“Os retos para a gandaría de vacún de leite son reducir o impacto ambiental e atraer man de obra”

Entrevista a Tom O´Dwyer, responsable do Departamento de Transferencia de Coñecemento ao Sector Lácteo do TEAGASC, a autoridade do goberno irlandés que se encarga da investigación e do asesoramento agrogandeiro

“Os retos para a gandaría de vacún de leite son reducir o impacto ambiental e atraer man de obra”

Tom O´Dwyer, responsable do Departamento de Transferencia de Coñecemento ao Sector Lácteo do TEAGASC

A Autoridade de Desenvolvemento da Agricultura e da Alimentación de Irlanda (TEAGASC) é un referente en toda Europa xa que conxuga ao mesmo tempo unha importante rede de centros de investigación agrogandeira cun corpo de 250 asesores que trasladan directamente este coñecemento -desde a fertilización das pradarías, a melloras tecnolóxicas e xenética do gando- ás ao redor de 18.000 granxas que existen na República de Irlanda. E todo este asesoramento é independente, sen estar condicionado por intereses comerciais de empresas privadas.

Entrevistamos a Tom O´Dwyer, responsable do Departamento de Transferencia de Coñecemento ao Sector Lácteo do TEAGASC, no marco dunha viaxe organizada polo Centro de Promoción Rural EFA-Fonteboa para visitar ás súas alumnas que realizan prácticas en granxas irlandesas a través do programa Erasmus Young Farmers.

Que é o TEAGASC?
A Autoridade de Desenvolvemento da Agricultura e a Alimentación de Irlanda (TEAGASC) é unha organización pública, cofundada en 1988 polo Goberno irlandés, coa finalidade de prover de servizo de asesoramento e formación aos gandeiros de Irlanda.

Actualmente traballo no Moorepark Food Research Centre, en Fermoy, no condado e Cork. A miña función é pór en contacto o traballo de investigación realizado no sector de vacún nos centros de investigación do TEAGASC e os asesores que temos en campo.

No TEAGASC traballamos ao redor de 1100 persoas de forma permanente en 55 centros, a maioría oficinas locais de asesoramento agrogandeiro, e contamos cun orzamento anual de algo máis de 160 millóns de euros, que nun 65% é financiamento público, tanto do goberno irlandés como de fondos europeos, e o 35% do sector privado, entre eles do sector gandeiro. En número de asesores que traballan directamente cos gandeiros e agricultores é duns 250, dos que 85 están especializados en vacún de leite e prestan asesoramento a unhas 7.000 gandarías. En total, en Irlanda contamos cunhas 18.000 granxas.

Que tipo de asesoramento ofrecedes aos gandeiros?
Utilizamos distintas vías para prestar asesoramento aos gandeiros e que estes se acheguen ao TEAGASC. Unha das vías son as granxas demostrativas, nas que participamos a nivel europeo xunto a moitas entidades, entre elas o Centro de Promoción Rural EFA-Fonteboa, no proxecto Agridemo. Consiste en organizar visitas a granxas que poidan servir de referente en canto a manexo do gando, innovación tecnolóxica, cultivo de forraxes…etc.

“Os gandeiros pagan ao TEAGASC polo asesoramento, o que lles fai ser esixentes”

Outra vía moi interesante que utilizamos son os grupos de discusión, nos que reunimos a varios gandeiros dunha zona para que debatan, compartan coñecementos e avancen xuntos. Neste momento xa temos funcionando uns 340 grupos de discusión de gandeiros en Irlanda. Tamén tentamos achegarnos ao sector a través de demostracións en campo, xornadas de portas abertas nos nosos centros de investigación, boletíns electrónicos…etc.

A vós quen vos paga?
O persoal do TEAGASC é pagado principalmente polo Goberno irlandés pero tamén polo sector agrogandeiro. De feito, sobre o 35% do orzamento do noso centro provén do sector privado.

Que valoran máis os gandeiros do servizo de asesoramento do TEAGASC?
Unha dos aspectos que máis valora o sector do TEAGASC é a nosa independencia, as nosas investigacións non as realizamos para gañar diñeiro e lucrarnos senón para que sexan útiles e rendibles para os gandeiros.

 “Unha dos aspectos que máis valora o sector do TEAGASC é a nosa independencia”

En segundo lugar, e grazas á nosa rede de asesores gandeiros, os resultados das nosas investigacións trasládanse ao sector directamente, coa confianza de que son innovacións e consellos que xa testamos nos nosos centros de investigación.

En Europa non hai unha organización que combine ao mesmo tempo a investigación e o asesoramento e formación aos gandeiros, con carácter público, como fai o TEAGASC.

Como paga o gandeiro por este asesoramento?
Existe unha taxa anual de subscrición, a máis básica, duns 150 euros anuais e que cobre 4 consultas nas oficinas de asesoramento, e o envío dos nosos boletíns de noticias e da nosa revista.

A continuación a seguinte taxa é duns 550 euros anuais e inclúe formar parte dun grupo de discusión, 24 consultas ao ano nas oficinas de asesoramento agrícola, visitas á gandaría e consultas moito máis detalladas. En caso de asesoramento moi específico, cobraríase a parte.

En que aspectos creedes que pode mellorar máis o servizo do TEAGASC?
Creo que debemos seguir mellorando na creación e incremento dos grupos de discusión, mellorar a comunicación a través das redes sociais, incrementar o tempo por gandeiro que dedican os nosos asesores, especialmente en temas como normativa de nitratos ou manexo do pasto.

Hai unha tensión positiva entre o que demandan os gandeiros e o que TEAGASC ofrece.

Cales son os principais retos para as granxas de gando en Irlanda?
Neste momento, o principal desafío está relacionado co medio ambiente: emisións de amoníaco, normativa de nitratos, emisión de gases de efecto invernadoiro como o metano e a pegada de auga.

Hai 10 anos o principal desafío eran as cotas lácteas e aumentar a produción, pero neste momento o principal desafío para o futuro da gandaría de leite en Irlanda son as emisións de gases de efecto invernadoiro.

“O principal reto para as gandarías de Irlanda é a man de obra e reducir o impacto ambiental”

Outro importante reto do futuro é a capacitación e formación de persoal para traballar nas granxas de vacún de leite. Por cada 100 vacas a maiores na granxa necesitamos outro posto de traballo e en Irlanda estamos case en situación de pleno emprego, polo que competimos con outros sectores económicos por atraer man de obra. E iso é un importante reto: atraer persoas a traballar nas gandarías e, sobre todo, ser capaces de que permanezan no seu posto de traballo e non o acaben abandonando por outro.

En canto á substitución xeracional, é certo que é tamén un reto para o futuro.

Polo que respecta á robotización é certo que vai aumentar, pero en Irlanda é difícil implantalos co sistema de pastoreo, é complicado polo momento. Quizais si aumenten máis as salas de muxido rotatorias robotizadas, capaces de muxir ata 150 vacas por hora, ou máis.

Sénteste valorado no teu traballo?
Polo seu posto que si. É fantástico traballar para axudar aos gandeiros a que melloren a súa rendibilidade, axudándolles na toma de decisións. Traballar cos gandeiros directamente e de xeito conxunto é moi motivador.

Como definiriades un asesoramento independente?
TEAGASC non vende ningún produto aos gandeiros, só lles presta asesoramento. Non lles decidimos nunca a que empresa teñen que comprar, só lles prestamos asesoramento. Creo que iso é un asesoramento independente.

Vacas en pastoreo en Irlanda

Vacas en pastoreo en Irlanda

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información