¿Pode converterse o sector lácteo nunha fonte de emprego para persoas con discapacidade?

Un grupo de alumnos da Universidade da Coruña realiza un proxecto sobre “Adaptabilidade de postos de traballo no sector lácteo galego para persoas con síndrome de Down”. Velaquí as conclusións..

¿Pode converterse o sector lácteo nunha fonte de emprego para persoas con discapacidade?

Algúns dos integrantes do proxecto nunha visita á queixería Queizuar

O sector lácteo galego pode converterse nunha fonte de emprego para persoas con discapacidade, cubrindo así non só unha necesidade de man de obra que existe tanto en ganderías como en industrias, senón tamén mellorando a imaxe positiva que ten a sociedade desta actividade.

Así se conclúe no estudo “Adaptabilidade de postos de traballo no sector lácteo galego para persoas coa Síndrome de Down”, realizado por un grupo de alumnos do Máster de Responsabilidade Social Corporativa da Cátedra Inditex da Facultade de Económicas da Universidade da Coruña.

No proxecto, que durou uns 5 meses, participaron tamén a gandería Casa Grande de Xanceda (Mesía) e a queixería Queizuar, de Bama (O Pino), así como a asociación Down Coruña.

O mentor do proxecto, o investigador do CIAM César Resch Zafra, destaca que o obxectivo “é lograr que persoas con esta discapacidade podan traballar en granxas ou industrias do sector lácteo”. “En Galicia -subliña- hai 6.000 ganderías de vacún de leite que facturan máis de 100.000 euros ao ano, moitas delas xa teñen empregados externos á familia e a necesidade de man de obra é cada vez maior”.

Un exemplo exitoso de integración social e laboral no sector lácteo é La Fageda, unha cooperativa catalá que integra a máis de 100 persoas con discapacidade, tanto na súa granxa como na súa fábrica de iogures, e que no 2017 facturou máis de 19 millóns de euros.

 “A granxa catalá La Fageda é un exemplo de integración de persoas con discapacidade”

Dende a asociación Down Coruña coinciden en que no sector lácteo galego , que produce o 40% do leite e ten o 50% das granxas de España, tamén hai oportunidades de traballo para este colectivo.

“É moi probable que unha persoa con Síndrome de Down que viva no entorno urbano teña un abano máis amplo de alternativas laborais ás que poda acceder e pode que lle custe menos atopar un emprego. Non obstante, cabe salientar as numerosas actividades no ámbito rural que unha persoa con Síndrome de Down poden realizar de forma moi satisfactoria e autónoma”, asegura María José España Aldao, responsable do programa de Formación e Emprego de Down Coruña e que participou neste proxecto.

O descoñecemento é a principal barreira a superar

¿E cales son as principais barreiras a superar para que ganderías e industrias lácteas lle dean unha oportunidade laboral a persoas con discapacidade? “Sen dúbida a principal barreira é o descoñecemento que pode haber sobre as persoas con Síndrome de Down e a crenza de que estas persoas non poden acceder a un posto de traballo”, afirma José Rodríguez Díaz, xerente de Down Coruña.

Outro desafío que apunta César Resch, mentor do proxecto, “é facerlle ver á xente de procedencia urbana, tanto a asociación Down Coruña como á maioría do alumnado, a importancia que ten o rural e a produción de leite en Galicia”. “Constátase que o rural sabe integrarse e convivir sen problemas no urbano, pero o urbano vive cada vez máis afastado do rural, cunha visión moitas veces idealizada e quizás un tanto paternalista”, engade.

¿Cales son os postos de traballo no sector lácteo máis adecuados para as persoas con síndrome de Down?

O equipo de alumnos da Facultade de Económicas da Universidade da Coruña -integrado por Margarita Villapol, Patricia Acedo, Ana de Aspe, María de la Fuente e Emiliano Moreno- mantivo reunións tanto co mentor, como con representantes de Down Coruña e visitou varias industrias lácteas e ganderías para identificar cales son os postos de traballo máis adaptados a este colectivo.

Tarefas na sala de muxido:

-Aplicación do desinfectante nos tetos antes de proceder ao muxido.

-Realización do despunte antes de comezar a munguir.

-Recollida dos panos que se empregaron para limpar os ubres das vacas.

-Acompañamento e guía das vacas na sala de muxido. Sempre e cando sexa posible, en atención ás sensacións da persoa cos animais.

