Os silos de herba desta primavera acadan a mellor calidade dende 2006

Os resultados do Laboratorio de Mouriscade mostran que a porcentaxe de proteína bruta nos silos de herba desta primavera subiu ata o 13,1%, a mellor porcentaxe dende o ano 2006

Os silos de herba desta primavera acadan a mellor calidade dende 2006

Equipo da cooperativa Os Irmandiños ensilando herba.

A calidade dos silos de herba mellorou notablemente este ano en Galicia, tanto en proteína bruta como en dixestibilidade. Así se desprende das máis de 3.500 mostras analizadas polo laboratorio da Finca Mouriscade, dependente da Deputación de Pontevedra, entre o 1 de marzo e o 7 de xuño.

En concreto, as analíticas mostran que a porcentaxe de Proteína Bruta (PB), un dos principais indicadores para medir a calidade dos silos, subiu un punto, pasando do 12,1 ao 13,1%. Habería que remontarse ao ano 2006 para atopar unha porcentaxe maior, daquela un 13,9%.

Ao mesmo tempo, baixou o contido en fibra como media un punto con respecto ás analíticas do ano 2016, sendo especialmente salientable o descenso da Fibra Ácido Deterxente (FAD) que se relaciona cunha menor dixestibilidade da forraxe.

Non obstante, haberá que agardar aos datos definitivos de finais de ano para confirmar esta tendencia á melloría.


ENSILADO PRADEIRA ANO 2017 (1 de marzo a 7 de xuño, 3.553 mostras) expresados en %

PH

MS

PB

FB

FAD

FND

Cinzas

Año 2008
(8.010 muestras)

4.18

32.2

11.6

31.5

36.0

57.2

8,7

Año 2012
(11.402 muestras)

4.43

34.6

12.3

30.4

35.2

55.1

9

Año 2015
(12.901 muestras)

4.46

33.3

12.4

31.1

36.0

55.7

8,9

Año 2016
(13.320 muestras)

4,48

32,3

12,1

30,5

35,6

55,4

8,9

Año 2017
( 3.553 muestras)

4,49

31,8

13,1

29,8

34,8

53,1

9,5

Sociedade Galega de Pastos e Forraxes: “A climatoloxía axudou pero os gandeiros cada vez valoran máis a importancia económica dun bo silo de herba”

Dende a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes (Sgpf), o seu presidente, Eloi Villada, considera que “a mellora nun punto de proteína bruta é un paso moi importante, pois mellora a calidade nutricional e, normalmente, a dixestibilidade da forraxe”.

“Nos últimos anos descoidouse os silos de herba e chegouse a niveis de proteína moi baixos, sobre todo pola falta de leguminosas”, explica Villada.

O presidente da Sgpf recoñece que “as boas condicións meteorolóxicas permitiron facer ben o ensilado, de forma que a boa calidade compensou a menor cantidade, pero tamén os gandeiros cada vez están mellor informados”.

Sen embargo, Eloi Villada considera que “aínda hai marxe de mellora, e sendo un 13,1% de proteína bruta un dato bo, poderíase seguir mellorando ata chegar ao 14 e mesmo ao 15%”. “Con estas mellores calidades dos silos, os resultados das ganderías tamén deberían ser mellores, e animar aos gandeiros a continuar con esta tendencia”, engade.

Finalmente, o presidente da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes bota en falta que “nas analíticas oficiais tamén se incluísen datos de dixestibilidade, así como do índice de conservación das forraxes”.

Manuel Fernández (Consuvet): “É un dato moi bo e indica que a herba se recolleu máis tenra”

Pola súa banda, Manuel Fernández, técnico de Consuvet, asegura que “aínda que na calidade dos silos de herba hai moitísima variabilidade entre gandeiros, o dato dun 13,1% de proteína é moi bo e indica que este ano, grazas ao bo tempo, a herba cortouse tenra, con máis proteína e menos fibra”.

“O ideal en canto a proteína bruta nun silo de herba é entre un 13 e un 14, que teña máis tampouco sería bo pois normalmente iría asociada a unha carencia de azucre na herba, como pasa nos silos de outono, o que obrigaría a engadirlle polpa de remolacha, fariña de millo ou azucre ao silo para asegurar unha boa fermentación”, engade.

“Un silo de boa calidade sae baratísimo, un de mala costa o mesmo pero sae carísimo”

En canto á porcentaxe de cinzas, unha media de 9,5, considera que “son un pouco altas, e iso vai asociado a que entrou terra no silo, o cal nunca é bo porque trae problemas de clostridios”.

Como conclusión, Manuel Fernández lembra que “facer un silo de herba de boa calidade é baratísimo, pero facer un de mala calidade custa o mesmo pero acaba saíndo carísimo”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información