Perspectivas de estabilidade para o mercado lácteo no 2017

A recuperación de prezos no campo que se viviu na UE nos últimos meses levará a incrementos de produción e á reactivación da intervención pública, segundo as previsións de Rabobank. Os altos stocks de leite en po en Europa, pendentes de solución

Perspectivas de estabilidade para o mercado lácteo no 2017

O mercado internacional de lácteos industriais mantén este ano unha liña de estabilidade.

O mercado lácteo internacional atravesa no que vai de ano por un periodo de estabilidade que previsiblemente continuará ao longo do 2017. A recuperación de prezos no campo dos últimos meses do 2016 permitiu que a media en Europa chegase ós 33,4 céntimos litro. En España, onde o repunte foi menor, a media situouse nos 30,7 céntimos, segundo os datos do Observatorio Lácteo da UE.

Esa lixeira mellora dos prezos, tras un ciclo de dous anos de crise, coincidiu no tempo cunha redución das entregas de leite que se mantivo nos primeiros meses do 2017. Xaneiro e febreiro remataron na UE cun 3,3% menos de produción que no mesmo periodo do ano anterior. (-2,4% en España). Sen embargo, Rabobank, unha entidade bancaria especializada na análise dos mercados agrarios, prevé que a produción repunte pola mellora que experimentaron os prezos no campo.

De ser así, a intervención pública de leite en po deberá activarse de novo esta primavera. De feito, xa hai países como Polonia ou Lituania nos que comezaron as ofertas de leite en po para intervención.

Stocks lácteos
As compras públicas de leite en po estanse activando de novo, por tanto, sen que haxa aínda unha solución para as 350.000 toneladas mercadas pola UE o pasado ano. Non se sabe que facer con ese leite en po, pero o sector -industrias e gandeiros-, agardan que a Comisión Europea atope unha solución que non distorsione o mercado.

Hai ademais 70.000 toneladas con axudas para o almacenamento privado, polo que as perspectivas de prezos para o leite en po mantéñense nos seus actuais niveis, próximos ós prezos de intervención.

Mellores expectativas teñen os queixos industriais, que acadaron uns valores entre un 25 e un 44% por riba dos que tiñan hai un ano (cheddar, gouda, edam) e que poderían estabilizarse nesa liña, segundo Rabobank.

A manteiga continúa a ser o produto industrial que mellor está a funcionar, manténdose en máximos históricos (430 euros cada 100 quilos), o que permite soster os prezos do leite no campo, a pesar dos baixos prezos do leite en po.

Situación internacional
O mercado a nivel internacional mantén tamén unha certa estabilidade no que vai de ano, ligada a menores producións en grandes exportadores como Nova Zelanda ou Australia. Estados Unidos incrementou lixeiramente as entregas en xaneiro e febreiro deste ano un 0,7% e haberá que ver como evoluciona nos próximos meses.

O fortalecemento do dólar podería reducir a súa potencialidade de exportación e obrigar a unha baixada da produción, segundo a análise de Rabobank.

En canto ás cotizacións internacionais, o Global Dairy Trade, a plataforma de subastas operada por Fonterra, mantense este ano estable con leves altibaixos. A última subasta rematou á alza.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información