, ten que haber unha compensación, unha rendibilidade compartida entre os propietarios de explotacións forestais de eucalipto e os propietarios de espazos protexidos”, argumenta. E propón: “en cada corta de eucalipto debería haber unha parte dos ingresos obtidos destinada a compensar ao que non pode plantalo e as plantacións de frondosas autóctonas deberían poder meterse na PAC para que tamén xeraran unha renda por esa vía”.

O eucalipto, compatible coa gandeiría

Para o alcalde de Castroverde “a riqueza forestal é moi importante en Galicia, igual que o é a agrogandeira”. Por iso di: “hai que salvar o prado pero hai que deixar producir madeira no monte”. “Penso que son sectores perfectamente compatibles”, afirma. Pero insiste en reclamar “un programa de ordenación forestal e gandeira do territorio a nivel galego, que é algo que non existe”.

O caos existente neste momento entre plantacións forestais e terreos agrícolas, entrelazados e mesturados sen criterio algún na maioría das parroquias galegas, fai que un problema como o do xabarín alcance dimensións cada vez maiores sobre as zonas produtivas.

“Son cazador e membro da directiva do Tecor de Castroverde. O ano pasado matamos 250 xabaríns, o cupo que tiñamos. No concello bótanse unhas 1.500 hectáreas de millo e os danos son cuantiosos todos os anos”, explica.

Na casa de José María, ademais das vacas da súa explotación hai tamén outros animais de referencia, os seus cans de caza. E un acollido, de nome Calcetines, un border collie dun ano que chegou perdido fai uns meses. Non se separa do seu novo dono. Vai con el a todos os lados, como cando vai buscar o gando. Se lle deixara, mesmo o acompañaría ao despacho da Alcaldía.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información