Os sindicatos piden unha solución política e a Xunta recorda que en 2009 o prezo era peor

As organizacións agrarias recordan que España produce menos leite da que consume "polo que a recollida un prezo digno debería estar garantida". A conselleira anuncia que o novo PDR destinará axudas europeas por importe de 500 millóns para o sector lácteo galego.

Os sindicatos piden unha solución política e a Xunta recorda que en 2009 o prezo era peor

Manifestación desta mañá en Santiago de Compostela

En declaracións aos medios de comunicación antes da multitudinaria manifestación do sector lácteo, o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, denunciou que a situación de prezos do leite por debaixo dos custos de produción e con ameazas por parte da industria aos gandeiros de non lla recoller “se produce soamente en Galicia”.

Ademais, recordou que “España é un país deficitario de leite e Galicia produce a metade do total” polo que cualificou de “terrorismo informativo que se fale de que sobra leite tras o fin das cotas lácteas”.

Por iso, reclamou ás administracións que se cumpran as regras de xogo, de forma que, nun país no que falta leite que se recolla toda a prezo de mercado”.

“As administracións non fixeron ningunha previsión para evitar esta crise”

Pola súa banda, Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), denunciou a desprotección dos gandeiros por parte da Administración. Neste sentido, reclamou tanto á Xuntacoma ao Goberno Central “medidas urxentes para que a industria deixe de impoñer aos gandeiros prezos do leite á baixo”, unha situación na que “os gandeiros só teñen a opción de aceptalos sen negociación ou tirar o leite porque lla deixan” de “recoller”.

Francisco Bello, secretario de ASAJA-Galicia, recordou que a situación dos gandeiros “é de incerteza tremenda” tras o fin das cotas lácteas e recordou que ás administracións “non” fixeron ningunha previsión” para evitar a crise actual.

Por último, o presidente de Fruga, Xurxo Álvarez, reclamou que a solución a esta crise de prezos “é unha intervención política do Goberno que poña orde nesta desorde”.

Rosa Quintana: “É un momento complicado, pero non o peor”

Pola súa parte, a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, lembrou que “na primavera de 2009 o prezo medio aboado aos produtores era de 25,2 cts/l mentres que agora é de 28,4 cts/l, polo que a pesar de estar atravesando un momento complicado non é certo que sexa o peor, aínda que alguén esté intentando facelo ver así e non sabemos con qué interese”.

Ademáis, asegurou que “o sector lácteo é prioritario para a Xunta de Galicia” e que ven traballando dende fai máis dun ano en incorporar medidas específicas destinadas a este sector ao abeiro do novo Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia, “onde se contemplan 500 millóns de euros destinados ao sector lácteo galego”.

“No novo PDR haberá 500 millóns para o sector lácteo”

A conselleira asegurou que no futuro PDR “se contempla un incremento de axudas tan importantes como son as destinadas ás explotacións ubicadas en zonas con limitacións naturais, que pasan dos 52 aos 116 millóns de euros”.

“A maiores -salientou- destinaranse ata 68 millóns de euros ao fomento da agricultura ecolóxica, 130 millóns para apoiar novos investimentos en modernización de explotacións, 35 millóns para desenvolvemento de explotacións e instalación de agricultores mozos ou ata 80 millóns para axudar ao desenvolvemento de novos produtos para a transformación/comercialización”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información