Os supermercados presionan á baixa os prezos do leite

As cadeas de distribución reducen os prezos de venda ó consumidor dos produtos lácteos en tanto o leite sobe lixeiramente no campo. A situación evidencia a falta de avances en lograr unha cadea máis sostible

Os supermercados presionan á baixa os prezos do leite

Gran parte das cadeas de distribución ofertan marcas brancas a menos de 60 céntimos por litro.

Cando hai desencontros entre gandeiros e industrias polo prezo do leite, as industrias lácteas adoitan aparecer como as ‘malas’ da película. As estatísticas do Ministerio revelan, sen embargo, un axente que pasa desapercibido, os supermercados, que teñen un papel capital á hora de presionar os prezos do leite á baixa. No primeiro semestre do 2017, o leite subiu no campo unha media dun 4,5% en relación ó mesmo periodo do ano anterior, pero sen embargo, no supermercado os prezos do leite convencional caíron un 2,20%, unha situación de baixada que se repetiu na maioría dos produtos lácteos.

O primeiro semestre do 2017 destacara pola recuperación dos prezos dos produtos lácteos industriais (manteiga, queixos, etc.) en toda Europa. Esa mellora do mercado repercutiu na maioría dos países en significativas subas no campo, se ben en España a recuperación de prezos quedouse moi por baixo do que agardaban os gandeiros, que comparaban, por exemplo, os baixos prezos pagados por Lactalis-Puleva en España cos pactados en Francia.

Os últimos datos do Observatorio de Precios del Sector Lácteo (Ministerio de Agricultura), publicados este 2018, evidencian a falta de avances en lograr unha cadea sostible do leite. Se as industrias soben os prezos no campo e non son capaces de repercutir esa suba nas súas vendas ós supermercados, bloquéase de facto a recuperación de prezos para os produtores.

Evolución de prezos dos produtos lácteos nas cadeas de distribución.

Evolución de prezos dos produtos lácteos nas cadeas de distribución.

Os índices de prezos do leite líquido e dos produtos lácteos na distribución tocaron fondo na primavera do 2017 (ver gráfico). Os supermercados continuaron a súa estratexia de abaratamento dos produtos lácteos no primeiro semestre do pasado ano (último periodo con datos), en tanto os pagos das cadeas de distribución ás industrias lácteas si melloraron lixeiramente, arredor dun 0,4% en comparación co primeiro semestre do 2016, pero en calquera caso moi lonxe do 4,5% que subiu o prezo do leite no campo.

Desde as cadeas de distribución teñen argumentado que a baixada do consumo do leite en España é un factor que aconsella unha política de ofertas nos prezos dos produtos lácteos. O Ministerio, pola súa banda, que asinou no 2015 un acordo lácteo conxuntamente entre industrias, cadeas de distribución e parte do sector gandeiro, tamén ten apuntado que a libre competencia dificulta a adopción de medidas sobre a situación dos prezos do leite nas cadeas de distribución.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información