Os seguros gandeiros en Galicia encarécense de media un 10%

A subida débese á redución en 10 puntos na subvención do Ministerio a todas as pólizas, o que supón un encarecemento do 14% nos seguros gandeiros. En Galicia a subida palíase en parte grazas ás axudas da Xunta, algo que non ocorre en todas as comunidades.

Os seguros gandeiros en Galicia encarécense de media un 10%

Vacas na gandería Casa Codesal (Friol)

Os seguros para gandería encarecéronse desde o 1 de xuño en Galicia unha media do 10%, unha subida inferior á media de España. Este encarecemento débese a que o Ministerio de Agricultura recortou en 10 puntos a subvención base de todas as liñas e en todos os cultivos, unha decisión que se traducirá nun encarecemento medio das pólizas superior ao 20% nalgúns casos, e do 14% como media. En Galicia, a achega da Consellería do Medio Rural permitiu paliar en parte esta suba.

A razón deste encarecemento está na conxelación da partida para subvencionar a contratación de seguros agrogandeiros que destina o Ministerio a través da Entidade Nacional de Seguros Agrarios (Enesa). En 2016 aos 211 millóns orzamentados sumóuselle un crédito extraordinario de 56 millóns para poder cubrir o incremento na contratación e garantir o nivel de subvencións. Sen embargo, o orzamento de 2017 volve quedar en 211 millóns e sen posibilidade de incrementos. É dicir, o mesmo diñeiro a repartir entre máis pólizas, polo que Enesa optou por reducir a porcentaxe de subvención en 10 puntos, co que a axuda pública cubrirá algo menos do 40%, lonxe do máximo do 65% subvencionable que permite a normativa da Unión Europea. Este recorte está a supoñer desde o 1 de xuño, cando entra en vigor o novo plan de aseguramento para gando, un encarecemento dos seguros gandeiros de ata o 20%, dependendo da Comunidade.

En Galicia esta baixada prevese que se palíe grazas a que a Consellería do Medio Rural subvencionará o 16% sobre o 90% do custo do seguro; é dicir, sobre a Prima Comercial Base, en lugar de sobre a subvención de Enesa, que era como se facía en anteriores plans. Este cambio beneficia aos agricultores e gandeiros e faino de forma lineal, sen ter en conta os sinistros declarados.

Desta forma, as subvencións de Enesa para 2017 quedarían da seguinte forma:

ENESA_2017

Sen embargo, Ana Eiras, responsable de Seguros Agrarios do Sindicato Labrego Galego, lembra que “a porcentaxe de subvención -un 45% no caso do vacún de leite e de carne- é o máximo, o que na práctica é case imposible alcanzar, pois a explotación gandeira tería que cumprir todas as características que lle permitan chegar a esa porcentaxe de axuda”.

O descenso na achega pública ás pólizas agrarias e gandeiras é evidente se se compara coas subvencións por liña de seguro de 2016:

seguros_2016

Para a representante do Sindicato Labrego “coa baixada de 10 puntos na subvención de Enesa retrocédese parte do camiño andado e o custo da póliza par o gandeiro volve ser equiparable ao do ano 2013”.

Isto pode levar, segundo Ana Eiras, a tres situacións: “A que caian as contratacións, o que pode levar á contradición de que sobre parte do diñeiro presupostado por Enesa, ou a que abandonen os seguros as explotacións que teñan menos riscos, o que aumentaría a antiselección, poñendo en perigo a viabilidade do sistema de seguro agrario en España”. E unha terceira consecuencia poderían ser as perdas nas explotacións agrarias cando sufran fortes sinistros e non conten con ferramentas que lles axuden, como ocorreu recentemente cos danos polas xeadas en viñedo.

Roberto García (Unións Agrarias): “O goberno está a deixar a política de seguros agrarios en mans das compañías privadas”

Pola súa banda, Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias lembra que “o problema de fondo é que o Ministerio se nega a aumentar o orzamento para axudas a seguros agrarios, co que calquera incremento de pólizas, como se defende para o caso do viñedo, será á conta de reducir a porcentaxe de subvención”.

En canto aos seguros gandeiros, Roberto García critica o sistema de penalizacións. “Está claro que ningunha explotación gandeira ten unha desgraza intencionadamente, e trasladar ao seguro agrario un efecto non controlable como pode ser unha adversidade climatolóxica como a seca ou enfermidades do gando, o que é unha política de bonus e malus, é unha aberración”, advirte

Neste sentido, o responsable de Unións lamenta que “o Ministerio está a deixar a política de seguros agrarios, que debería ser tamén un instrumento para garantir rendas aos agricultores e gandeiros, en mans das compañías privadas”.

Ucoga: “A baixada da subvención non axuda a estender a contratación de seguros no campo”

E que opinan desde as aseguradoras? Iván Novo Castro, director xeral de Ucoga, a maior correduría de seguros agrarios de Galicia recoñece que “os seguros agrarios e gandeiros a partir do 1 de xuño son algo máis caros”. Neste sentido, considera que este encarecemento vai diminuír a cobertura de seguros agrarios no campo, xa de por si baixa en sectores como o viñedo, e máis aínda nunha situación de prezos estancados no leite ou na carne. “O maior problema é que se agora a administración quixese reactivar a contratación de seguros, esta baixada da subvención non vai axudar”, advirte.

A Xunta destaca que as súas axudas subvencionan ata o 16% das pólizas gandeiras

Desde a Consellería do Medio Rural destacan que as súas axudas para o fomento da contratación de seguros agrarios, recentemente publicadas no Diario Oficial de Galicia, elévanse este ano ata os 4,7 millóns de euros.

Neste sentido, Belén do Campo directora xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Xunta de Galicia, destacou recentemente no Parlamento Galego que “con esta axuda subvenciónase nun 22% a prima comercial base nas producións agrícolas, incluídas o viñedo, e nun 16% as gandeiras, o que supón un incremento do 11%, respecto ao pasado ano”.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información