vacas pastos suecia

Pastos, robot de muxido e altas producións de leite: a experiencia sueca

Ensaios realizados en Escandinavia con rabaños en pastoreo amosan que en condicións de altas cantidades e calidades de pasto, é posible igualar as producións de leite acadadas por lotes estabulados

Pode competir en produción de leite un rabaño con acceso a un bo pasto, suplementado no establo, coa produción de ganderías estabuladas, con acceso só a un patio de exercicio? Este é o interrogante que levou a investigadores suecos a desenvolver estudos comparativos con lotes de animais manexados con robot de muxido, que en Suecia é o sistema co que se muxen un 30% das vacas.

Todas as explotacións suecas están obrigadas por lei a darlle ás vacas acceso ó exterior alomenos durante os meses do verán. No sur de Suecia, o clima permite que os animais teñan pastos dispoñibles un mínimo de 4 meses ó ano, pero o manexo máis habitual é o de ter os animais estabulados con acceso só a un patio de exercicio. Na idea de demostrar que con acceso a pastos de calidade, os animais poden manter altas producións, o Swedish University of Agricultural Sciences (SLU) desenvolveu catro estudos comparativos.

O obxectivo era comprobar o resultado de distintos periodos de acceso ós pastos, con animais suplementados no establo, en comparación con ganderías estabuladas que permitían o mesmo tempo de acceso a patios de exercicio. En tódolos casos, os animais mantiveron un consumo idéntico de concentrado, que en Suecia representa unha parte fundamental da dieta, con medias de 14 quilos por animal no pico de lactación. Variouse só o acceso ó ensilado de herba, que nos animais estabulados foi sempre a libre disposición, con medias de consumo de 12 kg de materia seca.

Produción
As experiencias de acceso a pasto con limitación do ensilado no establo a 6 quilos diarios demostraron que con pastos de calidade mantéñense as mesmas cifras de produción de leite que nas ganderías estabuladas con patio de exercicio, segundo expuxo a investigadora Eva Spörndly nun seminario sobre vacún leiteiro en pastoreo que se desenvolveu este outono en Lugo, organizado polo Instituto de Investigación e Tecnoloxía Agroalimentaria de Cataluña (Irta).

Comportamento
O mellor comportamento no pastoreo logrouse nun lote ó que se lle permitía o acceso ós pastos 4 horas á mañá e 4 horas á tarde, pois os animais estaban pastando 3,7 horas, un 43% do tempo total que botaban fóra. Outras experiencias, cos animais fóra 9,5 horas continuas e 12 horas continuas, demostraron un menor tempo de pasto, de pouco máis de 2 horas, o que representaba arredor dun 20-22% do tempo total que botaban no exterior.

A gráfica amosa coma o acceso continuo ó exterior durante 12 horas non se traduce en máis tempo de pastoreo. A mellor opción demostrouse o acceso alterno 4 horas á mañá e 4 horas á tarde.

A gráfica amosa coma o acceso continuo ó exterior durante 12 horas non se traduce en máis tempo de pastoreo. A mellor opción demostrouse o acceso alterno 4 horas á mañá e 4 horas á tarde.

Distancia dos pastos, auga e suplementación

Outro estudo realizado polo SLU sueco, sobre rabaños con acceso ós pastos as 24 horas, preguntouse pola influencia que tiñan na produción de leite factores coma a distancia ós pastos, a cantidade de ensilado que se suplementa no establo ou a ubicación dos puntos de auga.

A investigación que comparou un lote con acceso a pastos próximos (50-350 metros) cun lote que tiña que ir a pastos lonxanos (250-860 metros), revelou que o rabaño cos pastos máis cercanos producía lixeiramente maior cantidade de leite e pasaba máis tempo no exterior e pastando.

En canto ó suministro de ensilado, non se comprobou un efecto favorable de ofrecer ensilado a libre disposición fronte ó lote ó que se lle suministrou só un suplemento de 3 Kg. Non houbo cambios nin na produción de leite nin no intervalo de muxidos, o tempo das vacas nos pastos ou os animais que había que ir buscar para que pasasen polo robot de muxido.

En canto á ubicación dos puntos de auga, no establo ou fóra, tampouco houbo diferencias no contexto do clima sueco, con temperaturas estivais tépedas. Comprobouse que as vacas que só tiñan auga no establo pasaban sede, pois ó chegar de volta ó establo o primeiro que facían era beber grandes cantidades, pero iso non repercutiu en menores producións nin nun intervalo de muxidos máis frecuente.