Os retos de producir leite a 1.500 quilómetros do gran consumo

As illas Azores (Portugal) comparten con Galicia problemas na industrialización do leite como a lonxanía dos centros de consumo ou menores prezos ó resto do Estado. Analizamos o caso azoriano coas súas dúas principais cooperativas, Unileite e Unicol

Os retos de producir leite a 1.500 quilómetros do gran consumo

Unileite, cooperativa industrial da Illa de San Miguel, nas Azores.

As Illas Azores producen un terzo de todo o leite de Portugal, arredor de 600.000 toneladas ó ano, pero teñen o problema de que están no medio do Océano Atlántico, a uns 1.500 quilómetros de Lisboa. Do leite producido nas Azores, pouco máis do 10% é consumido nas propias illas, en tanto o 90% ten que enviarse ó Portugal continental ou á exportación. Que estratexias seguen para comercializar a súa produción? Que repercusións ten nos gandeiros a distancia dos centros de consumo?

Analizamos a situación con Unileite, a principal cooperativa da illa de San Miguel, que conxuntamente con outras cooperativas das Azores comercializa a súa produción a través da sociedade Lactaçores; e con Unicol, a cooperativa da Illa Terceira, que xestiona conxuntamente con Lactogal a industria Pronicol. Entre Lactaçores e Pronicol, comercializan máis do 70% do leite das illas portuguesas.

Queixos, leite en po, manteiga e leite UHT
A transformación industrial do leite das Azores ten que orientarse en boa medida a produtos que teñan o mellor transporte posible por barco. A estratexia da Pronicol céntrase na produción de queixos e leite en po, en tanto a produción de leite UHT representa un capítulo menor polos seus altos custos de distribución.

As illas orientan boa parte da súa produción a queixos e leite en po, con menores custos de transporte que o leite líquido

Distinto é o caso de Unileite, que adica preto da metade da súa produción a leite UHT, tanto con marcas propias coma, en menor medida, con marcas da distribución. “O principal negocio é co leite UHT, que deixa beneficios a pesar das marxes limitadas”, confirma o secretario geral de Unileite, José Vicente.

A sociedade Lactaçores, a través da que comercializa Unileite, vende a súa marca nas cadeas de supermercados portugueses a unha media de 54 céntimos e ten que competir con marcas da distribución que se comercializan por baixo dos 50 céntimos. “Na actualidade, temos cinco grandes clientes, cando hai anos as empresas de distribución eran ducias”, compara o responsable de Unileite para apuntar o poder de negociación da distribución.

Arredor doutro 15% da produción de Unileite oriéntase á produción de queixos, dos que a cooperativa dispón dunha ampla gama, en especial de queixos curados e envasados ó baleiro, con gran capacidade de viaxar.

Outro dos eixos do modelo de negocio de Unileite é a venda a Nestlé de arredor dun 25% da súa recollida para a elaboración de leite en po. En Pronicol adican incluso porcentaxes superiores á elaboración de leite en po, algo que repercute de xeito negativo sobre o prezo pagado ó produtor.

O negocio das cooperativas das Azores complétase coa manteiga, un produto moi consumido en Portugal, e con soro en po, como produto secundario da elaboración de queixos.

Crecemento da produción
Os gandeiros das illas portuguesas producen leite principalmente en base a pastos, polo que o factor que limita o seu crecemento de produción é a falta de terra dispoñible. Con todo, a gandería das illas está a experimentar unha progresiva intensificación, con maiores usos de concentrado e de silo de millo, o que permite aumentos na produción de leite. Na illa de San Miguel, Unileite calcula que rematará este ano cun 4% máis de leite recollido.

“Se aumentamos a produción e os mercados mundiais non medran, estaremos cavando a nosa sepultura” (Mancebo Soares, Unicol)

A produción das illas ronda calidades medias nos estándares de 3,20 de proteína e 3,70 de graxa. “Deberamos orientarnos á produción de sólidos, pero a realidade é que o sistema que temos é de produción de leite líquido”, recoñece o xerente da cooperativa Unicol, Mancebo Soares.

Mercados
Do leite das Azores, algo máis dun 10% consúmese nas illas, en tanto un 80% vai para Portugal continental e o resto destínase a mercados de exportación.

“Os estudos da FAO din que a poboación mundial seguirá en crecemento e que aumentará a demanda de produtos lácteos, pero outra cousa distinta é que creza o mercado de lácteos, pois precísanse de cartos para adquirilos. Probablemente as vendas continúen nos mercados do Norte, así que haberá que axustar a produción á demanda”, analiza o xerente de Unicol, Mancebo Soares.

Mancebo Soares, xerente de Unicol.

Mancebo Soares, xerente de Unicol.

“Se nós continuamos na ansia de producir máis, cavaremos a nosa propia sepultura no caso de que os mercados mundiais non crezan” -valora-. “Nós sempre defendemos as cotas leiteiras, pero perdemos a batalla cos produtores do norte de Europa, que conseguiron a súa eliminación”, lamenta Soares.

Cando a crise do leite do 2015-2016, tras o remate das cotas, os aumentos de produción a nivel europeo obrigaron a Unicol a destinar a leite en po máis da metade da súa produción. Os prezos para os gandeiros baixaron daquela ata o entorno dos 23 céntimos, unha regulación que recaeu no conxunto do sector, a diferenza do que sucedeu en Galicia, onde o problema se concentrou en medio milleiro de explotacións, que sufriron prezos por baixo dos 20 céntimos.

Prezos para os gandeiros
Unileite, na illa de San Miguel, está a pagar na actualidade o leite a unha media de 28,8 céntimos, pero arredor da metade dos seus produtores, os que dispoñen de tanque de frío propio, perciben uns 30 céntimos de media, en tanto que a outra metade, que empregan equipos de muxido móbil e entregan o leite en centros de recollida, cobran a unha media de 27,4.

“Quen manda son as cadeas de supermercados. Antes a marca Azores valía moito e agora a moda é o leite de pastoreo” (José Vicente, Unileite)

En Unicol, na illa Terceira, os prezos rondan os 26,5 céntimos de media, sendo máis baixos que no Portugal continental e máis baixos que na illa de San Miguel. A cooperativa xustifica os menores prezos polas altas cantidades de leite que ten que destinar á elaboración de po. “É certo que Unileite tamén destina máis de 50 millóns de litros de leite para a súa transformación en po por parte de Nestlé, pero obtén un maior beneficio por el coa súa venda á multinacional”, consideran en Unicol. “En comparación co continente, a nosa vantaxe son os menores custos de produción dos gandeiros”, conclúen.

A marca Azores, o leite de pastos e o ecolóxico
O leite das Azores leva décadas posicionado de xeito natural no mercado portugués coma un leite de calidade, pois no país veciño é coñecido o sistema de pastos das illas, un enclave tradicional de turismo verde. Os produtos lácteos das Azores usan o selo ‘Produto dos Açores’, unha marca valorada polo consumidor portugués.

Como fórmula de lograr unha maior diferenciación no mercado, a Pronicol lanzou nos últimos meses un leite certificado de pastoreo, unha estratexia que seguirá en breve Unileite. Ambas cooperativas están a traballar tamén no lanzamento dun leite ecolóxico para captar ese nicho de mercado. “Quen manda son as cadeas de supermercados. Antes a marca Azores valía moito e agora a moda é o leite de pastoreo”, conclúe José Vicente, de Unileite, unha cooperativa que está en conversas con Mercadona para suministrar ós supermercados en Portugal da cadea española.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información