Tarefas nunha industria láctea (queixería ou fábrica de iogures):

-Etiquetaxe de iogures, queixos e demais produtos elaborados pola empresa.

-Montaxe das caixas.

-Labores de apoio no almacén, en seco.

-Colocación dos iogures terminados no almacén.

-Colocación dos queixos nos andeis de secado.

-Apoio no departamento de loxística. Monta e descarga de pedidos.

Tarefas na granxa:

-Limpeza de camas: cambio da area e da palla e retirada de excrementos.

-Alimentación e coidado dos becerros.

-Realización das labores de xardinería e mantemento.

-Apoio nas visitas organizadas pola empresa.

En definitiva, os alumnos autores do proxecto conclúen que “os postos que en maior medida poderían adaptarse ás persoas con Síndrome de Down son aqueles que consistan en tarefas de apoio e non con altos niveis de responsabilidade. Tarefas consistentes en actividades manuais e repetitivas”. “É moi importante, ter en conta os ritmos de traballo e os obxectivos da empresa”, subliñan.

As claves para que a integración destas persoas no sector lácteo sexa exitosa

-Unha vez que se ten clara a idea de contratar a unha persoa con Síndrome de Down na empresa é moi importante detectar as tarefas ou os postos de traballo axeitados para estas persoas. Esta tarefa aconséllase facela co apoio de profesionais da área de emprego das entidades Down.

-O seguinte paso é seleccionar a persoa con Síndrome de Down que vai ocupar o posto en función das habilidades necesarias para defender o mesmo e as habilidades de cada persoa.

-A figura do preparador laboral que ofrecen á empresa as entidades Down vai ser clave en todo o proceso de inserción laboral. Será o encargado de proporcionar a preparación axeitada e os apoios personalizados necesarios tanto no momento de incorporación á empresa como ao longo de toda a súa vida laboral. Os apoios iranse retirando progresivamente ata que non sexa necesario a presenza do preparador laboral dado que a persoa con Síndrome de Down é totalmente autónoma no seu posto de traballo.

 É moi importante a figura do preparador e que as tarefas sexan manuais e repetitivas

-O preparador laboral tamén ofrece asesoramento e charlas de sensibilización aos compañeiros de traballo e aos encargados da empresa.

-É importante establecer unha boa comunicación entre a empresa e o fogar da persoa con Síndrome de Down de cara a que poda desprazarse de forma autónoma ao seu posto de traballo.

-Se a persoa procede da cidade, é preciso realizar un achegamento previo ao mundo rural.

-É necesario realizar unha explicación moi clara das tarefas, definindo moi ben que é o que se realiza en cada posto de traballo. As persoas con Síndrome de Down aprenden con maior facilidade polo visual, polo que en ocasións será preciso que o preparador lle demostre previamente como se realiza a tarefa. Noutros casos pode ser vantaxoso adaptar a tarefa ás necesidades do empregado, por exemplo mediante a colocación de carteis, facilitando así que lembre cales son os pasos a seguir.

Mellora do ambiente laboral

Ademais, un valor engadido que corroboran dende Down Coruña é a mellora do ambiente laboral. “Cando hai persoas con síndrome de Down ou con discapacidade intelectual na plantilla as propias empresas contan que hai un aumento da motivación, unha mellora do clima laboral, maior cohesión grupal, máis compañeirismo e aceptación da diversidade”, explica José Rodríguez Díaz.

Persoas con Síndrome de Down participando nun proxecto de inserción no sector da horta

Persoas con Síndrome de Down participando nun proxecto de inserción no sector da horta

¿Cales son os seguintes pasos?

Unha vez realizado este estudo, César Resch avanza que o obxectivo é continuar a traballar con Down Coruña para identificar nichos de traballo nas principais comarcas gandeiras, como a Terra Cha ou Xallas. “Trataríase de implementar algunha iniciativa a través de concellos ou deputacións para facer algunha escola taller cun plan de dinamización”, explica.

Por parte de Down Coruña animan ás empresas a que dean oportunidades laborais ás persoas con Síndrome de Down e discapacidade intelectual, buscando proxectos reais e estables que melloren a súa calidade de vida.

En definitiva, un primeiro paso para dignificar a vida de moitas persoas con discapacidade e tamén ao sector lácteo.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información