A PAC afondará a partir do 2020 nos pagos ás granxas por servizos ambientais

O grupo de traballo sobre mercados agrícolas elaborou unha serie de recomendacións para a próxima reforma da Política Agraria Común. Propón afondar na senda de primar as aportacións á conservación da natureza e suxire reorientar os pagos directos a un sistema de xestión de riscos

A PAC afondará a partir do 2020 nos pagos ás granxas por servizos ambientais

Agricultores e gandeiros xestionan a metade do territorio da UE.

Os apoios que a UE lle vén prestando a agricultores e gandeiros a través da Política Agraria Común (PAC) darán un novo xiro a partir do 2020. A Comisión Europea xa está a analizar que cambios implementar e hai unha liña de traballo que semella clara Mantense a idea de que as granxas estean conectadas cos prezos do mercado global, sen unha rede de seguridade europea (vía prezos altos de intervención, cotas, etc.) que mitigue as crises de ingresos. Para xestionar os ciclos de prezos baixos e a volatilidade dos mercados, Europa baralla varias vías de apoio ás granxas a través da PAC.

O grupo de traballo dos mercados agrícolas, constituído pola Comisión Europea hai un ano, ofrece unha serie de recomendacións para a PAC post 2020 no informe que vén de presentar recentemente. Os expertos suxiren reorientar parte dos pagos directos ós agricultores, así como parte dos fondos de desenvolvemento rural, a impulsar un sistema de xestión de riscos.

A idea é que agricultores e gandeiros dispoñan de mecanismos que permitan estabilizar os seus ingresos, tales como pólizas de seguros de marxes, fondos mútuos ou incentivos ó aforro.

Sistema de produción
Outra clave apuntada no informe pasa por afondar nos pagos por servizos ambientais das explotacións. Será necesario que agricultores e gandeiros produzan unha comida san, pero que tamén garantan que están a contribuír á conservación da natureza e a frear o cambio climático. Cuestións como o benestar animal ou boas condicións para os traballadores son tamén, segundo os expertos, cuestións de interese para os consumidores que haberá que coidar.

Aquelas rexións ou gandeiros non interesados no mercado global poderán fortalecer a súa posición a través de pagos por servizos ambientais

O informe considera que aquelas rexións ou gandeiros non interesados en competir no mercado global terán unha oportunidade de fortalecer a súa posición a través dos pagos por servizos medioambientais. A agricultura ecolóxica, á que se lle augura un crecemento constante, constitúe tamén unha opción de interese nese marco, así como a produción e venda de alimentos tradicionais cun valor emocional engadido.

Comunicación
O grupo de traballo sobre mercados agrícolas, constituído por unha ducia de expertos de distintos Estados membros, amosa no informe a súa preocupación polos malos entendidos que en ocasións se xeran na opinión pública polas axudas ós agricultores. Por tanto, consideran precisa unha boa traslación dos principais obxectivos da PAC a líderes de opinión e medios de comunicación.

Os obxectivos principais que se expoñen no informe para a PAC resúmense nos seguintes puntos:

“No farmers, no food” (Sen agricultores, non hai comida). Garantir a seguridade alimentaria da UE continúa a ser un obxectivo de primeira orde. “Nun futuro, pode chegar a desempeñar un papel tan importante que nin podemos soñalo”, valórase no informe.

Sen gandeiros non hai comida. “A seguridade de suministro de alimentos pode chegar a ter un papel tan importante que nin podemos soñalo”

O consumo de alimentos de proximidade xoga tamén un papel medioambiental, pois evítanse o desprazamento internacional de alimentos e os problemas medioambientais que ese transporte xenera. O informe suxire que a Política Agraria Común pase a formularse e comunicarse como “Política Agraria e dos Alimentos Común”

– O cambio climático é unha das cuestións claves da gobernanza global. A agricultura necesita adaptarse a ese cambio climático, de cara a reducir as perdas de produtividade, e ten tamén unha oportunidade á hora de axudar a mitigar o cambio.

O cambio climático é un asunto clave. A agricultura, que agora é vista como un problema, pode pasar a ser parte da solución

O agro é visto actualmente como un problema para o cambio climático, pois emite gases de efecto invernadoiro (En España, arredor dun 12% do total das emisións. O consumo enerxético, por contextualizar, suma máis do 70% das emisións). O informe incide en que os agricultores teñen a posibilidade de ser parte da solución, xa que os cultivos agrarios secuestran dióxido de carbono da atmósfera para almacenalo no chan. Os esforzos que se fagan nesa liña e noutros servizos medioambientais deberían ser compensados, ó entender do grupo de expertos.

– A agricultura e a gandería ten un papel chave en manter o tecido social do rural e en garantir un desenvolvemento territorial equilibrado. O apoio ó campo reduce á emigración ás cidades. Garantir a sostibilidade social das explotacións continuará a ser un obxectivo da PAC.

– A Política Agraria Común garante ingresos xustos para os agricultores a través dos pagos directos. Tamén contribúe a mellorar a súa competitividade a través dos Programas de Desenvolvemento Rural.

Investigación e innovación

O informe remarca a importancia da investigación e da innovación de cara ó futuro. En tal sentido, recomenda fortalecer os institutos agrarios de investigación pública, así como a investigación nas universidades. “É fundamental non desperdiciar o tempo dos investigadores en procedementos burocráticos”, valórase.

O grupo de expertos recomenda fortalecer a investigación pública e os servizos de extensión agraria

As innovacións en produtos, procesos e na organización dunha cadea alimentaria máis xusta serán necesarios. Espérase o desenvolvemento da agricultura de precisión, apoiada nas novas tecnoloxías, e proponse un impulso dos servizos de aconsellamento e de extensión agraria. “Teñen que xogar un papel esencial de mediadores entre a investigación e a práctica. Non poden adicarse só a informar de subsidios e a ocuparse da súa certificación”, opinan os expertos.

Tamén se recomenda unha renovación da educación agraria, de cara a integrar nun mesmo currículo aspectos como a xestión da granxa, enxeñería agraria e innovación.

A agricultura, conclúen os expertos, é unha profesión excepcional. Proporciona alimentos, xestiona a paisaxe e fortalece o tecido social de áreas rurais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información