“Podemos mediar pero non fixar un prezo, que é o que se nos pide”

O secretario de Agricultura do Ministerio, Carlos Cabanas, asegura tras a reunión mantida en Galicia co sector lácteo que se están creando condicións para o entendemento. As organizacións agrarias poñen en cuarentena esas perspectivas

“Podemos mediar pero non fixar un prezo, que é o que se nos pide”

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, reuniuse con industrias, distribución e organizacións agrarias.

O conxunto do sector lácteo galego mantivo hoxe unha nova reunión que serviu para continuar as conversas da pasada semana, aínda que sen que se acadasen compromisos claros por ningunha das partes. O encontro, o primeiro do sector no que participa o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, desde o 2012, contou tamén coa asistencia do secretario de Agricultura do Ministerio, Carlos Cabanas, que ó remate do encontro se amosou optimista. “Estamos creando as condicións de entendemento precisas para que se solucionen os problemas do sector”, valorou Cabanas. “O que se nos pide é que fixemos un prezo, pero iso non podemos facelo. O que podemos é mediar entre as partes”.

Industrias, organizacións agrarias, cooperativas e distribución víronse as caras na reunión por segunda semana consecutiva. Do encontro despréndese un posicionamento claro e común do sector gandeiro en torno ás medidas prioritarias que demandan de industrias e distribución.

Explotacións con problemas
En Galicia hai arredor de 2.500 explotacións que están a cobrar o leite a menos de 26 céntimos, e destas medio millar sitúanse no entorno dos 20 céntimos, unha circunstancia que os produtores entenden que non ten correlato noutras áreas de España e mesmo do resto de Europa occidental. As organizacións agrarias demandan que a eses gandeiros se lles recolla o leite a prezo de mercado (27,9 céntimos de media en Galicia, segundo os últimos datos).

As industrias comprometéranse a facerse cargo a prezos de mercado do leite das explotacións con maiores problemas

As industrias xa se tiñan comprometido co sector a recoller a prezos de mercado o leite das explotacións máis afectadas por este problema, que normalmente lle estaban a entregar a produción ata o de agora a primeiros compradores intermediarios; se ben desde as organizacións agrarias demandan unha maior axilidade para resolver esta cuestión.

Distribución
A segunda cuestión que o sector gandeiro puxo sobre a mesa foi a das marxes axustadas que os grupos da distribución lle deixan ó resto da cadea de valor do leite. Se as cadeas teñen capacidade para forzar compras de aprovisionamento mesmo por baixo dos 40 céntimos, como é o caso, pouca marxe lles queda ás industrias para mellorar os prezos no campo, analiza o sector gandeiro.

O sector agrario demanda que a distribución lle pague ás industrias uns prezos que permitan repuntes no campo

“Mentres non se consiga que a distribución lle pague á industria uns prezos que permitan unha remuneración xusta no campo, difícilmente se resolverá o problema” -pronostica o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García-. “Pódese chegar a un acordo en tal sentido co modelo francés, explicitándoo públicamente, ou dun xeito máis discreto”, precisou.

En definitiva, as organizacións agrarias advirten da necesidade dunha pronta recuperación dos prezos e poñen en cuarentena a vontade de industrias e distribución de avanzar nese sentido. “Hoxe o presidente da Xunta manifestou un compromiso claro co sector lácteo, pero veremos se esa declaración se transforma nun peso político que cambie as cousas ou queda nunha mera declaración de intencións”, valorou a secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba.

Medidas de apoio a proxectos empresariais

Ó remate da reunión, a conselleira do Medio Rural, Rosa Quintana, fixo un repaso por todas as medidas que está a poñer en marcha o seu departamento para apoiar ó sector lácteo, tales como a moratoria de préstamos ou ó apoio á financiación das explotacións. Como novidade, destacou que a Xunta está a traballar nun paquete de medidas fiscais para apoiar os proxectos empresariais no rural.

A Xunta apoiará proxectos de transformación do leite con 30 millóns de euros en préstamos e participacións

Doutro lado, a Administración autonómica tamén lle anunciou ás industrias unha liña de apoio de 30 millóns de euros en préstamos e en participacións minoritarias no capital social para apoiar proxectos de transformación da produción.

Por parte do Ministerio, Carlos Cabanas incidiu en que se seguirán analizando posibles medidas e se concretará nunha reunión o 18 de agosto a que compromisos están dispostas a chegar as distintas partes da cadea do leite. Entre as medidas a estudo figura unha proposta de Unións Agrarias para retirar 40.000 toneladas de leite do mercado con destino á axuda humanitaria, se ben Cabanas precisou que habería que estudiar a medida para ver se é viable e convinte.

Entre as propostas a estudo, figura unha para a retirada de 40.000 toneladas de leite para axuda humanitaria

Á reunión de hoxe asistiron por parte da industria Leite Río, Lactogal, Lactalis, Capsa, Feiraco, Reny Picot e Nestlé; e pola distribución Vegalsa Eroski, Mercadona, Gadisa, Froiz e Carrefour; se ben botouse en falta a presencia de Lidl, Dia e Auchan. Polo sector produtor asistiron a Asociación Galega de Cooperativas (Agaca) e as organizacións Unións Agrarias, Sindicato Labrego e Asaja Galicia.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información