En España os gandeiros perden 25 millóns de euros ao mes pola diferenza de prezos do leite con Europa

En España os gandeiros perden 25 millóns de euros ao mes pola diferenza de prezos do leite con Europa

O secretario de gandaría da Unión de Pequeños Agricultores (UPA), Román Santalla, remitiu unha carta ao presidente da Federación Nacional de Industrias Lácteas (FENIL) na que denuncia que os prezos que pagan polo leite español son dos máis baixos da Unión Europea.

Segundo datos do Observatorio do Sector Lácteo de Unión Europea indican que o prezo medio na UE no mes de decembro foi de 0,359 euros o litro, que baixou a 0,323 no caso de España e a 0,363 euros o litro de leite no caso de Francia.

“Os gandeiros españois de vacún de leite deixan de ingresar 25 millóns de euros mensuais respecto dos europeos”

“Os gandeiros lácteos franceses reciben hoxe 5,42 euros máis que os españois por cada 100 kg. de leite. Se comparamos coa media da Unión Europea a diferenza é de 4,45 euros/100kg. Uns datos que se resumen nos máis de 25 millóns de euros mensuais que perden os produtores do noso país respecto dos europeos”, advirte Román Santalla na misiva.

“Se a industria española non sobe o prezo do leite non haberá relevo nas gandarías”

Neste sentido, o secretario de Gandaría de UPA lembra á FENIL “que se o prezo do leite en orixe non sobe vémonos abocados á desaparición e ao peche, como de feito xa está a ocorrer en España, onde pechan de media tres explotacións lácteas ao día, segundo datos do Ministerio de Agricultura”.

Por último, na misiva tamén sinalan que “ningunha ferramenta servirá” -en referencia aos contratos de compravenda, ás campañas de promoción ou aos cambios lexislativos- se non se aborda un “verdadeiro cambio de conciencia” dos industriais lácteos. “Deben vostedes convencerse de que ningún modelo empresarial pode basearse en arruinar aos seus provedores”, lembra Santalla.

Descarga aquí a carta

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información