Piden á Xunta que convoque a Mesa da Seca ante a grave situación de gandeiros e agricultores

Piden á Xunta que convoque a Mesa da Seca ante a grave situación de gandeiros e agricultores

Millo no Deza queimado pola seca.

A Asociación Agraria de Galicia -sucesora de Xóvenes Agricultores- pide á Consellería de Medio Ambiente que convoque á Mesa da Seca ante “a gravidade da situación para os gandeiros e agricultores pola falta de auga” polo que solicitan que se habiliten medidas excepcionais

Dende a asociación aseguran que “non se pode demorar máis a primeira xuntanza da Mesa da seca”. “Os membros da mesma deben estudar a fondo qué medidas extraordinarias se deben tomar para intentar reducir os danos nos cultivos”, engaden.

Advirten de que “a seca está afectando á gran maioría dos gandeiros galegos”. Neste sentido, informan de que o propietario dunha explotación no concello lucense do Corgo, José Chousa, “asegurou que a día de hoxe os profesionais non somos capaces de conseguir todo o alimento que necesitamos. Este ano vaise recoller en Galicia menos da metade de herba que recolectamos no 2016 e, ademais, os prezos da palla cada vez están máis altos. De media, estase pagando por ela un 400% máis que hai doce meses”.

Engade que “o problema agrávase porque imos ter que comezar a recoller o millo nos próximos días, un mes antes do ideal, porque a seca queimouno todo e non deixou nin unha espiga”.

Sen auga para o gando

A Asociación Agraria de Galicia advirte de que a seca tamén afecta á hidratación do gando. “O número de pozos secos aumenta diariamente, polo que cada vez son máis os gandeiros que teñen que carrexar auga para darlle de beber aos animais”, aseguran.

Por todos estes motivos, a Asociación Agraria de Galicia quixo estender a súa petición de axuda á Consellería do Medio Rural (que tamén forma parte da Mesa da seca), para que, dentro das súas competencias, “estuden qué tipo de axudas poderían conceder para axudar aos afectados”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información