Os produtores de leite demandan máis información do Ligal e un plan de apoio á recría

Os produtores de leite demandan máis información do Ligal e un plan de apoio á recría

Os ganderías de vacún de leite de Galicia demandan unha mellora e unha ampliación dos controis do leite que realiza o Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal). Así llo transmitiu esta mañá unha delegación de responsables da Federación Frisona Galega (Fefriga) á conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, nunha reunión celebrada en Santiago.

Actualmente, a partir da análise das mostras de leite, o Ligal facilita ao gandeiro información sobre as calidades do leite (graxa e proteína), así como reconto de células somáticas (RCS). O que solicitan os produtores que están en Control Leiteiro é que o Ligal tamén lle transmita ao gandeiro a información das analíticas sobre os niveis de urea no leite, unha información que sería de utilidade para o traballo dos técnicos de alimentación, así como tamén a de ácidos graxos.

Ademais, solicitan que o Ligal, aproveitando as analíticas actuais, tamén facilite aos produtores lácteos información sobre BHD das vacas recén paridas, para determinar se teñen risco de padecer cetose. É unha mostra que actualmente é preciso solicitar a parte e que ten un custo de 20 céntimos por cada unha. Neste sentido o que se demanda é que sexa gratuíta e que se faga na mesma analítica que se realiza actualmente.

Por último, os representantes de Fefriga pediron á Consellería de Medio Rural que se faga cargo dos gastos da totalidade das mostras de Control Leiteiro. Actualmente a Xunta subvenciona un máximo de 10 controis por lactación, pero o incremento da produtividade das vacas fai que estean chegando a 13 controis, asumindo as tres mostras restantes os propios gandeiros a través das Africores, cun custo medio de 30 céntimos por mostra.

A conselleira e a directora xeral comprometéronse a trasladar estas demandas aos responsables do Ligal, con vistas a esa mellora xeral do sector lácteo galego.

Apoio á recría de Galicia e control do xabarín polos riscos sanitarios que supón

Por outra parte, os representantes de Fefriga trasladaron á conselleira do Medio Rural a necesidade de apoiar a compra de recría producida en Galicia, evitando a importación de xovencas procedentes doutras Comunidades ou doutros países. “En Galicia temos recría cunha altísima cualificación sanitaria e tamén xenética, e sen embargo séguense importando xovencas doutras zonas que con frecuencia veñen con enfermidades e que, cando menos, non son superiores a nivel xenético. Temos que valorar máis o noso e traballar para que ese diñeiro se quede aquí”, sinalan fontes de Africor Coruña.

A delegación de Fefriga comprometeuse a presentar próximamente unha proposta máis concreta para que a Xunta apoie a compra de xovencas de raza Frisona criadas en Galicia.

Por outra parte, os representantes dos produtores de vacún de leite tamén lle pediron á Consellería de Medio Rural un maior apoio ante a sobrepoboación de xabarín, non só polos estragos que está a provocar nos cultivos de millo ou nas pradeiras, senón tamén polo risco sanitario que supón para o gando. “En Castela e León xa detectaron casos de vacas que ao entrar en contacto cos xabaríns, ben directamente ou a través forraxe que fora comida por estes animais salvaxes, se acabaron contaxiando de tuberculose. Isto pon en risco o alto nivel sanitario da cabana de vacún de leite de Galicia, que o ano pasado foi declarada oficialmente como rexión libre desta doenza”, explican dende Africor Coruña.

Por outra banda, nesta reunión ambas partes afondaron nos traballos incluídos dentro do convenio de colaboración entre a Xunta e Fefriga –como responsable do Centro Galego de Control Leiteiro (Cegacol)– destinado á realización de probas para determinar o rendemento leiteiro do gando vacún dentro do Programa Galego de selección e mellora da raza Frisona, para o período 2016-2019. O orzamento máximo establecido neste acordo é de 2,6 millóns de euros.

Fefriga é a federación que agrupa ás catro asociacións provinciais de control leiteiro (Africor) de Galicia. Xuntas, contan con 2.800 explotacións inscritas en control leiteiro e no libro xenealóxico da raza frisona. O volume total de animais destas granxas está arredor das 290.000 cabezas. Representan aproximadamente o 35% das explotacións que se dedican á produción de leite en Galicia, pero o volume de leite producido rolda o 70% da comunidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información