Os seis gandeiros de Ávila en conflicto cunha industria láctea pechan un acordo

Tras o bloqueo de Ornua hai dez días, os afectados lograron que a empresa continuase a recollerlles a produción e agora agora acadaron un entendemento sobre o prezo

Os seis gandeiros de Ávila en conflicto cunha industria láctea pechan un acordo

Imaxe do bloqueo da industria hai uns días.

O sector produtor vén de gañar a primeira batalla coas industrias lácteas. Foi en Ávila, onde un grupo de seis gandeiros, apoiado pola Unión de Campesinos de Castilla y León, bloqueou hai dez días a industria Ornúa durante 36 horas. Tras aquel bloqueo, os gandeiros, ós que a industria lles deixara de recoller o leite, lograron que a empresa restablecese a recollida e agora veñen de pechar un acordo de prezos pactado polas dúas partes.

A implantación dos contratos lácteos no campo, lonxe de acabar coa conflictividade entre gandeiros e empresas, aumentou os problemas, co agravante do que os gandeiros definen como un clima de “impunidade” ante incumprimentos das industrias do asinado. En Ávila, a finais de xullo a láctea irlandesa Ornúa decidiu aplicarlle a 28 gandeiros unha baixada unilateral de 4 céntimos, a pesar de ter asinado con eles un contrato anual ata o 30 de marzo do 2016.

A empresa instou ós afectados a asinar un novo contrato a 27,5 céntimos –fronte ós 31,5 acordados en abril- coa advertencia de que lles deixaría de recoller o leite se non o suscribían. Con esa espada de Damocles enriba, a maioría das explotacións asinaron o novo contrato, pero seis gandeiros opuxéronse coa idea de facer valer o xa pactado en abril.

A láctea entón canceloulles a recollida de xeito unilateral a comezos de agosto, o que levou ós afectados a emprender un bloqueo ás portas da empresa que se prolongou durante 36 horas, ata que conseguiron que se lles restablecese a recollida e un preacordo de negociación coa mediación da Junta de Castilla y León.

As explotacións chegaron a un acordo, pero recurrirán igualmente á arbitraxe da Interprofesional Láctea

Esa negociación, forzada pola Junta, produciuse esta semana e pechouse cun pacto aceptado polas dúas partes. O prezo final para o leite vai quedar na metade do disputado. Nin os 31,5 iniciais nin os 27,5 ofertados pola láctea, senón 29,5 céntimos por litro.

Arbitraxe
A maiores, os afectados solicitarán a arbitraxe da Interprofesional Láctea para facer valer o contrato asinado en abril e que se lles abone nun futuro, con efectos retroactivos, a diferenza entre o novo contrato e o asinado en abril. Desde a Unión de Campesinos de Castilla y León, integrada na Unión de Uniones, a súa responsable láctea, Adoración Martín, amosaba onte a súa satisfacción tanto polo acordo logrado para os gandeiros como polo precedente que senta.

Martín destaca que é a primeira ocasión na que os gandeiros logran facer valer os seus dereitos. “Se deixásemos pasar este caso sen facer nada, detrás deste virían máis” -valora Adoración Martín-. “Pelexando conséguense as cousas”, conclúe.

A Unión agarda tamén unha futura resolución favorable da arbitraxe da Interprofesional Láctea. A organización presentará no proceso un escrito da Junta de Castilla y León que avala a legalidade do acordo suscrito entre as partes en abril.

Marcha branca
O sector lácteo de Castilla y León emprenderá o 24 de agosto unha marcha branca ata Madrid. Os gandeiros están a organizarse para ir por relevos a pé ata Madrid co obxectivo de visibilizar as súas demandas ante a sociedade. A principal reclamación, un acordo para a suba dos prezos do leite. A saída está prevista en León o próximo día 24 e a chegada será en principio o 6 de setembro. Se non houbese logros previos, os gandeiros teñen previsto permanecer ante o Ministerio de Agricultura, en Atocha, os días que sexa preciso.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información