“Pagando uns céntimos máis o consumidor axudará a que os gandeiros reciban un prezo digno”

Entrevista a Ariadna Fernández González, veterinaria e gandeira de Lalín. Fálanos do seu vídeo “Isto é o que ti bebes”, un éxito nas redes sociais, que pon en valor un traballo digno e imprescindible para a sociedade como é o de gandeiro

“Pagando uns céntimos máis o consumidor axudará a que os gandeiros reciban un prezo digno”

Ariadna Fernández González traballa como veterinaria e gandeira en Lalín

A Ariadna Fernández González nótaselle o entusiasmo pola profesión de veterinaria e tamén de gandeira. Entrevistámola a media tarde despois de rematar a súa xornada laboral de mañá, logo irá a curso de formación en Santiago, “e cara as oito e media volverei a Lalín para axudarlle ao meu xefe nunha cirurxía a unha vaca”.

Tamén consegue quitar tempo para realizar un vídeo, “Isto é o que ti bebes” que pon en valor o traballo dos gandeiros e para que a sociedade recoñeza e valore o seu esforzo. Un vídeo necesario para promover a ética no consumo, porque non da igual que leite mercamos.

¿De onde procede a túa vinculación coa gandería?
A miña vinculación coa gandería ven de familia, xa que os meus pais teñen unha explotación de vacún de leite, e dende pequena colaborei no traballo. Primeiro quería ser profesora pero logo decanteime por estudar Veterinaria porque sempre me gustaron as vacas e agora mesmo exerzo a miña profesión na cooperativa CampoDeza dende hai ano e medio e tamén colaboro con Cobideza, ao tempo que sigo traballando como gandeira na explotación familiar.

¿Por que te decidiches realizar este vídeo para poñer en valor o traballo dos gandeiros e das gandeiras de Galicia?
Pois sobre todo porque quería que o visen os propios gandeiros e gandeiras e se dean conta da importancia do seu traballo e do gran valor que ten. En Galicia ata hai pouco o mozo ou moza que se dedicaba a este sector tiña pouca estima social, considerábase que era a última opción profesional, pero agora penso que é totalmente diferente, xa que a maioría dos gandeiros son vocacionais e están facendo o seu traballo de forma profesional. O obxectivo con este vídeo é darlle ánimos aos gandeiros poñendo en valor o seu traballo, que é imprescindible para a sociedade.

¿Como realizaches a rodaxe?
Tiven a idea no mes de marzo pero non sabía como levala a cabo porque non controlo a parte técnica. Comenteillo a un compañeiro, Javier Iván Hita, que me deu as claves de como facelo, prestoume unha cámara Go Pro, ao principio empezou a gravar os planos comigo e logo xa os fun facendo eu. As gravacións fíxenas en distintas parroquias de Lalín, moitas delas na miña gandería e outras nas doutros gandeiros. Rematamos de editar o vídeo un venres, porque estábamos esperando a gravar un parto, porque queríamos incluír ese símbolo de continuidade da vida. Leva na rede dúas semanas e xa vai por máis de 8.000 reproducións.

A idea é que non só o vexan gandeiros, senón tamén o resto da sociedade para que coñeza o que costa lograr que a vaca dea un litro de leite, que vexa todo o traballo que hai detrás. Quero axudar a concienciar aos consumidores que pagando 5 ou 6 céntimos máis polo litro de leite poden axudar moito a que este traballo sexa sostible.

“É clave ter o número de vacas que se podan manter coa base territorial da explotación”

¿Que che din as persoas que saen no vídeo? ¿Están sorprendidas tamén pola repercusión que tivo?
Amoseilles o vídeo e houbo xente que se emocionou moito, sobre todo aquela que ten pequenas explotacións, de 20 ou 30 vacas, nas que a cada animal aínda se lles chama polo nome. En xeral, os gandeiros e as súas familias dinme que quedaron contentos pola imaxe que se da do sector, dun traballo digno e imprescindible para a sociedade e para manter un medio rural vivo.

Participaches, xunto a moitos outros gandeiros e profesionais do sector, nas mobilizacións do sector lácteo de hai un ano para esixir estabilidade nos prezos e que estes cubrisen os custos de produción. Máis dun ano despois, ¿Que balance fas da situación?
A sensación que percibo é máis ben de resignación. Creo que non se fixo todo o que se podería ter feito, en parte porque neste sector é difícil lograr que estean unidos. Sen embargo, sigo pensando que é imprescindible estar ben organizados para defender os intereses do sector.

Ninguén discute que, trala supresión das cotas, estamos nun novo escenario de fortes variacións no prezo do leite no que é necesario traballar con baixos custos de produción e gardar das épocas de altos prezos para as de baixadas. Como profesional do sector, ¿Que lle recomendarías aos gandeiros para mellorar a rendibilidade e a viabilidade das súas explotacións?
O que faría é ter o número de vacas xusto que se podan manter de forma eficiente coa base territorial da explotación, comprar o menos posible e ter unha boa xestión. A veces equivocámonos neste último aspecto, porque se cadra unha visión externa pódenos dar claves para mellorar na xestión.

Ademais, creo que aínda temos que mellorar no traballo eficiente da terra para quitar a máxima cantidade e calidade de forraxes. Para iso, é necesario deixarse asesorar para ser eficiente nos distintos ámbitos da explotación. Tamén temos a materia pendente do minifundio, que encarece os custos de produción.

Por último, creo que a clave está tamén en considerar a gandería como unha empresa, contabilizar cada hora de traballo e o seu custo. Hai gandeiros que non se dan conta de que traballan moitas horas por 400 euros ao mes, con traballo non remunerado de fillos e doutros familiares, porque non o toman coma unha empresa. As novas xeracións si que empezan a ter esta visión empresarial e contabilizan as horas e o seu rendemento.

 “O traballo dunha muller nunha gandería nótase en positivo”

Aínda que a un ritmo máis lento do desexado, cada vez hai máis mulleres veterinarias e gandeiras titulares de explotacións gandeiras. ¿Que factores diferenciais pensas que aporta o traballo feminino neste sector?
Eu non tiven dificultades para incorporarme ao sector, tanto como veterinaria como gandeira. Por outra parte, creo que a man dunha muller nótase moito no coidado dunha explotación gandeira. Por exemplo, os becerros que son atendidos por un home e os que coida unha muller medran de forma diferente, porque a muller aporta outra maneira de entender os animais e de empatizar con eles. Levan mellor a orde, a organización e os coidados dos animais, e penso que é un valor en positivo que aportan as mulleres.

Isto é o que ti bebes. from Jose M. Rozas on Vimeo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información